Avançar para o conteúdo principal

Retallos do Tártaro

Ás veces óese o comentario de que a cultura antiga e tradicional galega se está a perder, e pensas nos labores tradicionais e nos tempos de antes, e que é inevitable porque as cousas cambian e a vida de agora non é a mesma cá de antes. Pero realmente non se pensa en todo o que mudan as cousas, como se vai perdendo, sobre todo, o imaxinario popular, as crenzas, as certezas que tiñan sobre o seu mundo os nosos avós e como só nos quedan retallos dunha cultura inmaterial. Non es consciente ata que o ves cos teus propios ollos, xa di o refrán, aínda que pareza un pouco forzado: ninguén escarmente en cabeza allea. A min pasoume moitas veces porque me intereso por estas cousas que lle chaman "dos vellos". Cando lía cousas sobre as mouras e lle preguntaba ós meus pais ou a algún veciño dos máis vellos do lugar, sempre había alguén que dicía: "Ai si, tíñalle oído a miña avoa falar diso...", "Boh, iso son contos de vellos... que contaban antes...", "Iso son parvadas dos vellos de antes....", etc., pero sempre hai alguén que oíra algo, eses retallos que van quedando inconexos e sen explicación.
Esta vez pasoume co Apalpador ou Pandigueiro, case ninguén sabe que é iso, óese falar dese tal Apalpador e do que representa e a xente vai facendo memoria, cando dis que é un carboeiro que na noite do día 31 de decembro trae castañas para os rapaces, que é unha tradición da montaña luguesa e ourensá, de repente aparece alguén que di: "Ai iso do carboeiro tiña oído eu algo cando era pequeno... era un méndigo que lle traía carbón ós rapaces...". Parece que se albisca aí algún outro retallo perdido da nosa cultura, hai alguén a quen lle soa algo dun carboeiro que trae algo polo Nadal... Vaia, pois xa é algo, se cadra hai máis do que parecía.
E a propósito do Apalpador eu tamén quixen saber máis da tradición e das orixes do carboeiro e tentei buscar as raíces da personaxe mítica, e polo que puiden ver é un xigante que sen dúbida está emparentado con outros carboeiros coma o Olentzero vasco. Pero realmente o que máis me sorprendeu é que, duns xigantes a outros, topeime con Tartalo, outro xigante da tradición vasca. Este tal Tartalo é un olláparo ou ciclope, como xa dixen da tradición vasca, pero que seica está relacionado cos ciclopes da tradición helénica. Este xigante dun ollo só, na tradición vasca é un monstro perverso que guinda rochas duns montes a outros, come nenos e ás veces tamén persoas grandes. O pobo vasco continúa a contar historias desta personaxe terrorífica, coma a dos dous irmáns que se viron sorprendidos por Tartalo nunha gruta á que se foran abrigar durante unha tormenta. E sorprendinme ó toparme co tal Tartalo porque eu tamén oín de sempre falar dun tal Tártaro. Dende que teño memoria sempre oín falar dun tal Tártaro que non se sabe que é, se preguntas ninguén che sabe dicir exactamente que tipo de ser é ese tal Tártaro. Sempre hai alguén que se aventura a dicir que se será o home do saco, o paxaro da morte ou algún deses "seres" que saen de noite cos que se asusta os rapaces.  O único que se ten claro é que sae de noite, pódese oír con toda a naturalidade do mundo: "Andas sempre de noite coma o Tártaro...", "Ti non aprendes, saes sempre á noite coma o Tártaro...", así é como nos berregaban ós que tiñamos o costume ou o vicio de saír á noitiña ou á boca da noite para facer o que non fixeramos durante o día.
Se cadra, e moi posiblemente eu quero ver máis do que hai, pero cando me encontrei con Tartalo (coas variantes Torto e Tártaro) vin o ceo aberto para esclarecer un dos enigmas que me leva dando voltas na cabeza dende hai ben tempo. Eu quero pensar que é outro deses retallos da nosa cultura que esmorece, que quedou aí na memoria da nosa xente, perdido sen a súa historia, sen a súa identidade, pero iso si, que anda de noite é seguro e que non é bo tamén.

Comentários

  1. MOi boas Xosé...realmente mi interesante as túas lembranzas do Tártaro. Do Tártalo vasco e as súas andainas e fazañas, e non moita intelixencia, tiña noticia abondosa pola bibliografía etnográfica referida ao País Dos Vascos, pro a referencia ao Tártaro na Galizia e a primeira que a escoito.
    Ao mellor non sería de máis citar a zona xeográfica concreta, sempre é de interés,na que se mantivo o nome, e dende logo o único dato que se aporta é o de ser un ente de hábitos nouturnos e carácter maléfico (xeralmente o un vai a canda o outro).

    As similitudes etnográficas no ámbito cantábrico son moitas máis, mesmo na orixe das palabras, das músicas e da gastronomía, das que nun principio se poidera pensar. E non sempre Euzkadi é o berce, se non tan só, e non é pouco, onde máis nidiamente se gardou a memoria e o orgullo de ser.

    Pois iso, que moi interesado no Tártaro, pro por favor achéganos o dato da zona concreta: lugares, parroquia, concello e idade das xentes informantes así coma en que anos aínda se mantiña a lembranza do Tártaro.

    Un saúdo.

    Rafael

    ResponderEliminar
  2. Ola Rafael,
    Antes de nada grazas por ler os comentarios pouco científicos que escribo.
    Pois como digo no texto sempre oín falar do Tártaro, pero en comentarios coma os que menciono arriba. Realmente a xente á que lle teño preguntado non sabe que ou quen é o Tártaro. Á persoa que máis lle teño oído mencionar o Tártaro é miña nai que é de Arcade, do concello de Soutomaior. Tamén lle teño oído comentarios do tipo: "anda de noite coma o Tártaro" a outras persoas da miña familia materna. A idade que teñen estas persoas é cincuenta e pico e máis de cincuenta.
    Como xa dixen só o coñezo por estas referencias, pero seguirei preguntando, por se aparece alguén que sabe algo!!!!

    ResponderEliminar
  3. Obrigado Lois...as referencias a Arcade en Soutomaior (Ponte Vedra) quedan pois establecidas e a idade xa ía supoñendo eu que terían que ser da miña quinta... os galegos do rural de máis de 50 somos museos de etnografía andantes, unha especie a protexer, con perdón.
    Se segues a inquerir entre eles, e entre os máis vellos, algo máis do Tártaro, de seguro sairán algunhas frases ou expresiós que poidan iluminar algún aspecto da súa etnografía.
    Un saúdo e os meus parabéns pola recuperación da voz, da nosa voz.
    A mandare.

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!

OS DÍAS DA SEMANA

Xa que me afeccionei ao TMILG e ao Corpus Xelmírez gustaríame compartir algunhas conclusións ás que cheguei. Sempre hai temas polémicos con isto da normalización lingüística do galego, e a denominación dos días da semana é un dos temas controvertidos. Aínda que os nomes baseados no sistema de feiras están admitidos é son normativos o seu uso na lingua oficial é escaso por non dicir nulo, dáselle prevalencia ao sistema baseado nas formas latinas.
A polémica radica en que por unha parte as correntes reintegracionistas próximas ao portugués defenden que a única forma galega é a baseada no sistema de feiras igual có portugués e que a baseada no sistema latino é un calco do castelán. A versión "oficialista", digamos, aposta polas denominacións pagás porque son as máis utilizadas, aínda que admiten a masiva castelanización do sistema, sobre todo miércoles, jueves e viernes. Do sistema de feiras aducen que só se recordan algunhas formas como corta/cuartafeira e quintafeira, máis ca …