14/06/11

ANIMAIS TABÚ

     En tódalas culturas hai tabús de orixe antiquísima motivados por diferentes causas, pero en xeral son de carácter psicolóxico. Wundt pensa que o tabú obedece ó medo a un poder demoníaco supostamente escondido no tabú e que o contaxio se evita mediante cerimonias expiatorias. Aínda que a palabra tabú se aplica a direntes ámbitos do sagrado e do prohibido, a min interésame a vertente relacionada coa anterior afirmación de Wundt, a asociación de certos animais cun carácter demoníaco ou maldito.
     En moitas culturas os animiais prexuciais para a comunidade e polo tanto temidos convértense en tabú e non só o animal, tamén o nome porque se pensaba que pronunciando o nome se invocaba o animal. Un dos casos máis citados é o do nome do oso nas linguas eslavas e xermanas, onde se substituíu o nome orixinal indoeuropeo *rks- por un eufemismo, nas linguas xermanas cambiáronlle o nome por un eufemismo que facía referencia á cor do pelo do oso bher ou berun 'bruno', os eslavos chamáronlle medvědi 'o comedor de mel'. Hai outros pobos do norte de Europa, de Siberia e de América do Norte que denominan o animal con circunloquios como "o vello da fraga", "o que dorme no inverno", "o vello tío", "o avó", "o que o oe todo", etc. En galego tamén temos cambios de denominación motivados polo tabú, como por exemplo o nome da donicela que comezou sendo un eufemismos derivado do latín DOMINICELA 'doncela, señorita', as outras variantes do nome veñen da mesma raíz latina pero con outro sufixo: doniña, denociña, donosiña, dona das paredes, (do)niña de paredes. Tamén hai outros nomes que derivan doutras raíces como garridiña, bonitiña, cazoleira... Outro animal que se converteu en tabú e se lle modificou o nome é a raposa, tanto en galego coma noutras linguas románicas os nomes modernos deste animal derivan dun eufemismo. En galego golpe deriva do vulpes latino, pero raposo e raposa vén dun eufemismo para evitar pronunciar o nome real, parece que fai alusión ó rabo grande e a maioría dos nomes populares que ten son eufemísticos: Pedro, Xan, Perico, rabiscollo, bravío, Domingos, o amigo das galiñas, o señorito, o mil mañas...

     En Galicia hai varios animais asociados a tabús, como xa dixen a raposa e a denociña, tamén o lobo onde abunda, as cobras, a sarmaganta ou píntega (Salamandra salamandra), os sapos, as pegas, os corvos, o moucho, a curuxa, o raro (no D. de d. aparece ralo) ou avelaiona (Stix aluco), a noitebra ou cabra (Caprimulgus europaeus), etc. Moitos destes animais están asociados a diferentes supersiticións: a cabra e o raro asócianse co anuncio da morte, as pegas considérase que anuncian desgrazas, etc. Moitas destas asociacións son individuais, pero outras convertéronse en tabús de todo un pobo.

Salamandra salamandra Fire Salamander Ildsalamander Tulisalamanteri Salamandre tachetée Vuursalamander Salamandra pezzata Foltos szalamandra Feuersalamander Salamandra plamista škvrnitá Mlok skvrnitý zemní Salamandra común Eldsalamander Lekeli semender Salamander nair taclà Дъждовник 法國火蠑螈 Daždevnjak ファイアサラマンダー( Огненная саламандра Σαλαμάνδρα Šareni daždevnjak Саламандра плямиста

