Avançar para o conteúdo principal

UNHA ETIMOLOXÍA PARA COELLO

segundo algunhas etimoloxías propostas, coello (de CUNĪCŬLUS) significaba canciño, cadeliño. A palabra cunīcŭlus, de etimoloxía descoñecida, sabemos que ten orixe na península ibérica, os gregos e os romanos descoñecían o animal, endémico da península, e por tanto non tiñan nome para el. As primeiras atestacións da palabra son do grego Polibio, que viviu no século II a. C. e estivo en Hispania nas campañas de conquista romana. Segundo Polibio, de lonxe, os coellos parecían lebres, pero ao collelos na man víase que eran moi diferentes. El é o primeiro que recolle a palabra κύνικλος (kýniklos) coa que os autóctonos denominaban o tal animal. Esta palabra pasou despois ao latín como cunīcŭlus, con ī longo, pero acabou por adaptarse no latín vulgar da península ibérica ao resto dos diminutivos latinos en -ĭcŭlus con ĭ breve (apĭcŭla 'abella', ovĭcŭla 'ovella'), por iso hoxe temos coellocoelho e conejo en castelán, pero coniglio en italiano e conill en catalán e outras linguas galorrománicas.


Malia que se descoñece a orixe da palabra kýniklos, e a que lingua pertence, secasí, hai algunhas propostas etimolóxicas que a queren relacionar coa raíz indoeuropea *kwon- para denominar o can, probabelmente a través dun céltico *kun-. Nas linguas indoeuropeas coñecidas hai moitos cognados derivados desta raíz, como por exemplo o grego antigo κύων κῠνός 'can' (de onde vén cínicocinexética), o propio latín canis 'can', nas linguas xermánicas: inglés hound 'sabuxo' (inglés antigo hund 'can'), alemán, danés, sueco, noruegués hund 'can', noruegués (nynorsk) hundr 'can', islandés hundur 'can'; nas linguas celtas temos o gaélico irlandés  'sabuxo' (irlandés antigo  'can', de onde vén o nome do famoso heroe irlandés Cú Chulainn 'can de Culann'), gaélico escocés  'can', galés ci 'can', cŵn 'cans'; lituano šuošuñs; letón suns; ruso, polaco, eslovaco suka; armenio šun 'can' etc.

Como vimos dicindo, a palabra kýniklos ten un bo encaixe nas linguas indoeuropeas, podemos explicar a formación desta palabra a partir da raíz indoeuropea *kun 'can' máis os afixos -ko- e -lo, reconstruídos para o indoeuropeo como afixos relacionais e diminutivos. Por unha parte temos o afixo -ko-, que en indoeuropeo tiña un valor relacional, utilizábase para formar adxectivos a partir de substantivos, habitualmente cunha vogal de unión -i- formando o sufixo -iko- (como en cínico 'canino' do grego κυνικός), este é un sufixo ben coñecido nas linguas prerromanas da península ibérica, como por exemplo no celtibérico, onde é moi produtivo para formar adxectivos e patronímicos. No noroeste da península é frecuente que apareza coa forma -aiko- (-aeco, -aego) para formar adxectivos relacionais baseados en topónimos como kallaikos, orixe do xentilicio galego, e en epítetos teonímicos.  Alén do valor adxectival deste sufixo, está documentado nas linguas indoeuropeas o seu valor diminutivo ou hipocorístico, temos varios exemplos no védico e nas linguas eslavas, porén, os mellores exemplos témolos no latín, nos diminutivos en -cus e -culus, combinado con -lo-, igual ca na palabra que nos ocupa. Este afixo -lo- está ben representado nas linguas indoeuropeas cun valor adxectival e hipocorístico ou diminutivo, o mesmo ca -ko-. Aínda que poida estrañar a combinación de dous afixos co mesmo valor, non é raro que aconteza isto, pois se o primeiro afixo perdeu o seu valor expresivo ou mesmo semántico, o falante pode sentir a necesidade de engadir outro afixo para restaurar a énfase que perdeu o anterior.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!