Avançar para o conteúdo principal

G-L

GHABALÚA s.f. Muller má.

- Esa é unha ghabalúa de muito carallo, hai que ter un cuidado con ela...

GHABEXO s.m. Bocoi, barril.

GHACIO s.m. Parte dun cacho ou camballo de uvas, ghazo; escada, escádea.

GHAFA s.f. Grupo numeroso de animais, especialmente de pequeno tamaño; ghafallada.

- Cerraran o eido e traían soltas unha ghafa de ouvellas que metía respecto.

GHAFALLADA s.f. Grupo numeroso de animais, especialmente de pequeno tamaño.

- Xuntouse cunha ghafallada de coellos que o comían polas pernas, non había quen lle dera de comer a tanta bichería.

GHAFAR v. Estragar, deteriorar unha cousa.

- É mellor que fórre-lo libro porque se está ghafando todo nas esquinas.

GHRAFITAR v.t. Tapar os buracos das levadas ou regos con musgo e unha capa de lama por riba para evitar que escape a auga. (Silvoso, Ponte Caldelas)

GHAIPIRO s.m. Persoa moi fraca con aparencia de debilidade.

GHALBAU s.m. Persoa moi alta.

GHALDRA s.f. Reprimenda forte, berregueira.

Ir de ghaldra Andar por aí de festa, de paseo.

- Cando chegou á casa botáronlle unha boa ghaldra.
- Deixaba os fillos pra ir de ghaldra.

GHALDRUCHADA s.f. Comida mal feita e de mal aspecto. Comida augada, mal feita e de mal sabor. Alimentos mesturados e remexidos sen xeito que forman un caldo de mal aspecto. Ghaldrucho.

GHALDRUCHO s.m. Comida mal feita e de mal aspecto. Comida augada, mal feita e de mal sabor. Alimentos mesturados e remexidos sen xeito que forman un caldo de mal aspecto. Ghaldruchada.

GHALDRUMADA s.f. Doces, lambonadas, lamberetadas, lambetadas.

GHALDRUMEIRO s.f. Que é moi amigo das galdrumadas. Lambereteiro, lambón.

GHALËRA s.f. Dise da galiña má que lle peta ás outras, que sempre escapa do galiñeiro. Muller má e amiga de facer escándalos. Muller que lle gusta andar por aí, pola casa dos veciños, de festa, de paseo.

Ver Garela.

En Lugo galoria.

Ver o portugués galdéria (galdério).

GHALICOSO adx. Que está consumido pola mala vida, polo tabaco e o alcol, ou por unha doenza.
De morbo gálico (sífilis). Como esfilítico de sifilítico.

GHALRA 1 (tamén gharla) s.f. Flegma que se expulsan pola boca.


GHALRA 2 O mesmo que galdra 'berregueira'.

GHALUFO s.m. Carne de porco.

- Xa cheira a ghalufo, seica te-lo cocido ó lume?

Nota: Na páxina a que remite a ligazón 'La mili en el Sáhara', di que jalufo ou galufo era como lle chamaban á carne de porco os nativos. Este é o mesmo significado que coñezo para referirse á carne de porco de forma xocosa.

GHANCHA s.f. Aveño de labranza con tres ou catro dentes de ferro fortes perpendiculares ó mango para arrinca-lo esterco; ghincha, cavón.

GHANÔN s.m. Rato moi grande. (Salvaterra de Miño)

GHAPIO s.m. Punta ou cabo de vimbia ou viorto que queda solto ó facer un atillo na viña ou nun mollo.

GHARABIZO s.m. Pau delgado e pequeno, anaco de rama dunha árbore; ghizo, gharabullo.

GHARATUCES s.f. Xestos, espaventos, acompañados de palabras e ruídos de burla.
Xestos ou acenos que deforman o aspecto normal do rostro; monadas.

- Viu todo o camiño detrás de min a facer gharatuces.

GHARCA s.f.  Grupo de xente indesexable. Bando de rapaces que andan a facer mal.

- Non quixen ir pra arriba porque estaba alí toda a gharca xunta.

GHARDUCHO s.m. Rocho, despexo; despensa (Vilariño, Poio)

GHARNEIRA s.f. (posiblemente de graneira) Hórreo (O Araño, Rianxo)

GHARRANCHAZO s.m. Rotura nun tecido que se produce ó engharranchalo en algo.

GHARVANZO s.m. Feixón (Arcade, Soutomaior)

GHARVANZO CASTELLANO s.m. Garavanzo (Arcade, Soutomaior)

GHASPACHADA s.f. Mestura sen xeito de cousas, sobre todo de alimentos; gaspallada. (Arcade, Soutomaior)

-Aquilo non era nin salpicón nin era nada, era unha ghaspachada que daba noxo.
- Eu esa ghaspachada que fixeches aí non a como, eh!

GHASPACHO s.m. Mestura sen xeito de cousas, sobre todo de alimentos. (Arcade, Soutomaior)

GHATIÑAR v.intr. Andar de ghatiñas (Torroso, Mos)

GHATIÑAS, DE loc. adv. Andar sobre as catro extremidades apoiando as mans e os xeonllos

GHATUÑAR v.intr. Andar de ghatuños (Arcade, Soutomaior)

GHATUÑOS, DE loc. adv. Andar sobre as catro extremidades apoiando as mans e os xeonllos, andar de ghatuños

- Aghora xa anda coma nada por toda a casa, xa corre toda a casa de ghatuños coma nada.

GHATUXADA sm Feito malintencionado que se fai a traizón para prexudicar a alguén. (Arcade, Soutomaior)

- Por diante muito conto, pero por detrás xa non é a primeira ghatuxada que lle fai.
- Cando falou con el díxolle a todo que si, pero despois por detrás fíxolle unha boa ghatuxada.

GHAXE interx. Voz para escorrenta-los gatos. Tamén ghax.

GHAXO s.m. (despectivo, xocoso) Namorado, mozo.

- Onde deixáche-lo ghaxo, hoxe non o traes contigho?

Ver o portugués gajo.

GHAZO s.m. Parte dun cacho ou camballo de uvas, ghacio; escada, escádea.

GHËRMIA 

GHICHO s.m. 1) Gomo tenro das verzas e repolos que saen no cano ou ó cortarlle a cabeza. 2) Persoa descoñecida. Forma despectiva de referirse a alguén. 3) adx. Que está ben de saúde, que mantén todas as facultades; fino. 4) Que está levantado ou de punta; arrequichado.

- Vai alí ó lugar e traime uns ghichos para o caldo.
- Hai que apañar todos eses ghichos agora que están tenros que mañán vou facer o caldo.
- Había un ghicho aí embaixo que non sei que quería.
- Como está túa tía? Dixéronme que estuvo mala. -Inda está na cama pero xa está ghicha.
- Pós anos que ten inda che está ben ghicha!
- Cando o sentía cheghar o can sempre poñía as ourellas todas ghichas e dáballe ó rabo.

GHINCHAR v. Emitir berros agudos e estridentes en sinal de dor ou medo, sobre todo os cans.

GHINCHO s.m. Son agudo e estridente que emiten os cans por dor ou medo.

GHISPAR v. Roubar.

GHISPEAR v. Roubar.

GHO interx. Voz que se utiliza para facer para-lo gando; xo

GHOCHO s.m. Cocho, porco (Xinzo de Limia)

GHOLDRAR v. Beber moito, sobre todo auga.

GHOLFARADA s.f. Líquido que sae a chorro. Chorro de gómitos que se expelen pola boca.

GHOLO s.m. Cantidade pequena dun líquido que se mete na boca.

GHOMITADO -A adx. Que é moi fraco e cativo.

GHOMITAR v. Vomitar.

GHOMADA s.f. O conxunto dos gomos.

- Hai que da-lo solfato que xa está a ghomada ghrande.

GHOMAR v. Botar gomos unha planta ou árbore.

GHOMO s.m. Ramiño novo e tenro dunha planta ou árbore. (Diferente de ollo, que é o corpo globoso antes de nacer o gomo).

GHOTO s.m. Cano do aire, traquea.

- Foille unha mighalla polo ghoto e non paraba de tusir.

Esta palabra xa aparece no Tratado de Albeitaría: apretan as gorgomellas e estreitan o goto 9 r.; iazen alguas so o goto do Cauallo 8 v.; cordas de seda so o goto do Cauallo 8 v.; vntaras todo o goto con manteiga 8 v.; et estreitan o goto por que espira 9 r.; et apretalle alj o goto 14 r.; ha todo o goto jnchado 26 r.

GHOËLA ['hwɛla] s.f. garganta, gorxa.

- Botoulle as mans á ghoëla e pensei que a aghanaba!
- Que che arranco a ghoëla, eh!!

GHORENTAR v. Utilízase nas expresións "cheira que ghorenta" e "sabe que ghorenta".

- Cheira que ghorenta: que cheira moi ben, dito da comida; tamén se di "cheira que arrecende".

- Sabe que ghorenta: que sabe moi ben, dito da comida.

GHRECHÖRI s.m. Prostíbulo. (Arcade)

GHRËME s.m. Posiblemente de gremio con mudanza da terminación -io en -e coma noutras palabras en que vacila, como por exemplo: cumio/cume, enxamio/enxame, vime/vimbio, arame/aramio, alarbio/alarbe...

Ser do mesmo ghrëme: ser da mesma ighualla, ser da mesma condición.

Meter no ghrëme: involucrar alguén nun asunto, problema; meter alguén nalgún asunto.

- ... non-o quero meter no ghrëme...

GHRILA s.f. (linguaxe infantil, eufemismo) Órgano sexual masculino, pirola.

GHRIPE s.m. O significado desta palabra non é diferente ó do galego estandar, só muda o xénero, utilízase con xénero maculino: o ghripe.

GHURMIA s.f. Desexo intenso e incontrolado de comer. Avidez pola comida. (Arcade, Soutomaior)

- Comía cunha ghurmia que metía medo!
- Hoxe teño unha ghusmia que non podo parar de comer.
- Tiña aquela ghusmia de querer todo para el que metía medo!

(Talvez sexa gusmia. O parecido formal e semántico da palabra gurmia co latín gŭmĭa 'alarbio', 'lambón' 'comellón', 'ávido' é evidente. Só habería que explicar a aparición dese -r- epentético, que tampouco é raro na lingua; hai outros exemplos de palabras que presentan un -r- epentético como escarcho, encertar, tromentelo, alpistre...)

No DdD está recollida a forma grusmia 'envexa', 'envexoso'. Tamén aparece co mesmo sentido n'A Fiestra valdeira de Rafael Dieste:

DONA BALBINA
¿Que falla nos fai o seu consello? Ise Baldomero vaime parecendo máis raposo e, sobre todo, máis grusmia, do que sempre coidei.

DON MIGUEL
¡Grusmia! ¿Onde se lle veu endexamais a envexa a Baldomero? ¿Grusmia de que e de quen?

GHUSMIA s.f. Ghurmia.

GHUSTANTE adx. Que está conforme.
- Antes de comprometerse con ela falou coa familia pra saber se eran gustantes.

HAREIRA s.f. Hedra. Do latín HĔDĔRA, en vez de caer o ĕ breve latino cae o -d- intervocálico, esta mesma evolución é a que se produciu no portugués hera. HĔDĔRA ➜ hédera + -aria ➜ heeraria ➜ heeraira ➜ hereira ➜ hareira.

HËRBA DA TOUCA (Lamium purpureum), touca.

HËRBA DO TÉ (Bidens aurea) Té bravo.

HËRBA DOS CARPINTEIROS (Achillea millefolium), hërba dos tacos.

HËRBA DOS TACOS (Achillea millefolium), hërba dos carpinteiros.

HËRBA CASTELLANA s.f. Nome dado a varias especies de plantas do xénero Lolium, sobre todo Lolium multiflorum e Lolium temulentum, que se cultivan para forraxe.

HËRBA MAZAROQUEIRA (Bromus diandrus), (Bromus sterilis)

HËRBA MULAR (Holcus lanatus), hërba de herbal ou harbal. Posiblemente mular sexa por molar.

HËRBA TRIGHEIRA s.f. (Hordeum murinum)

HÉRDIMO s.m. Bens que se deixan en herdanza. Características xenéticas que se herdan de pais a fillos.

-Eses son hérdimos que pasan de pais a fillos.

(En portugués hérdimo ou érdimo, ver os dicionarios Caldas Aulete e Dicio)

HIATO [jato] s.m. Fenda, abertura nunha parede. Agocho.

- Andaban na bodegha a move-los ghabexos e topáronlle o hiato dos cartos.

Nota:  En latín esta palabra tiña o mesmo significado. Tamén se recolle este significado no dicionario da RAE.

HÖRA s.f. Hora.

A tal höra: frase que expresa dúbida ou posibilidade; ó mellor, se cadra.

IDËA s.f. Idea; pensamento.

Irlle (a alguén) (algo) na idëa: Ter interese por algo, sentirse atraído por algo, ter vocación.

- O pai quería levalo a traballar con el, pero non lle ía na idea o de ser mecánico e non quixo.

Levarlle (a alguén) a idëa: Ter interese por algo, sentirse atraído por algo, ter vocación.

- Leváballe a idea ser carpinteiro e foi carpinteiro, por máis que lle dixemos non hubo maneira de que estudiara!

Ser da idëa de (alguén) Coincidiren na maneira de pensar dúas persoas. Corresponderse algo ou alguén coa maneira de pensar ou a idea preestablecida de alguén.

- Nunca se levaron ben, inda que eran irmáns e todo, nunca foron da mirma idea.
- Aquel fulano, viciño alí toda a vida, inda anduvo un tempo atrás dela, pero se conoce que non era da idea dela e non o quixo.

Ter a idëa de: Ter un proxecto ou plan en mente. Pensar, ter un pensamento en mente; estar convencido de algo. 

- Tiña a idea de matar o porco este sábado, pero o carallo da porca levantouse toureira.
- Tiña a idea de que eran primos, pero seica non son nada, nin sequera da familia.

Ter na idëa (de): Pensar, ter un pensamento en mente; estar convencido de algo. Ter un proxecto ou plan en mente.

- Tiña na idea (de) que viñan o sábado, pero chamoume onte e seica veñen o domingo.
- Teño na idea de comprar un coche novo, deste ano non pasa.

IGHUALLA s.f. Maneira, condición.

- Sonche todos da mirma ighualla!

INA s.f. Odio profundo, rabia. Mal carácter, veleno, fel. (Arcade)

-Tenlle unha ina que non o pode ver.
-Ten unha ina que non hai quen a aghuante.

(O parecido formal e semántico de ina ou hina? co francés haine /ɛn/ 'odio' é evidente, posiblemente estean relacionadas)

INCIPAR v. Comezar, iniciar; encipar. (Torroso e Dornelas, Mos)

(Do latín incĭpĕre 'comezar, iniciar', [incĭpĭo, incĭpis, incĭpĕre, incepi, inceptum]. Nas linguas románicas só está documentado en romanche, excepto o engadino, anceiver / entschaiver 'comezar' e no romanés începe; no resto da Romania foi substituído por *cuminitiāre 'comezar')

INDA BEN NON conxunción temporal. Aínda ben non.

- Inda ben non chegara á casa e xa tuvo que marchar outra vez.

INDICIÓN s.f. Inxección.

Inghual adx. adv. Igual.

LABAZANA s.f. Raza de mazás

LABOIRA s.f. Propiedades e animais que ten unha casa, facenda. Ter moita laboira, ter moito capital, moito gando. (Arcade)

- Ai, nesa casa téñenche muita laboira...!!

LACEIRA s.f. Fame, miseria.

LADROADA s.f. Gran cantidade de roubos. Grupo de ladróns. (Guizán e Louredo, Mos)

LADROAR v.t. Cortarlle os ladróns á viña

LADROÍZA s.f. Situación en que se producen moitos roubos. Grupo de ladróns. (Arcade)

- Este país é unha ladroíza, todos a roubar, todos a roubar...
- Así non se pode vivir, entran a roubar en tódalas casas, isto é unha ladroíza!!

LADRONCETE s.m. Forma con valor atenuante de ladrón. Ladrón de pouca importancia.

LAGHARTOS s.m. Pequenas tiras de carne musculosas e tenras que están apegadas entre o raxo e o espiñazo. Lombelo, solombo. Os larghartos do porco.

LAMBENDEIRO adx. Utilízase na expresión "ser un can lambendeiro" para referirse a unha persoa submisa que sempre quere contentar os demais, que anda atrás dos outros para afagalos e facerlles o conto. (Arcade, Soutomaior)

LAMBIÑAS adx. Persoa de pouco carácter que se somete ós outros. (Arcade)

LAMBISCADA s.f. Golpe leve dado coa man rozando, de raspallón. (Arcade)

- Está feito un mimoso, deille unha lambiscada de nada na cabeza e botouse a chorar coma se o mataran.

LAMBISCAR v. Comer pequenas cantidades dalgún alimento. 

LAMBISCO s.m. Golpe leve dado coa man a rozar, de raspallón. (Arcade)

LAMBISQUE s.m. Golpe leve dado coa man a rozar, de raspallón. (Arcade)

LANCURGHADA s.f. Reprimenda severa.

LAMPANTÍN adx. Rapaz argalleiro e traste.

LANZAR v. Ghomitar.

LAÑO s.m. Lugar oculto ou descoñecido para a xente. (Cangas do Morrazo).

- Agora con tanto turismo xa quedan poucos laños.

LAPAGHASO s.m. Luz ou claridade intensa e de breve duración; clarón. (A Piolla, Cabana de Bergantiños)

LAPAXOUBAS subs. Persoa que demostra pouca intelixencia, parvallán, parván.

LAPES s.m. Lapis.

LAPUCEIRA s.f. Lapuzada.

LAPUCEIRO adx. Que fai lapuzadas.

LAPUZADA s.f.  Lama ou sucidade que se forma no chan ao botar auga ou calquera outro líquido e patear; chiqueiro.

LAPUZAR v. Patear onde hai  auga e facer lama.

LEIBUA s.f. Masa compacta de terra que levanta e vira o arado ao abri-los regos; leiba.

LEIRA s.f. Parcela pequena, estreita e longa. O termo xenérico para calquera terreo de cultivo é veiga.

LEVAR v. Levar.

Levar (a alguén) a cabeza: Marearse, perder o equilibrio.

- Vamos prá casa que me leva a cabeza.
- Estou mui mal, cando me levanto parece que me leva a cabeza. 

Levar (a alguén) a idea: Interesarse por algo, ter vocación. Tamén se di: irlle na idea algo a alguén.

-Queriamos que estudiara pero nada, non lle leva a idea e non hai maneira... por máis que fagamos...

LIAZA s.f. Móllo de vimbias para ata-la viña.

LISCRÁN s.m. Réptil da familia dos ánguidos (Anguis fragilis) de pequeno tamaño, co corpo en forma de serpe, de cor castaña ou agrisada; aliscrán

LISMAR v.t. Expeler lismos as femias dos animais mamíferos durante o celo ou antes de parir.

LISMO s.m. Substancia viscosa que expulsan as femias dos mamíferos cando están en celo ou pairen. Substancia viscosa de aparencia semellante á da clara dos ovos. Substancia viscosa que recobre a superficie dos peixes e doutros animais acuáticos.

Ver o portugués lismo 'idem'.

Logho de + infinitivo  Expresa posterioridade inmediata; logho que, logho de que. Así que, inmediatamente despois de, ó pouco de.

- As veighas xa as venderon todas logho de morre-lo pai.
- Viñeron para a casa logho de morreren os vellos.

LÓGHRIMO, -A adx. [Referido a unha casa ou habitación] que está sen dividir e forma unha única peza dedicada a varios usos. [Referido a unha casa ou cuarto] que está baleiro, sen mobles nin decoración.

- Daquela inda tiñan a casa sin dividir, estaba lóghrima, nun lado tiñan o vertedeiro e a cociña e noutra esquina tiñan as camas, estaba todo xunto.
Era unha casa grande de pedra, pero cando foron pra ela inda estaba lóghria.

NOTA: A forma desta palabra non está clara, a primeira vez que a oín a falante dixo varias veces de forma espontánea lóghrima, pero cando lle preguntei no momento e máis tarde que significaba esa palabra, primeiro vacilou entre lóghrima, lóghria e lóghrida e despois asegurou que era lóghria. A falante utiliza as tres formas indistintamente. Outros falantes ó pregurtarlles por esta palabra din que a forma correcta é lóbriga (se cadra por confusión con lóbrega). Posiblemente, a orixe da palabra sexa o latín lugŭbre 'lutuoso, fúnebre, tristre', ou se cadra lubrĭcus 'esvaradío' pero tamén 'perigoso, tenebroso'. Calquera das dúas pode ser a orixe de lóbrego 'sombrío, escuro, triste'.

LUCENCÚ s.m. (Lampyris noctiluca) Lucecú, vagalume.

LUITO s.m. Loito.

LÚMINA s.f. Doenza que afecta as embarazadas ou parturientes que consiste no inchazo dos membros inferiores e superiores e incluso da cara e os ollos (edemas) por problemas vasculares que pode causar a morte; preeclampsia, eclampsia.
- Antes chamábanlle a lúmina, era grave, podíase morrer diso!

Comentários

Mensagens populares deste blogue

DITOS, REFRÁNS E FRASE FEITAS

Hai moitas frases feitas, ditos e refráns que están sendo substituídos por castelanismos por falta de difusión, porque nas televisións se oen máis e máis tempo en castelán, saquemos os nosos á luz!!!

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C