Avançar para o conteúdo principal

C-D

CABALOTO s.m. Bruto e sen xeito ningún, brutallón. Duro e insensible, coirón.

- É coma un cabaloto, rompe todo.
- É coma un cabaloto, morreulle o pai e non chorou unha lágrima.

CABALÓN s.m. Cabalo grande. Bruto e sen xeito ningún. Duro e insensible.

CABALEIRÓN s.m. Bruto e sen xeito ningún. Duro e insensible.

CABAÑÓN s.m. 1) Peza ou parcela de monte comunal que se lle outorga a un veciño para que apañe o toxo ou o batume. (Arcade, Soutomaior).

- Nunha mañán apañaron un cabañón de toxo e trueron un carro a plan.

2) Gabia para plantar a viña. (Vilar de Barrio, Ourense; Lougares, Mondariz)

Ver: camallón, camballón.

CABRA s.f. Ave nocturna que emite sons parecidos ós dunha cabra e que se considera que venta a morte; posiblemente sexa o Caprimulgus europaeus.

CACHAFELLO s.m. Home cativo, pequeno e fraco.

CACHAR v. Cortar e levantar a tona superficial da terra cunha aixada ou legón para remover a vexetación.

CACHE interxección Voz para escorrentar ou afastar o porco; cach, caxe, cax.

CACHICHA s.f.  Esterco das aves (galiñas, pitos, pombas...).

CACHOENTO adx. Que está en celo.

CAGHANICHAS subs. Que se asusta facilmente, caghiñas, caghainas, covarde. De aparencia física débil, fraco e pequeno.

- O teu amigho é un caghanichas, sóplaslle nunha ourella e xa bota a correr.

CAGHARRETE s.m. Pequeno habitáculo nas casas antigas ou fóra delas para defecar, formado por unha parte alta provista dun asento cun buraco e dunha parte baixa onde se acumulaban as dexeccións, que se estrumaba para facer esterco.

CAFÚA s.f. Cubil. (Arcade, Soutomaior)

-Eu cando vai frío métome na cafúa ao pé da cociña de ferro e ó carallo! 

CALCADURA s.f. Acción de calcar. Tunda, torena, zamblea...

- Metéronlle unha calcadura que se caghou na cona!
- Levou unha calcadura que quedou quente.  

CALDA s.f. Líquido onde se coceu carne, peixe, verduras ou outros alimentos, dos que colleu substancia. Xarope.

CAMBALLO s.m. Conxunto de uvas unidas a un mesmo pedúnculo; cacho.

CAMBALUCHOS, ÓS loc. adv. Camiñar de forma vacilante, cambaleando, de un lado para outro, tropezando.

- Deulle un mareo e foi ós cambaluchos asta a casa.
- Á vaca deulle algho á cabeza e conseghiron levala pá corte ós cambaluchos.

CAMBERENDEIRO adx. Que anda todo o día pola casa dos viciños. Que anda todo o día por aí fóra da casa sen facer nada de proveito; camerendeiro, canmerendeiro.

Non quero que andes tódolos días por aí de camberendeiro, parece que non tes casa.

CANASTRO s.m. Hórreo

CANASTRILLO s.m. Estrutura circular partida en dúas metades feita de táboas verticais separadas entre si que se coloca no lagar onde se mete o bagazo para apertalo.

CANDO adv. conx. relativo... (Torroso, Mos)

Cando ... cando: conxunción distributiva.

- Cando un cando outro, sempre andan nela.
- Ela traballaba cando de mañán, cando de tarde, cando de noite.

CANDORNA s.f. Utilízase na expresión "estirar coma unha candorna" para referirse á roupa que estira e se deforma. (Arcade)

- Ese ghersei non vale pra nada, estirou coma unha candorna.

En portugués candorna 'Barco mal feito, muito bojudo e pouco veloz'

CANELO s.m. Anaco de cana entre dous nós que se utiliza para librar os bocois cando se anda co viño; canudo.

- Mirar algo por un canelo/canudo: Ver algo de lonxe sen poder alcanzalo.

CANEXO -A adx. e subs. Que está moi fraco, esquelético. Fraco e cativo.

- Esa vaca non vale pra nada, pero onde comprastes ese canexo, ho!?
- Asta parece que dá ghrima mirar pa el, está coma un canexo!
- Esa canexa... a onde irá con esas saía que en vez de pernas parece que ten aí dous gharabizos!?

Nota: portugués canejo, castelán canijo.

CANGALLAS, DE loc. adv. Caír ó chan coas patas para arriba; caer de cangallas, tirar con alguén de cangallas. (Despois de -n- a pronuncia de -g- vacila entre xorda e sonora, normalmente é xorda).

- Ghanchouno polo peito e tirou con el de cancallas.
- Tropezou nun cañoto e caíu de cancallas.

CANGALLO s.m. Camballo ou cacho sen uvas. Fraco e sen xeito, sen gracia.

- Esa vaca non vale pra nada, é coma un cangallo, está flaca coma un can.
- Vende esa vaca ho!! Iso non vale pa nada, nin engorda, nin dá leite... iso non vale pa nada.

CANGAR v.t. Cargarlle a alguén unha cousa molesta, unha responsabilidade, unha obriga. 

Ver encambar.

CANICOUVA s.f. Carreiro estreito e fondo.

- Apareceu morto naquela canicouva.

CANIVETE s.m. 1) Tubo que contén a pólvora dun foguete. 2) Navalla pequena. 

Botar un canivete: Ter relacións sexuais esporádicas, botar un foghete.

CAPINDÒ s.m. (despectivo) Abrigo grande e longo. Roupa grande e longa sen xeito. (Boiro, Moraña, Arcade)

Ver o portugués capindó.

CARA s.f.

- Negar a cara

- Eses tenis non son de marca, pero non lle negan á cara ós outros!

CARALLO s.m. 1) Órgano sexual masculino.
2) Expresión coloquial de énfase que expresa sorpresa, admiración, contrariedade, aborrecemento, fastío...

- Carallo agora como espabilou, e iso que parecía parvo.
- Carallo como come, e disque non tiña fame
- Carallo, agora acórdaste de min!

3) Aquilo de que se está a tratar o falar, asunto, caso, historia...

- O carallo é aghora como llo vou dicir a eles!
- O carallo é se mo saben, que levo unha tunda neghra! 

Carallo de can s.m.  Molusco bivalvo comestible da familia dos solénidos, cunha cuncha tubular, alongada e algo curvada; navalla, longueirón. (Arcade)

Ai que carallo! Expresa enfado, aborrecemento, fastío.

- Ai que carallo, xa empezamos outra vez coa misma historia.

Ai que carallo me nace pró tempo que teño Expresión que se utiliza ante unha situación negativa e inesperada.

Ale carallo! Manifesta crítica, desaprobación

Arre carallo! Expresa sorpresa, admiración; tamén enfado, aborrecemento.

Bueno carallo bueno Manifesta incredulidade, descrédito; tucurrutú, tucurrutú María Antonia!

Carallo lura! Manifesta sorpresa

Coma o carallo Que está mal feito.

-Isto está coma o carallo, non ten xeito ningún!

Deixarse de carallos Deixarse de historias, deixarse de contos

De (muito) carallo 1) Expresa a idea de que algo se dá en grao elevado ou intenso, con gran tamaño, en moita cantidade, de moi boa calidade...

- Aí os teus viciños fixeron unha casa de muito carallo.
- Hoxe vai un frío de carallo.
- Este ano teñen un viño de muito carallo!

2) Tamén expresa unha idea negativa, de desprezo, dependendo da entoación.
 
- Noo sii, vaiche boa, compraches un coche de carallo, no primeiro día xa non che cende!
- Noo sii, tés uns amighos de carallo, cando che fan falta non aparecen!

3) Situación ou estado negativo
 

- Ai noo, hoxe estás de carallo, non hai quen te ature!
- Puxécheste de carallo! Co que chovía non puideches levar un paraghuas!?
- Onte colleume o frío e púxenme de carallo, teño un catarro...

Do (meu) carallo Expresa a idea negativa de que algo se dá en grao elevado ou intenso, de mala calidade, ruín, cativo

- Vai un frío do carallo!
- Noo, este ano tedes un viño do carallo, non vale pra nada!
- Vaiche boa, tedes un coche do meu carallo, anda a apagharse a cada paso!

Estar ata o carallo Non aguantar máis, estar cheo, estar farto.

Este/ese/aquel carallo  Forma despectiva para referirse a alguén.

-Xa vén outra vez ese carallo a romperme a cabeza!?
-Hai que ter un cuidado con este carallo... calquera día faiche unha boa!
-Non lle dixen a aquel carallo que cerrara todo e fechara as portas...? E non deixou todo aberto!?

Ir para/a o carallo Estragarse algo, non saír algo como se esperaba. Tamén se emprega para rexeitar algo ou alguén. Madar alguén de malas maneiras.

- Tanto traballo como levamos e ó fina foi todo pró/ó carallo!
- Vai pró carallo ti e mais as túas historias, non te quero mirar máis diante!
- Ide pró carallo ti e mais os teus amighos, sodes todos ighuales!

Levar un carallo  Levar un desgusto, sufrir un dano, unha perda, unha contrariedade inesperada.

- Teu irmán levou un carallo, pariulle a vaca e trúiolle a cría morta!
- Onte que carallo levei, fun buscar cartos ó banco e perdín o sobre.

Manda carallo (na Habana) Expresa sorpresa, admiración, contrariedade.

Mandar carallo Dá a idea de que o que se expesa é de gran tamaño, de boa calidade, de grao elevado ou intenso...


- Ten unha casa que manda carallo!
- Vai un frío que manda carallo!

Mandar para/a o carallo Mandar alguén de malas maneiras.

- Se non queres que che rompa máis a cabeza, mándao pró carallo e xa está!

Manda un cacho de carallo

No quinto carallo Nun lugar moi lonxe, no quinto inferno, nos quintos infernos


O carallo vinte e nove, a quen lle toca ben se fode

O carallo vinte e nove! Utilízase para rexeitar vehementemente algo co que non se está de acordo ou non se acepta.

O carallo, o caralliño, o carallete Utilízase para rexeitar algo co que non se está de acordo.

- O carallo, sabes! que como perda o traballo imos ver onde topa outro!
- Ti  tamén podía poñer algho máis prá comisión de festas, que ben podes! - O carallete, tamén.
- Deixa iso que xa é tarde e mañán acabas con día. - O caralliño, sabes! que se o sabe meu pai levo unha boa!

Ó carallo Utilízase para expresar desaprobación, desacordo. Tamén como reforzo dunha decisión ou afirmación.

- Ó carallo! Estes aghora botáronse á boa vida e que traballe Cristo!
- Ó carallo! Díxenlle que me viñera buscar e díxome que tiña cousas que facer!
- Ó carallo! Eu hoxe non traballo máis.
- Dixo que non o facía porque non lle daba a ghana, e ó carallo!

Oi que carallo! Manifesta enfado, desaprobación. Tamén para manifestar unha ameaza.

Outro carallo! Expresa contrariedade, sorpresa.

- Outro carallo!! Entón non veñen ás sete como quedaramos!?

Que carallo! Utilízase para reforzar unha decisión tomada, unha afirmación, unha postura. Para reafirmarse.

- Eu por hoxe xa cumplín, non traballo máis, que carallo!
- Nós non acordaramos eses carto? Pois entón!? Que carallo!
- Que carallo me vés dicir ti aghora a min!? Eu non cumplín co que tiñamos acordado, pois entón!? Que carallo!

Rascar o carallo Non facer nada útil.

Roncar o carallo Utilízase ante unha situación sorprendente, asombrosa.

calle/te o carallo! Expresa sorpresa, admiración, enfado.

- Tócate o carallo! Agora a esperar aquí ó frío!
- Tócate o carallo con este cabrón! Solo lle faltou darme unha hostia!
- Non te tocas o carallo! Díxenlle que viñera cedo e mira a que hora me vén buscar!
-Tócalle o carallo! Agora si que a fixemos boa, outra vez sin luz pra arrombar o ghando!

Tocar o carallo Amolar, molestar, enfastiar.


-  A min non me toque-lo carallo, porque che largho unha de medio lado que non esperas por outra!
- Xa andas a toca-lo carallo!? Sáleme daquí que teño cousas que facer!

Un carallo Expresa que algo ten moi pouco ou ningún valor.

-Non sei pra que queres iso, non vale un carallo.

Vai rasca-lo carallo Utilízase para mandar alguén de malas maneiras.

CARANGUENA s.f. Gangrena. (Tamén caranquena).

* A partir de gangrena prodúcese unha metátese de erre para a primeira sílaba *granguena e depois desfaise o grupo tautosilábico coma en outros moitos casos: caranguexo de cranguexo, tarandeira de trandeira, carabuña de crabuña, tareixada de treixada. O paso de /g/ a /k/ inicial pode ser por un proceso de asimilación con palabras como cancro ou caranguexo.

* A metátese de erre para as primeiras sílabas é un fenómeno bastante común no sur de Pontevedra, que aínda se mantén na toponimia e nas xeracións máis vellas. Craba, falcratuada, caranguexo, etc. Hai numerosos exemplos na toponimia: Crasto, Cristelos de Castrelos, Quirincosta de Congostra.

CARANGUEXO s.m. Cangrexo.

* Na zona da Costa da Morte pódese oír cangarexo. Nesta evolución non houbo desprazamento ou metátese de erre, simplemente se desfai o grupo tautosilábico -gr-.

CARAPËLA s.f. Casca seca que collen as feridas; bostela, casca.

Ver escarapelar.

CARËPA s.f. Monda das patacas ou doutros froitos. (Arcade, Soutomaior)

CAREZA s.f. Calidade de caro.

CARLOU s.m. Lapa. (Camelle)

CARNAXE s.f. Utilízase na expresión ser de boa carnaxe para referirse a persoas ou animais ós que lle curan ben as feridas, que teñen boa saúde, duros.

CAROUPËLA s.f. Curupela (Arcade, Soutomaior)

CARRANCHAPERNAS, A loc. adv. Levar unha persoa ó lombo coas pernas abertas ós dous lados do corpo e suxeitándoas coas mans.

CARRANCHOLADA s.f. Carrada pequena.

- Non había muito toxo e trueron unha carrancholada pròns días.

CARRAPATEIRO -A adx. Dise das plantas que medran apegadas ó chan, estendéndose polo chan.

CARTO??

- Foron á feira e compraron unha becerriña pequena coma un carto.

CARROUCHA s.f. (Lucanus cervus) Insecto coleóptero de gran tamaño que nos machos presenta unhas mandíbulas moi desenvolvidas en forma de cornos. (Mos; Arcade; Barro)

Estado mental que predispón para facer e dicir estupideces; parvoeira, toleira, pancada.

Carroucha dos pitos (Blaps lusitanica) Escaravello de cor totalmente negra e brillante coas patas longas que vive en lugares húmidos e produce un intenso cheiro acre como método de defensa.

CARULA s.f. Espiga de millo que non chegou a lograrse, máis pequena cás outras con poucos granceiros que non cobren completamente o carozo. Relacionado con carulo 'carolo'.

CAXE onomatopea Voz para escorrentar ou afastar o porco. Tamén cax, cach

- Caxe porco pra alá!! Sácate do medio!
- Aparta porco daí, cax, cax!

Nota: Para chamar polo porco dise quiro ou chino.

CAZÖTE s.m. Rapaz grandeiro.

- Tiñan un fillo que... ai xa che era un cazote.

CEBOLIÑO s.m. Planta da cebola que nace dun bulbo maduro para obter a semente. (Arcade, Soutomaior)

CELOUCO s.m. Salouco.

CERELLOTE s.m. Excremento compacto, fusiforme. (Arcade, Soutomaior)

CERÖTE s.m. Excremento de grandes dimensións, sólido e compacto, xeralmente das persoas (Barro)

Sinónimos: cirillote, zurullo, torello, turullo, cagallón.

CERPILLEIRA s.f. Tecido basto que se utiliza para envolver fardos ou para facer sacos.(Arcade, Soutomaior)

- Un saco de cerpilleira.
- Aghora haiche cada cousa, nunca pensei mirar un bolso de cerpilleira.

(Posiblemente do latín vulgar *sirpicularia do latín scirpĭcŭlus 'berce', 'cesto de xuncos', 'tecido de xuncos', de scirpus 'xunco', scirpo 'tecer con xuncos'. En portugués serapilheira, sarapilheira; en francés serpillière).

CERRIZO s.m. Terra infértil, barrenta ou xabrenta da cor do óxido con moitas pedras pequenas que está por baixo do solo fértil. (Torroso, Louredo; Mos)

Ó nivela-lo eido quedou o cerrizo por riba e aghora a terra non dá nada.
- Aquí nesta terra non podo botar nada, non dá nada, é todo cerrizo.

CHABOLO s.m. (despectivo) Pequena construción  

CHAÍÑAS subs. Persoa sen carácter e sen personalidade. Home cativo. Persoa de pouca valía e competencia na súa profesión. [Nos deportes] equipo de pouco mérito que non ten calidade.

- Ese é un chaíñas, a muller fai del un pandeiro e non di nin piu.
- Non me estraña que o voso equipo perda sempre, tedes os xogadores máis chaíñas.

CHAMBO, DO: de mala calidade.

CHAMBÓN, A adx. Persoa que fai as cousas mal e sen xeito.

CHAMBRIÑAS subs. Home de pouco carácter e sen personalidade, xanciño.

CHANFONETAS subs. Persoa que fai as cousas mal e sen xeito.

CHANGADA s.f. Pequena obra relacionada co ramo da construción. Obra mal feita.

CHANGALLADA s.f. Calquera cousa mal feita.

CHANGUEIRO adx. e subs. Persoa pouco xeitosa, trapalleira. Vaso de viño.

CHANGUISTA s.m. Persoa que se dedica a facer pequenas obras do ramo da construción.

CHANCALETEIRO adx. Persoa en quen non se pode confiar, trapalleiro. Chanqueleteiro

CHARNECO  s.m. e adx. Monicreque, monifate. Espectro, aparecido. Home pequeno  e fraco.

CHARRISCA s.f. Raza de galiñas ananas; quirica, quica. A forma feminina é a xeral non marcada, se se quere especificar que é macho utilízase charrisco. 

No Dicionario de dicionarios da lingua galega aparece charrela como especie de perdiz. A diferenza entre charrisca e charrela é o sufixo, posiblemente dous sufixos diminutivos que se engaden á mesma raíz charr-. O sufixo -isco ou -isca aparece noutras palabras galego-portuguesas e castelás co sentido de pequeno: sardón/sardonisca, charrisca, faísca, lisco, lisca, petisco, pisco, chisco, charabisca, chuvisca, chuviscar, corisco, coriscar, nevisca, neviscar, nevarisca, cebrisca. E como palabra: isco, isca, iscallo (biscallo). En castelán ventisca.
A raíz charr- aparece en palabras que denominan varios tipos de paxaros:
charra ‘perdiz charra’ (Perdix perdix), charrela ‘perdiz charrela’ (Perdix perdix), charrau 'pardal', charrear 'cantar a galiña ou a pega'.

CHARRISCO s.m. e adx. Quirico, quico. Home cativo, pequeno e fraco.

CHASCARRELLO adx. Home cativo, pequeno e fraco.

CHICHE s.m. Persoa preferida, a máis querida, chichi; peterrete.

- Era o chiche dos pais e non facía nada na casa!
- Sempre foi o chiche dos pais e dábanlle todo canto quería.

CHËNCO, -A adx. Parvo. Persoa sen carácter e sen decisión; xanciño, parviño. Pesado, roñicas.

CHIPOLIÑA 

- Inda era unha chipoliña así de pequena.

CHIQUEIRO s.m. Lugar onde hai auga no chan e lama.

-Por lavar unha pouca louza mira que chiqueiro fixeches non chan!
-Botaches aghua no chan e de pasa-la xente mira que chiqueiro se fixo!

Nota: Orixinariamente debía se-lo curral dos porcos, ve-lo portugués chiqueiro.

CHIMPÍN s.m. Chimpín, carroceta.


CHIMPINETE s.m. Chimpín pequeno.


CHIMPIRRE s.m. Chimpín, carroceta.
(Tamén se di chimpirri)

CHINO interxección Voz para chamar polo porco; quiro.

- Chino, chino, chino...

CHIÑO (de machiño) Forma de tratamento entre amigos. (Torroso, Mos)

- Chiño, ti que? Que é da túa vida?

CHIPOLIÑA?

- Inda era unha chipoliña así de pequena!

CHÖCEIRO -A adx. Que non ten coidado con nada, que fai as cousas mal, sen xeito, de calquera maneira. Que anda mal vestido, sen xeito, de forma inadecuada.

CHORINGAR v.i. Chorar seguido sen moita intensidade e monotonamente. Pedir algo insistentemente en ton choroso e suplicante. Choromicar

CHOUCHO, -A adx. (afectivo) Parviño (Salvaterra de Miño)

CHOURIZA s.f. Tripa de porco chea de zorza sen dividir en chourizos.

CHOVER v. Caír auga do ceu en forma de pingueiras.

Chover a cimba ceu: Chover moi forte.

CHUMBO DE GATO Pinchacarneiro, pinchagato (Arcade, Soutomaior)

(Esta forma aparece recollida no ALPI en Vilanova de Arousa e como dar chumbalaghatos en Bueu, dar chumba carvalhas en Viana do Castelo, dar tomba la vaca en Beja, dar a volta del gatu rabón de Boal e outras formas afíns asturleonesas).

CHURRA interxección Voz para chamar polas galiñas; piro, pira.

- Chuuuurraa, chuuurraa...

CHURUBÍO s.m. Instrumento que ao soprar por el produce un asubío; pito, chifre. (Torroso, Mos)

CICHA s.f. Xesto feito coa man cerrada e introducindo o dedo polgar entre o índice e o maior, segundo a crenza popular, para protexerse das bruxas e do mal de ollo. O mesmo ca figa. (Arcade, Soutomaior)

CIMBLAR v.i. Bater un obxecto flexible contra unha superficie rixida; cimblear. Dobrar, mover dun lado a outro un obxecto flexible.

- Estuvo toda a noite cimbleando na chuvia contra os cristales que non puden durmir nada.
- Cando venta cimblea ese rosal contra os cristales que un día inda os ha de romper.
- Leva todo o día cimblando contra esas portas... que mete medo.
- Sempre foi mui malo, asta pós animales, inda me acordo como lle cimbleaba aquela vara por riba do lombo do bois.

Nota: Ver zamblea.

CIMBLEAR v. Cimblar.

CIMPRÓN adx. m. e f. Persoa pouco espelida, mal vestida, que actúa de forma rara. (Arcade, Soutomaior)

- Esa túa veciña aí é un cimprón de muito carallo, anda que parece un entruido!

CINESTRO  Utilízase na expresión subi-lo cinestro para expresar que se está moi anoxado. (Arcade, Soutomaior)

-Deixar de andar a pinta-la mona, como me suba o cinestro vai arder Troia!
- Como me suba o cinestro ides andar a toque de caixa!

CÍNIFRE s.m. Cínife, cínfano. (Arcade, Soutomaior)

(Do latín scĭnĭfes ou cĭnĭphēs 'idem' [Gaffiot], e este do grego σκνίψ  σκνιπός 'insecto que ataca as figueiras e devora os figos, verme da madeira que ataca os carballos'; κνίψ  κνιπός  'formiga')

CINTOLADA s.f. Golpe dado co cinto.

- Vas levar unhas cintoladas que vas mirar ti!

CINTOLAZO s.m. Golpe dado co cinto.

Ver paulazo.

CIRIDONIA s.f. Celidonia (Chelidonium majus). (Arcade,Soutomaior)

CIRILLOTE s.m.  Excremento humano de forma cilíndrica e dura; torello, turullo. (Torroso, Mos)

COBIZA s.f. Desexo moi forte por unhacousa. Desexo ou afán por facer as cousas ben, por ter todo limpo e ordenado, por mellorar na vida.

COBIZOSO, -A adx. Persoa ordenada, limpa, que lle gusta facer as cousas ben, que ten iniciativa para mellorar. (Non ten sentido negativo ou despectivo)

CODRULLO s.m. Pedra de río. Persoa moi fea. (Abades, A Bandeira)

CÖCA s.f. Bólas que producen os carballos onde se crían insectos; bugallos. Froitos dos eucaliptos onde teñen a semente.

CÖCHA s.f. (do latín coxa) Parte da perna oposta ao xeonllo. (Arcade, Soutomaior)

COCHERRO s.m. Niño do can. Caseta onde dorme o can. s. fig. Casa miserable. Tamén oín a variante cochorro. Esta palabra é un derivado de cocho. Noutros lugares de Pontevedra utilízase cocho co mesmo significado. Tamén está relacionada con acochar ou cochar.

-Viven aí nese cocherro... eu non sei como poden vivir así!
- Vivían nunha casa que era coma un cocherro.

COCHINCHINA s.f. Lugar afastado, distante.

COCÓN subs. Persoa moi introvertida que lle custa tratar coa xente, que evita o trato coa xente. Persoa de trato rudo e esquivo. Toutizo.

- Ese rapás é coma un cocón, parece que lle ten medo á xente. 

COIRÓN adx. Persoa sen sentimentos, que non sente nin padece. Persoa dura que nunca colle enfermidades.

COLLUDO adx. e subs. Que ten os collóns grandes. Valente, atrevido.

- Quedoulle Colludo de alcuño de cando lle fixeron a cornetada, porque foi denunciar e truio a Policía Nacional pra que non lla fixeran.

COMER v

- Comer a un polas pernas: comer moito.
- Comer a Dios polas pernas: comer moito

- Ese rapás cando era pequeno non comía nada, pero agora come a Dios polas pernas!

CONA s.f. Órgano sexual feminino.

- A cona que te pariu se botara unha pescada, comiámola entre todos e non nos chegaba a nada.

Ráscalle a cona e bota a fixir:  Expresión que se utiliza cando unha situación xa non ten remedio, cando xa está o mal feito.

CONACHAS adx. e subs. Covarde.

CONACHEIRO 

CONAZO s.m. Marca, sinal que queda nunha superficie por un golpe. (Arcade)

Ver no Dicionario de dicionarios quinazo.

CONEIRO adx. e subst. Home que anda sempre no medio das mulleres. Home que se expresa de maneira afectada e con xestos considerados socialmente como femininos, efeminado.

CONFÖRME conx.

 sea conförme sea locución conxuntiva Sexa como sexa, sexa da maneira que sexa...

CONTRAPEITO, A Utilízase na expresión tomar (algo) a contrapeito, coller (algo) a contrapeito, o mesmo que tomar algo a peito.

COPA s.f. Móllo feito da palla dos cereais.

- Traía na cabeza unha copa de colmo.

Nota: Pronúnciase con vogal fechada /o/, diferente de copa /ɔ/ 'recipiente'.

CORCÖVA s.f. Rego ou gabia que se fai na estrema entre dúas coutadas ou matos de dous propietarios diferentes para deslindar as parcelas; regoza, barroca. (Torroso, Mos)

A palabra corcova, con diferentes variantes como carcova, carcava, cárcava, etc. aparece documentadas dende a Idade Media co significado de 'foso defensivo', 'trincheira', 'gabia' nas obras de prosa galega medieval.

CORNUCHO s.m. Extremos dunha barra de pan en forma de corno.

-A min dáme a parte do cornucho, gústame máis!
-Sempre quería o bocadillo con cornucho.

CORTELLEIRO, -A adx. [Animais] que, por estaren moito tempo encerrados, se asustan con facilidade das persoas, son ariscos ao trato e actúan con impulsividade ao saíren.

- Ten cuidado coa vaca que está cortelleira e inda che vai dar un gholpe.
- O pobre cabalo está tan cortelleiro que cando lle abriron a porta saliu chimpando coma un todo.
- Están tan cortelleiros que lle teñen medo á xente!

COSTANEIRA s.f. Terreo en pendente, costa.

COTÓN s.m. 1) Po en forma de bólas que se acumula debaixo dos mobles, nos recantos, nos sitios inaccesibles, etc. 2) Lanuxe que soltan os tecidos. 3) Bóla de lanuxe que se forma no embigo.

Hai unha semana que non varre e anda a voa-lo cotón pola casa adiante.

Descubri-lo cotón: descubrir algo que estaba oculto, agachado.

- Pensaba que non se lle ía saber nada, pero descubríuselle o cotón.

COTREÑOSO adx. e subs. 1) Que está cheo de cotra, cotroso, inmundo. 2) Que ten mal aspecto ou pouca calidade. 3) Que gasta ou dá o menos posible; cotroso, coreño, tiñoso, miserable, roñicas.

- Puxo aquel abrigo todo cotreñoso que daba noxo.
- Dende logho como é... levounos ó bar máis cotreñoso que había...
- Máis cotreñoso non pode ser, non dá nin a merda que cagha!

COTROLO adx. e subs. 1) Que anda moi sucio, cheo de cotra; porco, porcallán. 2) Persoa dura que nunca colle doenzas.

Dende logho és coma un cotrolo, andas sempre cheo de merda.
- Os irmáns cóllenas todas, están sempre malos, pero ela é dura coma un cotrolo, nunca se pon mala.

COUQUEIRO, -A Persoa de idade avanzada que fai cousas consideradas socialmente que non corresponden á súa idade. Utilízase na expresión ser un vello couqueiro. (Arcade, Soutomaior)


- A onde vai aghora ese vello couqueiro a meterse coas rapazas novas!

(Ver no Dicionario de dicionarios coqueiro 'halagador')

COUDILLÓN s.m. Terrón duro e compacto. (Arcade, Soutomaior)

COUTO s.m. Xogo infantil que consiste en facer un círculo no chan (o couto) e facer dous equipos, un equipo ten que pillar ós do outro equipo e metelos no couto. O equipo que escapa pode salvar os seus prisioneiros se entra no couto, toca os seus compañeiros e berra "couto!".

COUXA s.f. (do latín coxa) Parte da perna oposta ao xeonllo. (Torroso, Mos)

COUXO s.m. O mesmo ca couxa.

COUXO s.m. Caste de uva branca.

CÖZA s.f. 1) Herba ou toxo grande e basto. (Torroso, Mos)

-Esta veigha ten unha cöza de herba que non sei quen se vai meter nela pa sachar.

2) Tunda, malleira. (Arcade, Soutomaior)

-Andábaas buscando e déronlle unha cöza que o deixaron bonito.

CRÖCHA s.f. Casca dura que se forma no exterior das feridas ó secaren. (Ortoño, Ames)

(Posiblemente do latín crusta)

CRÖQUE s.m. 1) Planta (Digitalis purpurea); estralote.

2) Molusco bivalvo (Cerastoderma edule); berberecho.

CURUPËLA s.f. Guecho de plumas que sobresaen na cabeza dos paxaros. (Torroso, Mos)

Nota: En Arcade, caroupëla.

CUCHA s.f. Niño do can, cama onde dorme o can.

(Castelán cucha e este do italiano cuccia que á súa vez vén do francés couche de coucher)

CUÍCO s.m. (Cavia porcellus) Mamífero roedor orixinario de América do Sur; coello de indias, cobaia. (Arcade; Brión)

CURRUMIÑO s.m. Personaxe que sae disfrazada con roupa vella no Entroido e vai polas casas pedindo esmola (unha pesetiña un oviño). (Torroso, Mos)

CUZA  s.f. Persoa amiga de espreitar os veciños e falar deles. Persoa amiga de meter contos. (Corme)

DANZA s.f. 1) Danza. 2) Asunto confuso, problema.

-Sempre que pasaba algo el sempre estaba metido na danza!
- Eu non sei como é pero anda sempre metido na danza!

Deborcar v. Devorcar.

Ver o portugués deborcar e galego debrocar.

DELOURAR v. Deixar de chover. Desaparecer a humidade superficialmente sen chegar a estar seco de todo. (Arcade; Torroso)

-Non salas así, espera un pouco a ver se deloura.
-Colleu a roupa porque xa estaba delourada antes de que se mollara máis coa chuvia.
-Espera a que deloure un pouco a herba antes de apañala.

DELOURO s.m. Período de tempo en que deixa de chover, escambro.

- Nun delouro vai buscar un brazado de leña ó cuberto.
- Non salas con esta chuvia, espera a que veña un delouro.

DEMAÑÁNS s.f.pl Situación comprometida e incómoda en que acaba involuntariamente unha persoa.

- Sempre me metes nunhas demañáns que non sei como fas!
- Non lle fagas caso a nada do que che diga, sempre acaba metido nunhas demañáns...!

DENDES QUE conxunción temporal e condicional Desde que.

- Dendes que ferva ben o viño pódese andar con el.
- Foron pra alí dendes que tuveron a casa pronta.
- Foi ama de todo dendes que morreu a nai, porque antes non era ama dun peso.

DEREITO, Ó (ó dreito): loc. prep. Correctamente, ben.

- Non hai maneira con el, non fai nada ó dreito.
- Pero ti non sabes facer nada ó dreito ou que?

DEREITO A (dreito a) loc. prep. En dirección a, cara a.

- E se imos dreito a Portugal.
- Viña dreita a min que pensei que me ía levar por diante.
- Non sei que lle faría, pero foi dreito a el, colleuno polo peito, e non lle deu unhas hostias por pouco.
- Pois non sei a onde van, sei que marcharon dreito a Vigho, pero...

DESANCHAR v. Anchear un camiño, estrada, etc.

DESANDAR v. Saír algo do seu sitio. Dislocar un óso.

- Caíu naquel cemento diante da casa e desandoulle unha cadera.
- Teño que dicirlle ó meu xenro que amañe a porta porque desandoulle o pasador e non fecha.

Desbalcar v.t. Desbancar.

DESBANCAR v. Quitar terra dun sito máis alto para achandar o terreo, desterrar. Desbancar un valado; desbancar un monte; desbancar unha rebouza. Abrir camiños ou devasas nun monte. Desterrar.

 -Este valado desbanqueino eu sola de diante atrás.

DESCAMBIADO s.m. Diñeiro en moedas ou billetes de pouco valor; cambiado.

- Agora non che podo da-la volta que non teño decambiado.

DESCAMBIAR v.tr. Cambiar diñeiro en moedas ou billetes de menor valor.

- Descámbiame este billete que me fan falta unhas monedas pá máquina do tabaco.

DES CANDA loc. preposicional (tamén de canda, d'a canda):

 -Túa irmán é des canda min.

DESCRETO adx. Marcado (Arcade, Soutomaior)

- Anduvo coas mans cheas de grasa a tocar na parede e deixou os dedos todos descretos.
- Deulle unha hostia tan grande que lle deixou todos os dedos descretos na cara.
- Rabuñoulle e deixoulle as uñas descretas no lombo.

Virá de descriptum 'descrito'??

DESEMPOLIÑAR v.t. Deixar unha cría de depender completamente dos pais, gañar autonomía.

- Son ghemelas? Nós temos un e xa dá un traballo neghro, non quero nin pensar dúas así xuntas, ghracias que aghora xa están desempoliñadas.
- Dous así xuntos dan muito traballo, pero aghora xa están desempoliñados e xa dan menos traballo.

DESFRUTUARIO -A adx. Usufrutuario

-Deixou as fillas desfrutuarias de todo.

DESNOCAR v. Botar fóra do sitio un óso. (Arcade, Soutomaior)

DESPARTIR v. Desfacer un animal para conservar ou consumilo. Separar dúas persoas ou máis que estean pelexando.

- No outro día de mata-lo porco despartírono.
- Se non vén a nai a despartilos sácanse os ollos.

DES QUE

DESPEXADO -A adx. (Que non ten pexa). Que non ten vergoña para falar, nin para enfrontarse a calquera situación. Que se desenvolve ben, botado para adiante.

- A irmán sempre foi máis despexada ca el, ela non tiña vergonza ningunha, sempre se espabilou máis.

DESPEXO s.m. Lugar apartado na eira ou terreo á parte onde se acumula a leña para rachar e outros restos vexetais para queimar. Parte da adega ou do soto onde se acumula a leña e se gardan obxectos que xa non serven ou non se utilizan.

*Ver o portugués casa de despejos e quarto de despejo.

Dévoda s.f. Bévora.

Dévora s.f. Bévora.

DEVORCAR v. Poñer de boca para abaixo unha vasilla; envorcar, virar.

(Posiblemente do latín *volvicāre de volvĕre)

DIXINERAR v. Alterárense as características orixinais, sobre todo dunha raza, para peor. Diferenciarse fisicamente algún membro dunha familia dos outros. Disinerar.

- Este millo dixinerou muitirmo dun ano pró outro (dise do millo que dixinera cando a palla medra moito e a espiga é máis pequena).
- Esta raparigha é a que  máis disinerou de tódolos irmáns (a que máis medrou, a máis alta, a máis diferente).

(Do latín degenerare, de genus generis 'estirpe'.)

DORNEIRO s.m. Caixón, normalmente de madeira, con tapa onde se conserva o porco cuberto de sal; salgadoiro.

DROGHEIRAS subs. Drogadicto.

DURÉNS s.m. Raza de pexegos; pexegos durnéns. (Vilariño, Poio; Campañó).
No Dicionario de dicionarios aparece duracios.

Mensagens populares deste blogue

DITOS, REFRÁNS E FRASE FEITAS

Hai moitas frases feitas, ditos e refráns que están sendo substituídos por castelanismos por falta de difusión, porque nas televisións se oen máis e máis tempo en castelán, saquemos os nosos á luz!!!

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C