Un bo exemplo é a sarmaghanta ou saramaghanta, con estes nomes coñecese o anfibio Salamandra salamandra no sur da provincia de Pontevedra, noutras zonas de Galicia dáselle o nome de sapagueira, sacaveira, píntega, pinchorra, pesoia, sabandixa, sabanduxa, salamántiga, zaramela, etc. A tradición popular outórgalle uns poderes case sobrenaturais, converténdoa nun dos maiores tabús ou animal maldito do noso imaxinario. A sarmaganta ten o poder de maldar unha persoa, fundamentalmente a través da aireada ou airexada. Normalmente, o resultado da aireada son ronchas na pel, inchazo, sobre todo, nas extremidades, que pode derivar en enfermidades máis graves ata tolle-la persoa afectada. Unha vez que infecta a persoa con este aire establécese un vínculo entre o animal e a persoa. O animal ten unha especie de poder para mina-la saúde do afectado, sobre todo, se a sarmaganta quedou ferida no encontro, o sufrimento desta revértese na persoa e isto pode chegar a tollela. Os métodos que a persoa ten para defenderse son varios, ó que Wundt lle chama cerimonia expiatoria: para cortar de raíz o mal hai que mata-la sarmaganta, pero non se mata de calquera maneira, porque como dixemos ten atributos sobrenaturais, coma o de revivir. Para matala hai que espichala cun pau e póla a secar ó sol para queimala despois. Este é o método máis efectivo, a fonte do mal ten que arder. Hai outros métodos, como cortala á metade, pero hai que ter moito coidado porque outórgaselle o poder de rexenerarse, pódese volver unir, para evitar isto hai que enterrar cada un dos anacos en dous lugares ben afastados, aínda que isto non asegura que non sobreviva.
Hai que ter en conta que non sempre se ve a sarmaganta ou vese pero non somos capaces de cazala, polo tanto só sabemos que estamos afectados cando aparecen os síntomas. Se acontece isto hai outros remedios para acabar co mal: a tradición di que hai que corta-la aireada, unha persoa que saiba os rezos e as palabras que hai que dicir corta o mal cunha cruz de Caravaca e auga bendita, como mínimo, en tres días diferentes e hai que afumarse coas herbas de san Xoán. Nunha tella do país botámo-las herbas secas que se gardaron da noite de san Xoán con sal gordo para que faga fume e hai que pasar por riba facendo unha cruz, durante os días que dure o ritual que poden ser tres, sete, nove... A outra parte do ritual consiste en que temos que matar unha sarmaganta, aínda que sexa diferente á que nos causou o mal e queimala. A tradición popular permite que sexa calquera bicho pezoñento e mesmo que xa estea morto.

     Hai outros animais que se consideran malditos na tradición galega, como por exemplo a cobra, o sapo, a denociña ou donicela, etc. A cobra e o sapo teñen características parecidas á sarmaganta, poden bota-la aireada. O aire de cobra e o aire de sapo teñen efectos semellantes na saúde. Á parte, o sapo pode expeler ou «mexar» un liquido velenoso que causa inchazo alí onde cae. Sobre as cobras hai moitísimas lendas e contos populares. Unha das crenzas máis estendídas é que chuchan o leite das vacas. A tradición popular di que cando unha vaca non dá leita é porque llo está a chuchar unha cobra, posiblemente ten o niño preto, polo que hai que buscala e matala, tamén espreitar ata que apareza.



A denociña, doniña, niña de paredes, donicela, etc. é outro dos animais malditos da cultura tradicional galega. Normalmente, vive preto das casas e aliméntase nos galiñeiros e currais dos animais domésticos. A cultura popular acúsaa de chucharlle o sangue a animais coma as galiñas, os pitos e os coellos ata matalos, e de rouba-los ovos, todo isto causa danos e perdas na economía doméstica, polo que se converteu nun dos animais máis odiados. Como dixemos é ladroa, oportunista e tamén rápida, ou mellor dito rapidísima, silandeira, astuta... pero estas non son as características que a levaron a converterse nun dos animais malditos e máis temidos do imaxinario popular, senón a capacidade para matar unha persoa cunha soa trabada. A tradición di que a atrae a cor encarnada, que se bota a todo que sexa vermello, coma o sangue, e se traba pode matar unha persoa se esta non a caza e a mata antes de que a donicela poida beber. A tradición pode variar duns lugares a outros e mesmo dunhas persoas a outras e hai quen diga que para se salvar non é preciso matala, senón beber antes ca ela. Se a persoa á que lle trabou bebe antes cá denociña, está salvada.


(ADVERTENCIA: este é un texto puramente antropolóxico que recolle tradicións e mitos populares, en ningún momento estou a facer apoloxía dos malos tratos ós animais e moito menos a especies en perigo de extinción como son algúns dos animais mencionados arriba, motivado, sobre todo, polo estigma que lle cargaron ó lombo)

3 comentários:

  1. ¡Hola!:
    Acabo de descubrir o teu blog. Gústame o que tratas e como o fas, moi interesante. Estarei pendiente del.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Un saúdo, interesante blogue, co teu permiso fágolle un enlace, seguireino...
    Por terras de Verín, ao Sur, ás Saramaghantas chámanlles Salamancas, nos Sapos diferencian entre Sapos e Sapas (todo o que non é Sapo e en particular Alytes obstetricans), as Avelaionas teñen varias desigancións coma Arrulador ou Guio (onomatopeicos), a Noitebra está extendido o vernáculo de Noitevoá e variantes, etc etc
    Parabéns polo blogue

    ResponderEliminar
  3. Grazas polo comentario, teño o blog un pouco abandonado pero intentarei actualizalo o antes posible.
    Un saúdo!!!

    ResponderEliminar