Avançar para o conteúdo principal

M-P

MACANCOA s.f. Malestar ou doenza leve que aparece de repente causando debilidade e cansazo xeneralizado, indisposición. Preguiza. (Arcade)

- Se non me volve dar esta macancoa, sábado vou contigo.

No Dicionario de dicionarios aparecen as entradas macangona e macangón, tamén no Estraviz.

*En português macacoa é "uma doença de pouca gravidade, um achaque". Segundo o dicionario Infopédia este macacoa vén do español macacoa/macancoa que se utiliza en Porto Rico co significado de má sorte e en Colombia como melancolía, tristeza, 'murria'. Segundo Washington Lloréns, no seu libro El habla popular de Puerto Rico di que provén da voz andaluza macancoa 'melancolía, tristura'.

MACHAR v.t. 1) Machucar ou esmagar cos dentes, machicar. 2) Facer ruído de desaprobación (ver Dicionários Estraviz e DdD).

- Caíulle unha moneda de cobre no caldeiro de bebe-la vaca, e cando lle levou de beber colleuna na boca e machouna toda.

- Os de Vilar nunca foron bos, cando unha moza de por aquí se casaba cun de Vilar a familia del sempre lle machaba.

(En francés mâcher 'mastigar', do latín masticare)

MACHEZA s.f. Feito ou dito soberbio para demostrar valentía e masculinidade.

- Non quero dicir ningunha macheza, pero iso facíao eu sen problema ningún!

MACICAR v. t. e pron. Baterlle a alguén. Levar moito golpe por unha caída ou un accidente.

- Caíu polas escaleiras e macicouse.

MAGHALLADA s.f. Intestinos e restos de peixe, maghas. Alimentos ou restos de comida reducidos a papas. Substancia viscosa produto da mestura de alimentos ou restos.

MÁIS adv. 

Por de máis loc. adv. demasiado, en exceso.

- Isto xa é por de máis, isto non hai quen o aguante!
- Este rapás é por de máis, fai o que lle dá a ghana e non hai quen lle digha nada!


MALDAR v.t. Quedar unha cousa en mal estado ou inservible, estragar.  Non se lograr un froito ou feto.

- Este ano maldóusenos o viño todo, viu esa peste e non deixou nada.
- Tiñan a vaca preñada e maldóuselle o becerro.

MALLA s.f. (do lat. macula) Porción de cor diferente na pel ou no pelo. Mancha na pel por causa dunha irritación cutánea; roncha.

- Salíanlle aquelas mallas encarnadas polas pernas que metía medo!!

MALMENTES adv. Malamente.

MÁNDRIA s.f. ???

- Este porco é coma unha mandria, dá ghusto con el, solo come e dorme.
- Este porco dá ghusto con el, é mansiño coma unha mandria.

(En português mândria, castelán mandria, do italiano mandria 'rabaño' [lat. mandra «rabaño, fato», do gr. μάνδρα])

MANDRIÔN adx. Corpulento e pesado, de movementos pouco áxiles.

- Esta raparigha é coma un mandrión, mi madriña querida, dendes que non a miro botou un corpo coma un home.
- Aquela raparigha está ghrande e ghorda... está feita un mandrión!
- Este rapaz é coma un mandrión, bótase por riba dun e tira contigo!

MANEAR v.tr. e pron. Mover. Andar lixeiro, espelirse, espabilar.

- Estumbállase aí nese sofá e non hai quen o manee!
- Pero manéate e bule pra adiante que vén a noite!!
- Manéate carallo, que parece que andas a durmir!!

MANEABLE adx. Que se pode dominar, dobregar.

MANGUELETEIRO, -A adx. Persoa sen palabra en quen non se pode confiar; manqueleteiro, trapalleiro, chanqueleteiro.

«Mangoeiro (Abelenda, Avión). - Ás veces escrito Mangüeiro. Citado no ano 964 como Mangunarios. O sufixo latino -arius (hoxe -eiro) designa un oficio. O étimo é o lat. mango, -oni, que inicialmente se refería a un marchante de escravos que os acicalaba para mellor vendelos. Despois quedou en vendedor de cousas vellas ou en tratante en xeral. Del derivan palabras como mangón que en español é revendedor e en galego, mangante. Polo tanto, o topónimo pódese referir a un mangoleteiro ou nugallán pouco amigo de traballar como (o máis probable) a un quincalleiro ou teldereteiro tamén coñecido nalgunhas partes como bufariñeiro ou chioleiro.» (Tirado da web Canedo.eu, toponimia, II Lugares da comarca)

MANQUELETEIRO -A adx. Mangueleteiro.

