Avançar para o conteúdo principal

ACACHAPAR E ACAÇAPAR

 Na miña fala do sur de Pontevedra (Mos) sempre utilicei e oín utilizar a palabra acachapar co significado de agacharse, encollerse sobre un mesmo para ocultarse, como aparece definida e con exemplos no vocabulario deste blog.

ACACHAPAR v.tr. e pron. Ocultarse ou esconderse co corpo encollido sobre si mesmo.

Andabámolos a buscar e estaban alí acachapados no medio das silvas.
Téñeno alá acachapado e non o deixan vir pá casa!

O motivo que me levou a escribir este texto, é que nos dicionarios galegos non aparece recollida esta palabra co significado que coñezo, pero o máis curioso é que ese significado é o que lle dan os dicionarios das outras linguas peninsulares, comezando polo portugués, como era esperable.

No dicionario da Real Academia Galega non aparece recollido, nin no Digalego. No Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega está recollida en varios dicionarios, pero co significado de 'coller ou apañar algo polo aire', como sinónimo de chapar, que si recollen os dicionarios da RAG e Digalego. No Gran Dicionario Xerais da Lingua Galega figura esta entrada con letra minúscula, é dicir, como forma dialectal, non normativa, cos significados de 'coller algo polo aire, chapar' e 'acochar con roupa', este segundo significado parece que se aproxima algo.

Onde si aparece a palabra acachapar co significado que coñezo de 'esconderse', 'encollerse para ocultarse' etc. é nos dicionarios portugueses. Algúns danlle o significado de 'tornar-se baixo ou encolhido como um caçapo', como na Infopédia e Caldas Aulete, noutros, alén deste significado, engaden algún máis como 'achatar', 'esmagar' e 'humilhar', 'dominar', Dicio.

O máis sorprendente é que tamén aparece recollido no Diccionari General de la Llengua Valencianaacachapar 'ajopir-se o acachar-se en terra per a amagar-se a la manera d'un cachap', isto é, "encollerse para esconderse coma un cazapo", é un derivado de "cachap" 'cazapo'.
Polo visto, esta coincidencia parece que nos leva á aparente orixe da palabra, a lingua que a xerou, polo menos, é un derivado de cachap 'cazapo'. En galego a partir de cazapo temos o verbo acazapar, que significa o mesmo: agacharse coma un cazapo.

A mesma palabra tamén consta entre as entradas do Diccionario de Americanismos da RAE co significado de 'aplastar(se)'.

Os dicionarios galegos recollen a palabra acachoupar como entrada normativa cos significados que os dicionarios portugueses lle atribúen a acachapar, isto é, "[Persoa ou animal] encollerse sobre o propio corpo, dobrando os xeonllos, en particular, para esconderse". Como dixen, esta é a forma preferida por todos os dicionarios galegos: o dicionario da RAG, de onde tirei a definición, o Gran Dicionario Xerais da Lingua e os históricos do Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega.

Esta palabra, acachoupar, parece ser unha forma secundaria creada por ditongación expresiva a partir de acachapar. Visto que a palabra aparece en todos os romances da península ibérica coa forma sen ditongo, non parece posible que acachoupar teña unha orixe diferente de acachapar. De feito, o padre Sarmiento xa recolle esta forma sen ditongar no século XVIII: "Acachoparse: encogerse para dormir", figura como entrada no DdD e en Corominas.

Segundo Corominas e Pascual temos que considerar a forma acachapar como un derivado de cachapo 'cazapo'. Como podemos ler no seu Diccionario Crítico Etimológico Castellano e Hispánico, na entrada gazapo, temos que establecer unha relación entre os romances do norte, sobre todo galego-portugués e castelán, onde temos formas con ç/z (gl. cazapo, pt. caçapo e cast. gazapo) e os testemuños procedentes do sur da península con ch/tx: catalán occidental, nomeadamente valenciano catxap/cachap, en Andalucía cachapo e no Alentexo cachapo. Esta distribución dialectal leva o autor a concluír que as formas meridionais hai que atribuírllas ao mozárabe, no que son esperables este tipo de evolucións. Por tanto, a palabra acachapar sería a equivalente a acazapar xerada nas linguas mozárabes do sur da península, que despois pasarían aos romances do norte cando estes avanzaron cara ao sur.

Seguindo esta teoría de Corominas dunha dupla evolución dos mesmos radicais, podo engadir outras palabras do galego e do portugués que poderían estar formadas obedecendo á mesma lóxica, como por exemplo o portugués cachopo 'rapaz, moço', presente xa en Bluteau e Moraescachopa "Norte de Portugal 'moçoila'", Dicio Dicionario Online de Português. E mantendo a duplicidade das dúas raíces caç-/cach-, temos o portugués caçote 'pessoa imberbe' no Priberam e Caldas Aulete, 'indivíduo de pouca idade, que ainda está na juventude', Dicio Dicionário Online de Portugués. Nos dicionarios galegos non aparece recollida esta acepción para ningunha das dúas formas que si figuran como entradas dos dicionarios, pero co significado de tronco ou talo dunha planta, que en orixe poderían estar relacionadas. Mesmo así, podo dicir que a palabra cazote se usa en galego, polo menos no meu galego do sur de Pontevedra, onde recollín frases como "ai xa é un cazote", "que grande está este rapaz, está feito un cazote" equivalente a "está feito un mozo", referíndose a nenos ou adolescentes. 

E aínda máis, non podo deixar de comentar aquí o uso doutra forma moi parecida, recollida tamén en Torroso: "está feita unha chipoliña" referíndose a unha nena que medrou, que está grande. A forma "chipoliña", cos moitos problemas evolutivos, podería estar relacionada con cachopa 'moza', a partir dun posible *cachipoliña con aférese de ca-. Tamén poderiamos pensar nun cruzamento de cachopa con polo (lat. PULLUS 'animal novo', 'xermolo').

Segundo o visto ata agora, podemos concluír que hai evolucións diverxentes tanto no radical ç/ch (cachapo/caçapo) como nos sufixos -apo/-opo, -ote para un grupo de palabras que teñen un valor semántico próximo, que poderiamos sintetizar en 'individuo novo, cría'. Esta diverxencia, segundo Corominas, responde a unha distribución dialectal norte-sur: romances do norte da península (galego-portugués e castelán) e romances mozárabes do sur. O que parece que está claro é que todas elas teñen unha orixe común, que Corominas non acaba de establecer con seguridade.

Por unha parte, para explicar a palabra gazapo considera a posibilidade de que sexa de orixe prerromana, sobre todo pola terminación que presenta, pois segundo refire no dicionario, son habituais palabras prerromanas acabadas en -apo ou -opo con valor diminutivo. Alén desta hipótese, tamén explora unha posíbel orixe latina a partir de CAPTIARE 'cazar', sería pois, un derivado de caza, co significado de 'peza fácil de cazar'. E non deixa de apuntar unha hipotética orixe oriental a través do árabe, sen chegar a unha conclusión definitiva.

Tanto é así, que a partir das conclusións extraídas por Corominas no seu estudo podería arriscar unha orixe para cazapo. Por un lado, dixemos que cazapo está formado por un radical caz-/caç- ou cach-, que varía seguindo unha pauta norte-sur (romances setentrionais /ts/ e romances meridionais /tʃ/) e un sufixo prerromano -apo/-opo con valor diminutivo. Sendo así, podemos relacionar esta palabra con outras que teñan un valor semántico próximo e unha formación equivalente, como por exemplo cachorro 'cría do can'. A palabra cachorro, segundo Corominas, tamén está formada por un radical cach- que podería significar 'can' a partir do latín CĂTŬLUS 'cadelo', 'cadeliño' (se cadra *CĂTTŬLUS) e un sufixo despectivo ou depreciativo -orro de orixe prerromana. Se admitimos que hai un radical cach-/caç- que pode recibir diferentes sufixos, cazapo ou cachapo serían algo así como 'canciño', 'cadeliño', e unha acabou por especializarse para a cría do can e outra para a cría do coello ao pé de láparo ou sobrepóndose a láparo.

Con respecto á asociación de cachorro a cazapo ou cachapo, á parte de seren dous termos formalmente moi parecidos, semanticamente tamén se achegan, pois os dous fan referencia a un animal novo, a unha cría. De feito, segundo algunhas etimoloxías propostas, xa coello (de CUNĪCŬLUS) significaba canciño, cadeliño. A palabra cunīcŭlus, de etimoloxía descoñecida, sabemos que ten orixe na península ibérica, os gregos e os romanos descoñecían o animal, endémico da península, e por tanto non tiñan nome para el. As primeiras atestacións da palabra son do grego Polibio, que viviu no século II a. C. e estivo en Hispania nas campañas de conquista romana. Segundo Polibio, de lonxe, os coellos parecían lebres, pero ao collelos na man víase que eran moi diferentes. El é o primeiro que recolle a palabra κύνικλος (kýniklos) coa que os autóctonos denominaban o tal animal. Esta palabra pasou despois ao latín como cunīcŭlus, con ī longo, pero acabou por adaptarse no latín vulgar da península ibérica ao resto dos diminutivos latinos en -ĭcŭlus con ĭ breve (apĭcŭla 'abella', ovĭcŭla 'ovella'), por iso hoxe temos coellocoelho e conejo en castelán, pero coniglio en italiano e conill en catalán e outras linguas galorrománicas.

Malia que se descoñece a orixe da palabra kýniklos, e a que lingua pertence, secasí, hai algunhas propostas etimolóxicas que a queren relacionar coa raíz indoeuropea *kwon- para denominar o can, probabelmente a través dun céltico *kun-. Nas linguas indoeuropeas coñecidas hai moitos cognados derivados desta raíz, como por exemplo o grego antigo κύων κῠνός 'can' (de onde vén cínicocinexética), o propio latín canis 'can', nas linguas xermánicas: inglés hound 'sabuxo' (inglés antigo hund 'can'), alemán, danés, sueco, noruegués hund 'can', noruegués (nynorsk) hundr 'can', islandés hundur 'can'; nas linguas celtas temos o gaélico irlandés  'sabuxo' (irlandés antigo  'can', de onde vén o nome do famoso heroe irlandés Cú Chulainn 'can de Culann'), gaélico escocés  'can', galés ci 'can', cŵn 'cans'; lituano šuošuñs; letón suns; ruso, polaco, eslovaco suka; armenio šun 'can' etc.

Como vimos dicindo, a palabra kýniklos ten un bo encaixe nas linguas indoeuropeas, podemos explicar a formación desta palabra a partir da raíz indoeuropea *kun 'can' máis os afixos -ko- e -lo, reconstruídos para o indoeuropeo como afixos relacionais e diminutivos. Por unha parte temos o afixo -ko-, que en indoeuropeo tiña un valor relacional, utilizábase para formar adxectivos a partir de substantivos, habitualmente cunha vogal de unión -i- formando o sufixo -iko- (como en cínico 'canino' do grego κυνικός), este é un sufixo ben coñecido nas linguas prerromanas da península ibérica, como por exemplo no celtibérico, onde é moi produtivo para formar adxectivos e patronímicos. No noroeste da península é frecuente que apareza coa forma -aiko- (-aeco, -aego) para formar adxectivos relacionais baseados en topónimos como kallaikos, orixe do xentilicio galego, e en epítetos teonímicos.  Alén do valor adxectival deste sufixo, está documentado nas linguas indoeuropeas o seu valor diminutivo ou hipocorístico, temos varios exemplos no védico e nas linguas eslavas, porén, os mellores exemplos témolos no latín, nos diminutivos en -cus e -culus, combinado con -lo-, igual ca na palabra que nos ocupa. Este afixo -lo- está ben representado nas linguas indoeuropeas cun valor adxectival e hipocorístico ou diminutivo, o mesmo ca -ko-. Aínda que poida estrañar a combinación de dous afixos co mesmo valor, non é raro que aconteza isto, pois se o primeiro afixo perdeu o seu valor expresivo ou mesmo semántico, o falante pode sentir a necesidade de engadir outro afixo para restaurar a énfase que perdeu o anterior.

En definitiva, e despois desta digresión para xustificar unha evolución semántica de cadeliño a coelliño, podemos recapitular varios asuntos tratados a respecto de acachapar e cazapo. Por un lado, temos unha serie de palabras en galego e portugués que semellan presentar radicais con evolucións diverxentes cunha variación /ts/ - /tʃ/ en palabras como cazapo - caçapo / cachapo, acachapar / acaçapar, cachopo /caçote, inclusive poderiamos engadir outras como cacho / cazo 'vasilla, recipiente', que segundo Corominas se debe a unha división dialectal entre o norte e o sur da península ibérica, aínda que non sería a única explicación posíbel. E sobre todo, temos que admitir a proximidade semántica de todas estas formas tratadas (cachapo, cachopo, cachopa, cachorro, caçote, caçapo...) e supoñer unha relación etimolóxica de todas elas, entendelas como variantes dun mesmo radical que significaría 'cría, individuo novo e inmaturo'. Corominas para cachorro presupón un radical primitivo cach- procedente de cătŭlus 'cadeliño' en latín.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .