Avançar para o conteúdo principal

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m. Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro.

Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas.


Arrincachantas subs. Parvo


Baño s.m. Maseiro grande.


Calquizo s.m. Musgo


Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma.


Cancelo s.m. (Anguis fragilis) Aliscrán, liscrán, escáncer.

Catramulo subs. Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar.


Cochorizo adx. Osco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente.


Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos.

Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas.


Estoupapoceiras subs. Parvo.


Gazpeto s.m. Cañoto que queda no chan e sobresae uns centímetros despois de cortar unha árbore nova ou un arbusto. 

Infre adx. Aplícase á terra que non é boa para o cultivo por ser pobre en nutrientes, estar sempre asolagada, etc... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres. 

Lesar v.t. Causar lesión. Causar prexuízo. Ofender a reputación ou o interese de.

- Pobriña... lesouna. (referido a unha muller violada)

Ver o portugués lesar

Pandar v. Cambar as táboas ou poñer o cu en pompa.


Sulimo s.m. Pau que xungue as vacas ao arado; soliño.

Tarabelo s.m. Trebello para espantar os paxaros dos cultivos; viraventos. Por extensión, muíños de vento.

Meter ó trillo (estrear, dar uso)
- Esas botas son novas? Hai que metelas ó trillo.
- Chégache mañá o coche? Hai que metelo ó trillo.  

Hai que limpar cando fai vento

Soña o cocho co farelo (que máis quixeras)

O meu can chapou unha mosca (equivalente a o burro tocou a frauta)

Facer algo na arte do demo (moi rápido)

Ese fai os mistos (é capaz de calquera cousa)

Ser un chaqueta de la (fan del o que queren)

Ese fai as moscas (inventa o que non hai)

Ese ten a vara e mais a besta (teno todo)

Son o fol e a amarralla (son tal para cal)

Encima de mel, filloas

Desasnar o xenio (botalo fóra)

Máis me valera cagar e lambela (metín a pata)

Tanto traballar para morrer á mesma hora

Andar co sulimo de arrastro (deixar fillos por todas as partes)

A onde irás boi que non ares! (vaia a onde vaia sempre hai traballos)

Volverse ovella (facer parvadas)

O que non o costa non o vale (o barato sae caro)   

Comentários

  1. Parabéns polo blog!!
    Xa había tempo que non ouvía o de "fíxoo na arte do demo". Ademais desta, moitas outras tamén se din pola miña zona (Viveiro), tal como "fol e amarralla", "por riba de mel, filloas", ou "limpar cando fai vento".
    saúdos

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .