Avançar para o conteúdo principal

E-F

EMBADURNAR v.t. Manchar, untar.

EMBIRRARSE [en algo] v. Teimar en facer valer a súa. Obstinarse en algo.

EMBORA  Utilízase na expresión "arreando embora" para animar ou obrigar alguén a marchar dun sitio. (Arcade, Soutomaior)

- Arreando embora que xa é tarde e non damos chegado!
- Arreando embora prá casa que xa é tarde e esta xente quererase deitar!

EMBOUTAR v.t. e pron. Encher de merda; enzoufar. 

EMBUFONADO -A adx. Moi anoxado.

EMBUFONAR v. Anoxarse  moito.

EMPANADIZO s.m. Inflamación purulenta que aparece arredor das uñas.

(Posiblemento do castelán panadizo con influencia de empanar. En castelán panadizo, portugués panarício, do latín tardío panaricĭum e este do latín paronychĭum e este do grego παρωνιχιον parōnýchion 'ao lado da uña').

EMPAUTAR v.t. Someter a vontade de alguén a través de medios máxicos; embruxar, enfeitizar. Exercer influencia sobre algo ou alguén por medios máxicos. (Arcade, Soutomaior)

Verbo derivado do substantivo pauto 'pacto'. A relación que se establece entre pauto e empautado co mundo exotérico débese á creza popular de que certos comportamentos estraño que manifestaban algunhas persoas era porque estaban posuídas polo demo, pensábase que algunhas persoas facían pautos 'pactos' co demo.

EMPICHAR v.t. Cubrir un camiño ou estrada con piche ou asfalto.

- Levamos xa non sei canto tempo dicídonlle que nos empiche o camiño, pero non hai maneira.

(De piche 'alcatrán' do inglés pitch 'alcatrán' e este do latín pix -ĭcis 'pez, brea, breu'

EMPINXE s.m. Erupción cuntánea producida pola picadura ou polo aire dun becho. (Alxén, Salvaterra).

(En portugués impingem ou impigem do latín impētĭgo -ĭnis 'erupción cutánea, herpes')

EMPLASTAMADA s.f. Substancia espesa e pegañenta.

- Aquilo non era arroz nin era nada, era unha emplastamada que non había quen-o comera.
- Non hai cousa que máis odie que andar pola rúa e toparme con aquelas emplastamadas de merda...

ENCAMBAR v.t. Pasarlle a alguén unha carga, unha responsabilidade ou obriga sobre algo, unha cousa molesta ou incomoda. (Arcade). En Torroso, cangar.

- Tanto querían un fillo, tanto querían un fillo e aghora encámballo ós pais!

ENCERTAR v.t. Comezar a consumir algo que estaba enteiro. (O mesmo que encetar)

(Do latín inceptare 'comezar')

ENCHOUFALLAR (frecuentativo ou intensivo de enchoufar)

- Mira como vén este rapás, enchoufallouse naquela lama e agora parece un porco.

ENCHOUFAR v. Afundir nunha materia branda. (Arcade, Soutomaior)

- Iba andando tan tranquila e enchoufei un pé na lama
- Mira que lle teño dito que non manche a roupa nova, pero el nada, enchoufouse alí naquela lama e mira como puxo a roupa.

(Con ditongación expresiva de enchufar)

ENCINESTRARSE v.pr. Anoxarse moito; subirlle o cinestro a alguén.

Como se encinestre non hai quen lle digha nada.

ENCIPAR v. Comezar, iniciar; incipar (Dornelas, Mos)

(ver incipar)

ENCOIRAR v. Coller unha cor pardacenta que dá aspecto de sucio aínda que se lave. (Arcade, Soutomaior)

- Anda a retear o xabón da lavadora e tiña toda a roupa encoirada que daba noxo.
- Ten as sabenas novas que lle regalei encoiradas que parecen do ferrovello.
- Leva todo o día descalzo pola terra e agora ten os pés tan encoirados que non hai maneira de que lle dea a morriña.

ENCOIREXAR v. Frecuentativo ou intensivo de encoirar. (Arcade, Soutomaior)

- Tiña aquelas toallas tan encoirexadas que daba noxo mirar pra elas!

ENCONARSE v.pr. Namorarse perdidamente.

ENCONICAR v.t. Enguruñar e engurrar unha peza de roupa, un tecido.

- Tës aí a roupa toda enconicada e vamos mirar quen-a plancha.
- Esa roupa hala de planchar ti, tela aí toda enconicada... non penses que cha vou planchar eu!