MANXOAR v.intr. (despectivo, xocoso) Comer.

-Estás todo o día a manxoar, non me estraña que esteas ghordo.
-Inda acabamos de xantar hai un chisco e xa estás a manxoar!!

MAR ALTO s.m. Mar a moita distancia da costa. (Nigrán)

MARÉ s.f. Marea (Arcade; Nigrán)

Subir coma a maré; subir coma o leite no lume; subir coma a espuma.

MARIQUIÑA DO CRËGO s.f. (Coccinella septempunctata) Insecto da familia dos coccinelídeos, de forma arredondada, con élitros de cores vivas, xeralmente vermellos, con sete puntos negros; xoaniña. (Arcade, Soutomaior)

MARMANXO, -A adx. Pouco espelido, que non se dá conta das cousas, parvallán, aparvoado. Que anda a enredar. Que non quere facer nada, moinante, preguiceiro, poufeiro. No Dicionario de dicionarios aparece marmaño. En português: marmanjo. (Arcade, Soutomaior)

MARMANXÔN, -A adx. Aumentativo de marmanxo. (Arcade)

MARRECA s.f.  Protuberancia deforme, xeralmente nas costas. (Salvaterra de Miño)

MATANZA s.f.  1) Acción e resultado de matar un gran número de persoas ou animais. 2) Operación de matar o porco.
3) Idea fixa e constante en que se persiste; empeño, teima, porfía. (Arcade, Soutomaior)

- Toda a matanza dela era que os fillos herdaran coma os irmáns.
- Toda a súa matanza era que a filla estudiara coma os máis.

MAZÁN s.f. Froito da maceira. Protuberancia no corpo. (Arcade, Soutomaior)

- Mazán da cara: Parte avultada debaixo dos ollos formada polo pómulo.
- Mazán da perna: Parte avultada das pernas pola parte de atrás que vai da cova da perna ou cocha ó tornecelo; barriga da perna, papo da perna.

MEDOÑENTO adx. Que ten medo ou que é propenso a telo.

MEDROSO adx. Que ten medo ou que é propenso a telo.

MELAR v. Adquirir unha consistencia e un tacto viscoso debido ao proceso de descomposición. Excretar [os ollos] unha substancia viscosa ou purulenta. 

- Onte estáballe a melar o ollo dereito, debe ter algo de infección.
- Comprei unhas sardiñas que me valeron bastante caras e tuven que tirar con elas, estaban todas meladas.
- Puxen unhas varas desa planta na aghua pa ver se botaban raís, pero tuven que tiralas porque se melaron.

MËLRA s.f. Paxaro da familia do turdídeos (Turdus merula), a femia ten a plumaxe máis acastañada e o peiteiro amarelo, os machos teñen a plumaxe negra e o peteiro alaranxado; merla.

(A forma feminina é a xeral e non marcada, existe o masculino mëlro/mërlo que se utiliza cando se quere especificar que é un macho).

Andar tolo coma unha mëlra

MEMERRETEIRO -A adx. Mecoso. (Muxía)

MENORA s.f. Antigüidade. (Arcade)

-Iso é do tempo da menora.
- Iso pasou alá na menora.

Nota: A menora ou menorah é unha lámpada de aceite ou candelabro de sete brazos. É un dos elementos rituais do xudaísmo e un dos símbolos máis antigos.

MENTES adv. Mentres

MEÑANCO s.m. Miñato??? Utilízase na frase ter uñas de meñanco. (Vilariño, Poio)

- Mi ma, que uñas de meñanco tes! Vai cortalas.

MERMAR v. Excretar unha substancia viscosa como moco ou pus. (Torroso)

- Estanlle mermando os ollos, debe ter infección, non sei se non terá conjuntivitis.

(Esta palabra, tanto polo significado como pola forma, ten que estar relacionada con mormo 'moco', 'doenza das fosas nasais'. Os dicionarios que fornecen a etimoloxía din que mormo vén do latín morbus. Terá algo que ver co xermano worm 'verme'? Existen variantes con b-, no DdD temos bormo 'moco'. E con brume?) 

MILLARADA s.f. Millo que se sementa máis basto para forraxe; millöca, millo sorodio. (Torroso)

MILLÖCA s.f. Millo que se sementa máis basto para forraxe; millarada, millo sorodio.
(Guizán, Mos)

MINAR v.t. Arrincar as árbores e o mato dun terreo para cultivalo ou construír.

-Iso aghora é un herbal pero antes era unha carballeira e minouna toda meu pai, el soliño.
-Toda aquela veigha onde fixo a casa minouna el, e aghora mira como llo paghan!

MIRICA s.f. Ovella.

- Vai busca-las miricas prá corte!

MISMO, -A [mirmo/mirma] Mesmo/a

Coa misma loc. adv. No mesmo momento, inmediatamente.

- Enghanchouno polo peito e coa mirma xa lle larghou unha hostia que o tumbou.

Dar no/ó  mismo/a ser igual

-Afinal todo vai dar no mirmo.

MISQUIÑO adx. Repunante, esquisito.

- Sempre foi mui misquiño pa comer, púñalle mala cara a todo.

MOINANTE -A subs. adx. Persoa que non quere traballar; preguiceiro. (Arcade)

MOINANTERÍA s.f. Falta de vontade ou interese para traballar ou facer calquera cousa; preguiza. (Arcade)

MOINAS subs. e adx. Persoa que non quere traballar. Que se move con pachorra para non facer o que ten que facer.

- Non faghas o moinas e acaba logho!
- Por muito que faghas o moinas, hoxe non saes daquí mentres non acabes o que tes que facer.

MONECO s. Figura de diferentes materiais que pode representar un humano, animal ou calquera outro ser (real ou imaxinario) con múltiples usos como xoguete, obxecto de decoración ou ritual etc.

· Facer un moneco de alguén: dominar a vontade dunha persoa, ter dominada unha persoa.
(Arcade, Soutomaior)
- Ese home é malísimo, fai un moneco dos fillos.

MONICO s.m. Recipiente de costras ou vimbios de forma circular ou cuadrangular con dúas asas, unha a cada lado, máis alto ca ancho que se utiliza en diversos labores agrícolas e mariñeiros; moñico, muñico. Recipiente de plástico ou goma de forma circular con dúas asas ós lados máis ancho na boca ca no cu utilizado en diversos oficios coma a construción e en labores agrícolas e mariñeiros; moñico, muñico; *capacho.

Nota: Tradicionalmente eran de costras (tamén os había de vimbio e de esparto), pero na actualidade xa case só se utilizan os de plástico ou goma.

MOÑICO s.m. Monico, muñico.

MONXER v. Tirar o leite do ubre das femias dos mamíferes. (Arcade, Soutomaior).

(Con alternancia vocálica no presente de indicativo: monxo, m[ɔ]nxes, m[ɔ]nxe, monxemos, monxedes, m[ɔ]nxen).

MORMO s.m. Mocos (Torroso, Mos)

- Como di o conto ese que vai un e bota os dedos ós narices e tira todos os mormos e outro dille:           - Porco como te sonas ós dedos. - Máis porco es ti que os levas no bolsillo...

Tira-los mormos: asoarse

(Segundo varios dicionarios que fornecen etimoloxía, mormo vén de morbus i latino, que significaba doenza, desorde na saúde. Pero tamén podemos relacionalo co xermánico worm 'verme', xa que existen variantes con b- como bormo 'mocos' DdD. Tamén parece interesante a asociación con brume 'pus')

MORMEIRA s.f. Catarro, catarreira

MORRINGAR v. Cerrárselle os ollos a alguén co sono, con movementos involutarios de cabeza; estar a caír co sono; monear.

MORRIÑA s.f. Cotra, sucidade.

MORRIÑENTO adx. Sucio, cheo de morriña, cotra.

MORRIÑOSO, -A adx. e subs. En sentido despectivo chámaselle a un rapaz que se quere facer ver ou darse a máis do que é; merdeiro.

MORTEXO adx. e subs. Moi triste, con má cara, amorroado. Pálido, esbrancuxado. (Arcade, Soutomaior)

- Anda por aí con esa cara que parece un mortexo!
- Estaba alí con aquela cariña triste que parecía un mortexo!

MORTISO s.m. Cadáver en descomposición que cheira mal. Cheiro a carne en descomposición. Mal cheiro, fedor. (Boiro)

-Sácate daí que fedes a mortiso!
-Había alí un mortiso na beira da estrada!

Ver o português mortiço.

MOSTRENCO  s.m. Individuo esaxeradamente grande e pesado de movementos lentos e torpes. Individuo grande e deforme, bruto e feo.

Mostrengo s.m. Mostrenco.

MOUMO, -A adx. Que é calado e retraído. Que non ten carácter.

- Parecía unha mouma, pero carallo pra ela!!

MOUMIÑO 1) subs. Dedo máis pequeno da man ou do pé. 2) adx. Que é calado, introvertido. Que non ten carácter. (Arcade, Soutomaior)

- Parecía unha moumiña, pero... carallo pa ela!!

MOUREAR v. Traballar moito.

-Este home non para, está todo o día a mourear.

Ver bourear no Dicionario da RAG
Ver mourejar no portugués

MOURILLÔN s.m. Praga de pulgón.

MOUXER v. Tirar o leite do ubre das femias dos mamíferos. (Torroso, Mos)

NEBOEIRO s.m. Néboa (Arcade; Redondela)

(En portugués nevoeiro 'idem')

NICADA s.f. Rotura no bordo dun recipiente. Marca que queda nunha superficie por un golpe. (Vilariño, Poio)

NICAR v. (Posibl. de fanicar) Romper ou estalar o bordo dun recipiente. Facer ou deixar marcas nunha superficie. (Vilariño, Poio) 

NÉCIGA s.f. Especie de pinzas formadas por un gallo ou unha vara flexible dobrada á metade para sacar as castañas dos ourizos e apañalas sen picarse; escolledeira. (Vilasantán, Baralla)

NÍCHARO s.m. Nicho.

NÚMBARO s.m. Número. (Torroso, Mos)

NIÑA DE PAREDES s.f. (aférese de doniña) Pequeno mamífero carniceiro da familia dos mutelídeos (Mustela nivalis), de patas curtas, corpo alongado e pelame pardo no lombo e branco no peito e no ventre; denociña. (Arcade, Soutomaior)

NIQUIÑAS subs. Home delicado, pequeno e cativo. Home de pouco carácter, xanciño.

ÖLFÍN adv. Afinal, de calquera maneira, ao fin e ao cabo, de todos os xeitos, despois de todo, (total). (Torroso, Mos)

- Non sei pra que te matas tanto, ölfín ha de vi-lo porco bravo e non ha de deixar nada.
- Boh, déixate estar aí tranquilo, ölfín, inda que queiramos, hoxe xa non acabamos o choio.
- Non sei pra que lle dis nada, ölfín pró que vai facer... é mellor que non veña e non-o aturamos.
- Non madrughes tanto, ölfín non habemos de marchar asta as dez ou as once.

OLLAR v.t. Coidar do gando mentres pace fóra. Ir co gando para o monte, para as veigas.

Ollar por: ter conta, vixiar, interesarse, estar ou quedar ao cargo de.

- Óllame polas bolsas mentres vou alí nun salto ó banco.

ORXABÁN s.m. Planta herbácea da familia das Vebenáceas (Verbena officinalis), perenne, con talos erectos e follas opostas, oblongas ou lanceoladas, con flores lilas ou azuladas en espigas terminais. Utilízase como planta medicinal.

Ver verxebán e orxabán no Dicionario de dicionarios, orjabám e vergebám no D. Estraviz, orgevão, urgebão, orgivão etc nos dicionarios portugueses.

PACHÁN -A adx. Que é tranquilo e de bo carácter. Que é afable e de bo trato.

PACHÖCHA s.f. (linguaxe infantil, eufemismo) Parte externa dos órganos sexuais femininos, parrocha, perrecha.

PADRICAR v. Predicar (Torroso, Mos)

PAMENTO s.m. (posibl. de espavento) Demostración esaxerada dos sentimentos. Finxir un sentimento de forma esaxerada. (Arcade, Soutomaior)

-Deixa de face-lo pamento que por máis que fagha-lo parvo non che vou facer máis caso.
-Muito che ghusta face-lo pamento.

PANDÖRCA adx. e subs. Muller pouco espelida e desenvolta. (Arcade, Soutomaior)

PANTËRLO s.m. Trampa para cazar paxaros formada por unha estrutura en forma piramidal feita de paus delgados, canas ou vimbios, aberta pola parte inferior, onde leva un dispositivo que ó pousarse nel o paxaro fai caír a estrutura en forma de pirámide, onde queda atrapado.

PANTIMINEIRO, -A adx. Persoa pouco confiable dada a facer o conto.
(De pantomima)

*Ver o português pantomineiro e pantomimeiro: pessoa dissimulada, que engana os outros com mentiras.

PANTORRELLUDA adx. e subs. Muller presumida e ridícula. (Arcade, Soutomaior)

PANTUFA s.f. Calzado cómodo, cerrado e plano, de tecido mol e cálido para andar pola casa. (Diferente de chinela, que é aberta no calcañar).

(Do francés pantoufle, en galego normativo pantufla, en portugués pantufa.)

PANXÖLIÑO, -A adx. Persoa de pouco carácter, inxenuo, pouco espelido. (Arcade, Soutomaior)

PAÑAR v.t. e i. Apañar.

PAPOMARËLO s.m. (Erithacus rubecula) Paxaro da familia dos muscicapídeos de cor olivácea na parte superior, o peito, a gorxa e a cara de cor rubia e agrisallado por baixo; tamén se coñece como paporrubio e pisco. (Torroso, Mos)

PARCEIRO -A subs. Os pais dun dos cónxuxes en relación ós do outro; consogro/a. Tamén aparceiro e aparceira. (Torroso, Mos; Arcade, Soutomaior)

- Este reghalo trúiomo a miña parceira cando foron de viaxe aí prá parte de Francia.
- Mañán imos xantar á casa dos meus parceiros.

PARECENZA s.f. Calidade do que é parecido, semellanza.

PARFACIA s.f. (xocoso) Parte externa dos órganos sexuais femininos, vulva. (Arcade, Soutomaior).

PARIDURA s.f. Parto dun animal.

PARRÖCHA s.f. (eufemismo) Parte externa dos órganos sexuais femininos; vulva.

PARROUCHIÑO -A s. Forma cariñosa de dirixirse a alguén, sobre todo meniños.
Tamén carrouchiño -a.

PARRUMEIRA s.f. Parte inferior da chaminea, de forma piramidal, colocada enriba do lar para recoller o fume, os gases e o cheiro que emanan da combustión e de cociñar. (Arcade, Soutomaior; Xinzo de Limia)

PARTE s.f. Cantidade ou cada un dos elementos que constitúen un todo, considerados  por separado.

De por parte loc. prep. Ademais. Á parte.

- Tiña o seu traballo e de por parte axudáballe ó pai na cooperativa.
- Aquel cacho de contra abaixo era de por parte, non era da coutada grande, compráraa túa abuela de por parte. 

PARVUO -A adx. Que ten ou demostra pouca intelixencia, parvo.

(Do latín parvŭlum)

PASADOURO s.m. Lugar por onde se atravesa un río ou regueiro.

PASAR v.tr. Sacarlle o xabón á louza despois de lavala pasándoa pola auga, enxaugar.

-Eu lavo a louza e ti pásala.
-Mandeille lava-la louza e deixouna sen pasar.

PASMAR [parmar] v.prQuedar sen sensibilidade nun membro por falta de circulación sanguínea.

- Parmóuseme unha perna e non podía andar.

- De noite ás veces pármaseme este brazo na cama e non durmo ben.

PATACHÁN -A adx. Que é tranquilo e de bo carácter; pachán. Que é lento e pouco dilixente; pachorrento.

PAU DE VIRAR TRIPAS Persoa moi fraca.

PAULAZO s.m. Golpe dado cun pau.

Ver cintolazo e cintolada, tamén o português paulada.

PAXARETA s.f. Vulva.

PAXARETADA s.f. Cousa sen importancia. Actitude propia dun paxareteiro.

- Non me veñas agora con paxaretadas, primeiro ben que me fastidiaches!

PAXARETEIRO -A adx. Que demostra unha simpatía esaxerada por outra persoa. Que adula e afaga outra persoa de forma esaxerada. Que lle gusta agradar en exceso. Que fala ou se expresa dunha forma afectada, esaxerada.

PÉ s.m. Tipo de medida. Exemplar dunha planta.

Pé da poza: auga que perde a poza.
Pé d'aghua: chuvasco forte e repentino que deixa gran cantidade de auga; bataghada, chaparrada.
Pé de nëve: precipitación de neve forte (Xinzo de Limia)
Viño do pé: viño que se saca ó apertar o bagazo no lagar.

Pé de ensalada: planta de leituga.
Pé de viña: bacelo, cepa.
Pé de millo: milleiro

PEDRAL s.m. Caste de uva tinta.

PEDROLO s.m. e adx. 1) Pedra grande. 2) Persoa dura e insensible. Persoa dura que nunca colle ningunha doenza. 3) Rapariga forte e bruta con xeitos considerados socialmente de rapaz.

PEGO adx. De cor branca e negra coma a pega (Pica pica). Millo pego, petapau pego...

PELAR v.i. Queimar.
-Espera a que enfríe un pouco o leite que pela.
-Non se pode coller a bandexa coas mans que pela.
-Vai un frío que pela.

PELICA s.f. Masa dura e compacta de excrementos mesturados con restos vexetais aderidos ao pelo dos animais.

PELOURO s.m. Bóla de vidro máis grande cás habituais que se utilizan no xogo das bólas.

PENTELLA s.f. (xocoso)  Parte externa do aparello reprodutor feminino, vulva. (Arcade, Soutomaior).

*Ver o português pentelho 'pelo púbico'.

PERICO s.m. (Carneiro novo). Rapaz ou rapariga inquedo, que non para un momento. Rapariga con maneiras e comportamentos considerados socialmente como propios dos rapaces; macholo, machola, machirolo.

- É coma un perico, non para quieta en todo o día.
- Ese perico sobe á esa maceira coma calquera rapaz!

PERRËRA s.f. Guecho de pelo que cai sobre a testa.

PERÚ s.m. Ave galinácea de grande porte orixinaria de América (Meleagris gallopavo), introducida en Europa no século XVI. (Arcade, Soutomaior)

PERÚA s.f. Femia do perú. (Arcade, Soutomaior)

PESTOURO s.m. Lugar secreto onde se deixa a chave do muíño, da casa... (Tui)

- Sempre deixaba a chave no pestouro.
- Isto non o ten por que saber ninguén máis, queda no pestouro entre ti e máis eu.

Ver postouro e postoiro em portugués.

PETAPAU s.m. Ave da familia dos picídeos (Picus viridis), (Dendrocopos ...), que peta nas árbores para alimentarse de insectos e vermes ou para escavar o niño. 
A especie Picus viridis é o petapau verdeal e a Dendrocopos é o petapau pego, pola súa cor branca e negra. Noutros lugares chámanlle peto real.

PETAR v.i. Golpear unha ave co peteiro. Atacar unha ave co peteiro; pinicar.

-Ese galo hai que matalo, xa é a segunda vez que me peta.
- Peteoulle o galo nunha perna e arrebentoulle unha variz.
 
(Petar convive con peteirar con valores parcialmente diferentes, peteirar ten un valor iterativo ou frecuentativo que non ten petar, petar ten un valor perfectivo puntual. As aves cando comen peteiran, cando dan un ou máis dun golpe seco para agredir, petan.)

PETELLO s.f. Barriga redondeada, avultada e arrecachada. (Arcade, Soutomaior).

PETERRETE s.m. Persoa preferida, a máis querida, chiche.

- Cando era pequena sempre me dicía que era o seu peterrete, andaba todo o día atrás del.

PETISQUEIRA s.f. Utilízase na expresión "bices á petisqueira" como resposta á pregunta: que hai de comer? Que imos comer hoxe? Que comeches? e non queres dicilo (Berres, A Estrada)

Miña nai, cando lle preguntábamos que había pra comer, sempre nos dicía: "bices á petisqueira", e a min xa me daba medo, porque sempre era algo que non me gustaba.

- No tempo da fame, que lle preguntaban moitas veces ós rapaces se comeran e que comeran, na casa dicíanlle: "Se che preguntan que comeches ti dille bices á petisqueira".


(Ver o português petisqueira 'comida apetitosa', parece unha alteración de *bifes á petisqueira; bifes 'bistés')

PETO s.m. 1). Recipiente cunha fenda para gardar os cartos. 2). Prolongación córnea da boca das aves, peteiro, bico. (Torroso, Mos)

PETÖTE s.m. Vulto duro que sae na cabeza despois de levar un golpe; pöte.

- Caíu contra a esquina da mesa e saliulle un petöte que dá medo!!

PETRENA (úsase na expresión) estar coma unha petrena: moi sucio, cheo de cotra. 
Ver apetrenar.

PEXEGHAZO s.m. Couce, golpe forte.

PÍBODA s.f. 1) Semente dalgúns froitos. As píbodas dos colondros (Xinzo de Limia)

2) Doenza das galiñas provocada por un vulto ou tumor na lingua que lles impide comer e respirar ben. Cáusalles o mesmo efecto que cando atragoan. (Arcade)

- Levas todo o día espirrando... nin que tuvéra-la píboda!

PICHE s.m. Alcatrán, asfalto.

Ver empichar.

(En portugués piche, do inglés pitch 'alcatrán' e este do latín pix -ĭcis  'pez, brea, breu')

PICÔN s.m. Millo picado en anacos pequenos sen chegar a ser fariña que se lle dá ós pitos e polos.

PIGHOURO 

- É coma un pighouro!

PILA s.f. Lanterna, foco.

PILINGRÁN adx. (de peregrino) Que anda mal vestido e sucio. Que leva unha vida desordenada sen regras, sen rexo.

PILLA s.f. Morea de esterco e restos vexetais que se fai en entenas ou capas con sal para conservar e aumenta-lo esterco ata que se utiliza na labranza.

-Hai que libra-las cortes e facer unha pilla no eido.
-Este ano o esterco da pilla non rendeu nada, estaba todo relado.

 Estar salgado coma a pilla, estar coma a pilla: dise da comida cando está moi salgada.

PINAR v. Foder.

PINADA s.f. Acto sexual.

PINANTE s.m. Home promiscuo.

PINGÔN adx. Persoa que está todo o día a pedir, a laiarse, a reclama-la atención dos outros.

PINICAR v. Peteirar.

- Hai que mata-lo ghalo que lle anda a pinicar ós rapaces.
- Pinicoume unha ghaliña e fíxome sangre.

Ver depinicar e depenicar.

PINXIR v. Pagar ben, dar moitos cartos.

- Atendérono porque pinxía ben, non era pai nin nada, pero pinxía ben.

(No portugués impingir pódense encontrar algunhas definicións que se aproximan ao sentido de pinxir, do latín impingo impingĕre pēgi pactum [de in e pango] 'bater, golpear, asestar, dar á forza, impor, impor un beneficio... [Gaffiot], talvez con influencia de impinguo 'engraxar, untar' cun sentido figurado.)

PIOUCHAR v.i. Piar seguido e insistentemente sen parar. Queixarse constantemente de forma lastimosa. (Arcade, Soutomaior)

PIRA interxección Voz para chamar polas galiñas, tamén piro se son pitos ou polos.

- Piiiraa, piiiraa, vinde comer, piiiraas.

PIRINGALLA s.f. Pene.

PIRINGALLO s.m. Anacos de tecido vello e gastado. Muller vestida con trapos vellos e sucios. Muller de mala vida, prostituta. 

PIRINGÖLA s.f. (xocoso, eufemístico) pirola, pene.

PIRRËLA subs. Cousa de má calidade; purrëla.

PIRROTO s.m. 1) Mamífero omnívoro da familia dos mustélidos (Meles meles); teixugo, porco teixo, melandro, tourón (Portomouro).

2) Animal morto que cheira mal, mortizo (Brión).

PIRÚ s.m. Ave galinácea de grande porte orixinaria de América (Meleagris gallopavo), introducida en Europa no século XVI. (Torroso, Mos)

PIRÚA s.f. Femia do pirú. (Torroso, Mos)

PISA s.f. (vulgar) Órgano sexual masculino.

Nota: Esta palabra xa aparece recollida nos cancioneiros medievais galego-portugueses de escarnio e maldizer como pissa. En galego normativo é pixa, en portugués piça.

PISALLEIRA s.f. Órgano sexual masculino, sobre todo aplicado a animais.

-Estaba alí o burro no medio do camiño coa pisalleira toda fóra.

PISCARELLA s.f. Vulva.

PISCO 1) s.m. Calquera paxaro pequeno. 2) Paxaro da familias dos turdídeos (Erithacus rubecula) co dorso de cor olivácea, o peito e a cara rubios e o ventre agrisado; paporrubio, papomarelo. 
3) adx. (Dito dos ollos) Entreaberto.

-Este ano os piscos non deixaron unha bago tan siquera!
-Mira, xa teñen os ollos piscos, apágalle a luz que dentro de nada adormecen. 

PITO SALTÔN s.m. Insecto herbíboro da orde dos ortópteros dotados de longas patas traseiras coas que dá grandes saltos. Saltón. (Arcade, Soutomaior)

PLAINADA s.f. Planicie, extensión grande de terreo chan. (Torroso, Mos)

-Aquela plainada toda de terra é deles.

(En portugués brasileiro plainar 'achandar' de plaina 'cepillo').

PLAN, A loc. adv. Moi cheo, cheo ata os topes.
- Sempre traía o carro de herba a plan.
- Traio unha bolsa de mazáns a plan.

PLANTE s.m. Pranto. (Arcade)

Face-lo plante: facer o pranto

PLANTILLAR v.i. Andar rápido, correr. (Torroso, Guizán, Louredo)

- No choio xa sabían o problema que tiña e se lle miraban sangre nas pernas xa tiñan que plantillar con el pó médico.
- Mañán é lunes e xa hai que plantillar pró choio!

PLÁSTICO, -A adx. De plástico. Unha caixa plástica, unha bolsa plástica, un saco plástico, un caixón plástico.

POCHA s.f. Becerra (Vilariño, Poio)

- Hoxe parece que te lambeu unha pocha!

PODADOURO adx. Que é propicio para podar. (Torroso)

- Este non é un mes podadouro.

PÓNEI s.m. Cabalo de raza pequena, cabalo anano.

PORCALLÁN -ANA adx. e subs. Que anda sucio. Que ensucia máis do necesario. Que fai ou di porcalladas. Que fai as cousas de mala maneira, sen xeito, sen coidado; choceiro.

PORCALLEIRAS subs. e adx. (con valor atenuante con respecto a porco) Que anda sucio. Que fai ou di porcalladas. Que fai as cousas de mala maneira, sen xeito, sen coidado; choceiro. (Arcade)

PORCALLEIRO -A adx. e subs. (con valor atenuante con respecto a porco) Que anda sucio. Que fai ou di porcalladas. Que fai as cousas de mala maneira, sen xeito, sen coidado; choceiro. (Arcade)

- Que porcalleiro é, vestino limpo hai un pouco e xa anda cheo de merda.
- Que porcalleiriño é, ponse perdido ó comer!

PORCALLÔN -ONA adx. Que anda sucio. Que ensucia máis do necesario. Que fai ou di porcalladas. Que fai as cousas de mala maneira, sen xeito, sen coidado; choceiro. (Arcade)

PORRETA s.f. Vara longa que botan as cebolas (ceboliño) de onde sae a flor. (Arcade, Soutomaior)

Ver ceboliño

Nota: Noutros lugares chámanlle porreta á folla da cebola, do allo ou do allo porro.

PORROTADA s.f. Gran cantidade de cousas. (Arcade)

PÖTE s.m. Vulto na cabeza que sae despois de levar un golpe; petöte.

- Dei coa cabeza contra a porta e mira que pöte me saíu!!

POUBANA s.f. Muller desaxeitada, mal vestida, de modos simples. (Arcade, Soutomaior)

- Ònde vas vestida así que pareces unha poubana!?

*Esta palabra xa aparece no Dicionario de dicionarios poubana.

(Posiblemente veña de pŏpŭlus a través dun posible *populana "muller do pobo")

POUFEIRO, -A adx. Persoa preguiceira que está todo o día estumballada, que lle custa moverse lixeira e con decisión pola preguiza; pachorrento. Persoa gorda á que lle custa moverse con axilidade. 

En Moraña boufeiro.

POULO s.m. Terreo sen cultivar con herba. Utilízase nas expresións "deixar de poulo", "estar de poulo" para referirse a un terreo que non se traballa ou que se deixou sen traballar un ano para que descanse a terra.

-Andaba atrás da ghata e topouna deitada ó sol naquel poulo que había por riba da nosa casa.
-Este ano non botaron nada, teñen todo de poulo.

POXAR v.t. Da-lo leite as femias dos mamíferos, solta-lo leite. (Ver apoxar, sopexar).

- Por muito que agarres a nai se non lle quere poxa-lo leite non hai maneira.
- Non son capaz de mouxe-la vaca, ten o ubre cheo e non bota un gurricho sequera, a ver se mamando a toura poxa o leite.

PRËBE s.m. Adubo que se lle fai ás carnes para condimentalas. (Arcade, Soutomaior)

PREÑA adx. Dito da femia dun mamífero, que está en estado de xestación.

(Nota: considérase eufemística respecto de preñada, polo menos considérase máis suave, menos forte. Normalmete, resérvase preña para unha muller e preñada para un animal.)

(Do latín vulgar praegnans 'preñada')

PRETO -A adx. Apertado. Úsase na expresión en calzas pretas 'en roupa interior'. En sentido figurado tamén pode referirse a unha situación comprometida.

-Non entres que estou en calzas pretas.
-Viñeron sen avisar e collérono en calzas pretas.

Nota: Parece un participio irregular de apertar ou apretar. Outras palabras relacionadas con apertar son aperricar 'apertar moito', 'ser moi xusto'; aperricado 'moi apertado'.

PUXEIRO s.m. Po, lanuxe que se forma co po; cotón. (O Morrazo).
Vide espujeirar, espuxeirar, puxa, puja, puvixa.


Comentários

Mensagens populares deste blogue

DITOS, REFRÁNS E FRASE FEITAS

Hai moitas frases feitas, ditos e refráns que están sendo substituídos por castelanismos por falta de difusión, porque nas televisións se oen máis e máis tempo en castelán, saquemos os nosos á luz!!!

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C