ENCORAR v. 1) Deixar de chover. (Relacionado co encorar 'deter a auga nun río formando un encoro'). (Torroso, Mos).

(O Día das Candelas)
Se chove e venta, inverno entra
se chove e encora, inverno fóra
que ría que deixe de rir
a metá do inverno está por vir


2) Sentir moita calor, angustiarse pola calor. (Variante de acorar) (Santa Comba, Camariñas, Vimianzo).

- Con esta calor eu encoro!
- Vai unha calor que encoro!

ENCOVADO adx. Afundido. 

Ollos encovados Ollos afundidos, metidos para dentro.

-Tirou as ghafas e tiña aqueles ollos encovados... debe estar maliño outra vez.

ENCRUALLAR v.i. Quedar mal cociñado e duro un alimento porque se tirou do lume antes do tempo; o mesmo ca encruar.

Apagoulle o lume ás patatas antes de tempo e agora están encrualladas que non hai quen as coma.

ENDIANTE adv. Diante de

- Púxese endiante da casa a mirar prás ventanas.

Daquí endiante loc. adverbial A partir dun momento dado, a partir de agora, de agora endiante... 

*Ver De aquí en diante.

ENFOUZAR v. Enzoufar

ENFUSCAR v. Pórse de mal humor, obcecarse.

Andar enfuscado Andar de mal humor, obcecado.

ENTA s.f. Gran cantidade; chea (Xinzo, Ponteareas; Salvaterra)

-Hai unha enta delas
-Deulle unha enta de hostias que o deixou fino!

ENTALAR v. Quedar a comida atascada na gorxa obstruíndoa. Atragoar, aganar.

ENTALECER v. Poñerse a comida dura porque se interrompeu a cocción. (Arcade, Soutomaior)

- Espero que non entalezan as patatas por quedar fóra do lume.
- Estas patatas inda van entalecer ó quedar tanto tempo fóra do lume.

ENTALO  s.m. Enfermidade que lle impedía á persoa que a padecía tragar alimentos pola obstrución da gorxa. Posiblemente fose cancro de esófago ou de garganta; mal do entalo. (Torroso, Mos)

ENTENA s.f. Capa ou camada que se estende sobre unha superficie. (Torroso, Mos)

-Pa facer unha pilla hai que ir botando unha entena de esterco e outra de toxo.

ENVOLVEITO participio irregular de envolver.

- Eses dous andaban envolveitos

ENXAIRO s.m. Período de tempo en que deixa de chover ata que volve empezar; escambro, delouro. (Mos)

ENZOUFALLAR v. Enzoufar

ERVILLA s.f. Ervella, chícharo.

En portugués ervilha.

ESBANDALLAR v.t. Rachar unha peza de roupa. Esfiachar un tecido.

Esbendallar  v. Esbandallar

ESBARDAR (tamén desbardarv.intr. Facer algunha actividade para saír da rutina, para deixar de pensar sempre na mesma cousa; distraerse, airearse.

- Tes que salír da casa, que así tamén esbardas un pouco.
- Fun coa miña filla... estou todo o día aquí metida na casa, e tamén esbardo un pouco.

ESBARRULLAR v. Vir abaixo un terreo alto, un edificio, etc.; esborrallar, esborroar, esboroar.

ESBOUFAR v.t. Arrebentar algo polo impacto contra unha superficie dura. (Vilariño, Poio)

 - Mira que te esboufo eh!!

Ver no Dicionario de dicionarios da lingua galega.

ESCACHIFEIRA s.f. Desfeita.

ESCAGHARRUADO adx. Que ten cagarría ou diarrea. (Arcade, Soutomaior)

ESCAGHARRUAR v.tr. e pron. Causar ou coller cagarría. (Arcade, Soutomaior)

- Eu creo que foron tantas uvas como comeu o que o escagharruaron.
- Comeu tantos pasteles que se escagharruou todo!


*Noutros lugares de Galicia dise: escagarruzar, escagarrizar, escagarriar...

ESCAINA s.f. Utilízase na expresión "limpo coma unha escaina", moi limpo, inmaculado, impoluto.

Expresións equivalentes: "limpo coma unha escomilla", "limpo coma unha patena".

ESCALAZADA s.f. Estrago, desfeita.

- Caíu coa bicicleta no piche e fixo unha escalazada nas pernas.
- Cando o operaron da barriga cosérono mal e deixáronlle feita unha escalazada.

ESCALAZAR v.t. Causar moitas feridas nun corpo. Desfacer, esgazar en anacos.

- Caíu coa bicicleta no xabre e escalazou as mans todas.
- Deixaron o can solo na casa e cando chegaron tiñan o sofá todo escalazado.

ESCAMAR v. Desconfiar.

ESCAPE, A [a'scape] loc. av. Moi rápido, en moi pouco tempo.

-Vai á casa a'scape e traime o sombreiro.

ESCARABANA s.f. 1) Utilízase na expresión "corre-la escarabana" co significado de andar dun lado para o outro, ir a moitos sitios sen parar. (Arcade)


2) Sarabia (Xinzo de Limia)

ESCARAPELAR v. Levantarse e caer a pel danada e seca.

- Queimouse na plaia e agora estalle a escarapelar todo o lombo.

ESCARAPOTA s.f. (Helicolenus dactylopterus) Peixe mariño da familia dos escorpenídeos de cor avermellada con bandas transversais máis escuras. (Arcade, Soutomaior)

ESCARCHO s.m. Peixe da familia dos tríglidos, escacho. Nos dicionarios tamén aparece escracho. Berete. Os máis grandes son os rubios. (Arcade)

ESCARNIZAR v. Desfacer un corpo esgazándoo, escalazar. Causar moitas feridas.

- Eses dous lobos, porque son coma lobos, mataron un can pequeno e escarnizárono aí diante do portal!!.

ESCARONDO -A adx. Dise da herba seca, da palla, do pan e incluso da roupa cando está moi seca e áspera ou estaladiza por estar moito tempo ó sol ou ó calor. Cando o pan e a herba seca están escarondos, estralan, triscan, parten con facilidade. O pan esmigállase todo. O contrario de escarondo é dondo. Pódese dicir que a roupa está donda cando está suave, branda; igual có pan e outras cousas.

ESCARRACHAR v. Abrir moito as pernas, escarranchar.

ESCARRADO -A adx. Dito das persoas, que ten un parecido moi grande, idéntico, igual.

- Non se pode dicir que non é fillo, é escarrado ó pai.
- O fillo máis novo parécese á familia da nai, é escarrado ó tío.

Esta palabra ten a mesma orixe ca esgarrar e esgarro, en portugués é escarrar, escarrado, escarro. En galego "estandar" existe a mesma expresión, pero co verbo cuspir: ser cuspido ou cuspidiño a alguén.
Na zona en que se utiliza escarrado (Mos) non se relaciona esta palabra coa familia léxica de esgarrar, xa que esgarrar significa cuspir, esputar e escarrado só se utiliza co significado de moi parecido, idéntico.

ESCOFELLAR v. Revolvérense as galiñas ou calquera outra ave na terra.

(Frecuentativo de cofar)

ESCOMILLA s.f. Utilízase na expresión "limpo coma unha escomilla", moi limpo, inmaculado, impoluto.

Expresións equivalentes: "limpo coma unha escaina", "limpo coma unha patena".

Nos dicionarios de portugués aparece escumilha como "tecido fino e transparente".


ESCUCHO s.m. Leira moi pequena en forma de ángulo.

*O parecido de escucho co castelán socucho 'recanto, faiado, pequeno cuarto' (Corominas Pascual) tanto na forma coma no significado parece evidente. Corominas pensa que vén do vasco zokotxo, diminutivo de zoko 'recanto'. Nas Canarias soco 'abrigo contra o vento ou a chuvia'.

ESCULCAR v. Vixiar.
- Andaba sempre a esculcar todo o que faciamos!
- O único que sabe facer é andar a esculcar o que fai a xente.

ESFALDRADO (de esfaldrar) Que anda coa faldra da camisa por fóra dos pantalóns; descamisado. (Arcade, Soutomaior)

ESFALDRALLADO (de esfaldrallar) Que anda coa faldra da camisa por fóra dos pantalóns; descamisado. (Arcade, Soutomaior)

- Andaba sempre esfaldrallado que parecía un farrapento. 
- Este rapaz anda sempre esfaldrallado que parece un perdido.

* Esfaldrallado respecto de esfaldrado ten un matiz máis despectivo.

ESFANICADO adx. Que ten o bordo roto; fanicado.

ESFANICAR v.t. Romper o bordo dunha vasilla; fanicar.

(Frecuentativo de fanar)

ESFARRAPALLAR v.t. Frecuentativo ou intensivo de esfarrapar, romper en farrapos.

ESFARRAPALLADO subs. e adx. Persoa que anda sucia e coa roupa rota en farrapos, esfarrapado. Roto en farrapos ou con aparencia de farrapo.

ESFRANGALLADO adx. Da aparencia dun frangallo, dun farrapo; esfarrapado. (Torroso, Mos)

- Os cachos de ghaca son máis esfrangallados, os de bencía son máis apertados, ten os bagos máis xuntos.

ESFRANGALLAR v.t. Romper ou cortar en anacos desiguais, sen xeito.

ESMAGHALLAR v.t. Frecuentativo ou intensivo de esmagar.

ESPALLAFATO s.m. Lea, rebumbia. Facer un espallafato: alporizarse, montar un cristo, unha rebumbia.

- Está media mal da cabeza, fixo un espallafato alí diante de todo o mundo...

Ver espalhafato en portugués.

ESPARTIR v.t. Separar, estender; despartir.

- Había que esparti-lo esterco.

ESPELICAR v.t. Separar as febras da carne entre si e da graxa. Romper cos dedos un alimento en anacos moi pequenos. (Torroso, Mos)

En Rianxo espelicar é tirarlle a pelica ás patacas, difente de estonar, tiralle a tona a unha laranxa.


ESPIAR v.i. Ceder á presión a que está sometido algo (as vigas dunha construción, os cimentos, abrirse un tecido, unha planta ao tirar por ela, etc.)

- Este ano choveu tanto que espiaron os cimentos da casa.
- Cargastes tanto a barra que están espiando as vigas.
- O pendón hai que espialo, non se pode cortar porque o millo inda non botou as espigas.
- Apertáballe tanto a saia que ó baixarse espioulle toda a costura!

ESPICHA s.f. Utensilio agrícola constituído por un mango de madeira rematado por dous ou máis dentes que poden ser da mesma madeira ou de ferro; forquilla.

Buraco nun bocoi para sacar viño, normalmente faise para sacar a proba. Pau delgado que tapa un buraco nun barril ou recipiente parecido para extraer viño.

ESPILICAR v.t. Espelicar.

ESPIÑA s.f.

Dar a espiña: ter un presentimento, normalmente mao.

- Dáme a espiña que isto non vai salir ben.

ESPIQUE adx. Persoa que fala moito e non deixa falar os demais porque os interrompe constantemente. (Arcade, Soutomaior)

(Do inglés speaker 'falante', 'locutor')

ESPOTROADO -A adx. Estumballado; tirado no chan.

ESPOTROAR v. 1) Caír ou deixarse caír en peso morto. 2) Estumballarse.

- Caíu alí espotroado que se matou.
- Aquel mangallón estaba todo o día espotroado no sofá sin facer nada.

ESPOUFADO adx. Espoufallado, estumballado.

ESPOUFAR v. Espoufallar

ESPOUFALLAR v.t. Caír algo en peso morto contra o chan. Desfacerse algo ó caír contra o chan ou ó lanzalo contra unha superficie dura. Deixarse caír estumballado nunha superficie mol.

- Caíulle a bolsa de mazáns pola ventana e espufalláronse todas.
- Espoufallouse aí no sofá todo o día e non hubo maneira de movelo.

Ver esboufar (Vilariño, Poio)

ESPRUGHAR v.t. Tirar a casca a un froito; espurgar. (Torroso, Mos)

- Hai que esprugar unhas patatas pá comida.

Ver no Dicionario da RAG esburgar.

ESPURGHAR v.t. Esprugar.

ESPULGHAR v.t. Tirar a carepa a un froito. (Arcade, Soutomaior)

Hai que espulgar unhas patatas para a comida.

ESQUIFE adx. Dise da roupa que é curta nas mangas e nas perneiras. (Vilariño, Poio)

ESQUIFO s. e adx. Algo mal feito, trapallada, desfeita (Vimianzo, Padrón)

ESTABËRÍA s. f. Corte onde se gardan os cabalos ou os bois. Táboas colocadas horizontalmente sobre dous soportes, que poden ser dous cabaletes.

A vida do carreteiro
xa cha contarei María
comer coma caballeros
durmir nunha estabëría

A explicación a esta palabra na cantiga pode ser como corte, pois o carreteiro come coma un cabaleiro e vive a corpo de rei e logo dorme na corte cos bois. No portugués está rexistrada a palabra estrebaria co significado de corte. No Dicionario de dicionarios están recollidas estrabariza, estrebaría.

(Do latín stăbŭlum 'corte do gando')

ESTALAXE s.f. Cousa demasiado grande e desproporcionada.

Ver o portugués estalagem 'hospedaxe'

ESTÁNTIGHA s.f. 1) Aparecido. 2) Persoa parada, que non se move.

(Do latín hoste antiqua 'inimigo antigo', 'adversario antigo')

ESTEPOR (de estuporadx. e s. 1) Persoa desprezable, completamente inútil; ser un estepor. (Atios, O Porriño).

2) Persoa sucia, desaseada, pouco amiga do traballo, que non se axeita a nada, descoidada, pouco espelida; baldreu, baldroeiro, bandallo, baldrocas. (Arcade, Soutomaior).

Vide estupor en portugués.

ESTERRICAR v. Estarricar.

ESTOAR v.i. Estumballarse debido á fatiga, ó cansazo ou á falta de ánimo. Estar parado, sen moverse. (Louredo, Mos)

- Levántate daí dunha vez, levas todo o día estoado sen facer nada!
- A porca cando anda salida queda estoada no medio e non hai quen a mova.

ESTORCEGAR v. Retorcer con forza. Trochar un tornecelo.

- Estorceghou unha perna e por nada rómpea.
- Pisou mal e estorceghou un tornecelo.

*En portugués igual.

ESTORRELLADA s.f. Excrementos de consistencia branda.

ESTRAZA s.f. Restos relados de vexetais.

- Os coellos aí debaixo dese castiñeiro comen as castañas e deixan aí toda a estraza.

ESTREMONÍA s.f. Mal comportamento, sobre todo dos nenos, que causa molestias ou prexuízos, incluso para eles mesmos. Utilízase sobre todo en plural: facer estremonías. (Arcade, Soutomaior; Brión)

ESTRISILADO adx. Que está moi fraco, nos ósos.

ESTROINA adx. e subs. Amigo de gastar diñeiro sen control, sobre todo en vicios.

ESTROINAR v.tr. Gastar diñeiro sen ningún control e en cousas que non dan beneficio ningún. (Arcade, Soutomaior)

ESTROINADOR, -A adx. Amigo de gastar diñeiro sen control ningún. (Arcade, Soutomaior)

ESTRONCA s.f. Poste ou esteo que se coloca de forma oblicua contra outro poste ou unha superficie vertical como apoio para evitar que esta ceda.

- Hai que poñerlle unhas estroncas ás cabezas da viña antes de tensa-los alambres.

EXTREMADO [estremado] adx. Día ou data que por calquera circunstancia destaca ou sobresae dos demais; día extremado. (Arcade, Soutomaior).

- O martes non traballan porque é un día extremado.
- Para a semana hai dous días extremados.

Ver o português extremado 'distinto', 'notável'; 'extraordinario'; 'assinalado'.

FACHIQUEIRA s.f. Fogueira ou lume que se fai con colmo. (Arcade, Soutomaior)

- Cando aparece un niño de avispas hai que facerlle debaixo unha fachiqueira para queimalas.

FACOTEXO adx. Persoa mal aseada que cheira mal, fedorento. Persoa desprezable. Prostituta.

FAGHÍA s.f. Ánimo, enerxía, disposición á hora de facer algo. (Vimianzo)

- Que faghía tés!, non alebures tanto.
- Hoxe levantástete con moita faghía.

En Carnes, Vimianzo, celébrase todos os anos a Festa da Faghía, que data do 1608. Nela, os veciños cociñan, durante dous días, callos para a comunidade.

FALABARATO subs. Persoa que fala sen parar e a maioría das veces dicindo despropósitos. Persoa que tenta vender algo ou enganar valéndose da verborrea.

FALDRACALLADA s.f.

FANADO adx. Que lle falta algún dente.

FANAR v. Quedar sen algún dente.

- Caíronlle os dentes e agora anda fanado.

Nota: Só se utiliza no participio: estar fanado, quedar fanado, andar fanado...

FANICADO adx. Dise do recipiente de louza ó que lle falta un anaco nos bordos; esfanicado. Esportelado, escantrelado.

FANICAR v.t. Romper os bordos dalgún recipiente de louza; esfanicar

FARRACATEIRO (ferracateiro) adx. Persoa que anda mal vestida, con farrapos, e sucia. (Marcón, Pontevedra).

FARRUSCO s.m. Residuos de cor negra que deixa o lume e o fume nas superficies; borro, borra, feluxe, sarrio, charrizo.

FATILLA (de fato) s.f. Familia ou grupo de persoas afíns, en sentido despectivo. Gharca, camarilla.
- Xúntase aí con todos eses, coa fatilla del.

Facer fatilla Unirse a alguén, achegarse máis a alguén.

- Como non se leva cos pais, ultimamente fai fatilla cos primos e cos irmáns.

FATRACALLADA s.f. (de fatraca) Conxunto de cousas agrupadas sen orde; quincallada, trangallada. (Tamén se pode oír a variante fotrecallada).

- No baixo da casa metía toda a fatracallada do chöio.

FEITURÍA adx. Aplícase á comida que leva moita trapallada, que non é natural; ten connotacións negativas: que non é bo, que non é caseiro, de calidade. (Vilariño, Poio)

FELPRELLO s.m. Fíos que se desprenden dos bordos dunha tea. Adornos formados por fíos ou cordóns colgantes.

- Córtalle eses felprellos ó pantalón que pareces un perdido!
- A camisa tiña uns felprellos así polo peito...

FERREÑO -A adx. (Referido a unha persoa) que é dura, forte ante as adversidades, o traballo, que ten moito aguante.

FËRRO-VËLLO s. m. Chatarra.
Ser [algo] do fërro-vëllo.

FÍA s.f. Febra das vaxas dos feixóns verdes.

FOLEADA s.f. Golpe de vento forte e repentino. (Torroso, Mos)

- A túa muller está tan flaca que como veña unha foleada de vento lévaa polo aire!

FOLGADA s.f. Terreo húmido con herba verde todo o ano, sobre todo no verán.

- Levaron as vacas prá folgada ó pé do río.

FOLIÓN s.m. Golpe de vento forte e súbito. (Arcade, Soutomaior).

*Comparar con outras formas como refoleo e refolear recollidas no dicionario da RAG e refolón, refolada, refolión recollidas no Dicionario de Dicionarios.

FONDAMA s.f. Tapadeira dos gabexos.

FONDAR v.i. Tapar un gabexo coa fondama selando as xuntas para evitar que perda viño.

FORFELLAR v.i. Fuchicar, fozar en algo.

FOSTIAR v.t. Baterlle a alguén; mallar.

(Do latín fustīgāre 'azoutar')

FOSTIADO adx. Que corre moito, que se move moi rápido.

- Teu irmán pasou hoxe por aquí fostiado...!
- Non me estraña que tuvera un cacharrazo, anda sempre fostiado.

FOUZACA s.f. Fouce grande de mango curto para rozar. 

FOUZAÑA s.f. Gadaña.

FRONDOIRO (posiblemente do lat. offertorium influído por ofrenda)

Misa de frondoiro Misa de ofrenda ó defunto que se celebra o primeiro domingo despois do enterro.

FROUZA s.f. Ramas finas das árbores e arbustos. Leña miúda formada polas ramas das árbores e arbustos.

FROUZALLADA s.f. Leña miúda, ramallada.

FUGHA s.f. Ansia, afán, cobiza por facer algo.

- Hoxe levantouse cunha fugha que é algho fóra do normal, eran as nove da mañán e xa tiña a casa limpa e a roupa ó sol!!
- A onde vas con tanta fugha? Para un pouco a falar coa xente!

FUMALLADA s.f. Gran cantidade de fume; fumarada, fumeira, fumeirada, fumegheira.

FUMARADA s.f. Gran cantidade de fumo; fumegheira, fumeira, fumeirada, fumallada.

FUMEGHAR v. Desprender fumo.

FUMEGHEIRA s.f. Gran cantidade de fumo; fumarada, fumeirada, fumallada.

FUMEIRA s.f. Gran cantidade de fumo; fumegheira, fumarada, fumallada, fumeira, fumeirada.

FUMEIRADA s.f. Gran cantidade de fumo; fumegheira, fumarada, fumeira, fumallada.

FUMO s.m. Fume.

FUNILA s.f. Especie de funil pequeno e coa embocadura máis ancha, normalmente de aceiro inoxidable, para encher as chourizas.

FURA s.f. Utilízase na expresión "andar na fura de fóra" andar nun estado de ánimo alterado. En sentido positivo significa que non ten paraxe, que traballa sen parar, que fai cousas sen parar; en sentido negativo, que anda danado, doente, alporizado.

FURUNCO: furuncho.

FURRULAR v.t. Funcionar un aparello. 

*Compárese co italiano frullare.

Mensagens populares deste blogue

DITOS, REFRÁNS E FRASE FEITAS

Hai moitas frases feitas, ditos e refráns que están sendo substituídos por castelanismos por falta de difusión, porque nas televisións se oen máis e máis tempo en castelán, saquemos os nosos á luz!!!

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C