Avançar para o conteúdo principal

UNHA CASA LÓGRIMA

 

Ao recoller palabras de uso popular que non están rexistradas sempre xorden dúbidas de cal será a forma máis adecuada, de cal será a orixe, se hai outras formas da palabra xa recollidas e comeza un proceso de busca que non sempre dá froitos. Un deses casos é a palabra "lógrima" que lle escoitei varias veces a miña avoa.

Nun primeiro momento chamoume a atención e preguntei que significaba, ao que me respondeu que era unha casa sen dividir, onde todo o espazo interior está nunha única peza: a cociña, o dormitorio... No uso espontáneo a forma que usou foi sempre "lóghrima/alóghrima", penso que sen excepción, pero ao pedir aclaracións sobre a forma da palabra xurdiron as vacilacións entre "lóghrima", "lóghrida" e "lóghria", con preferencia por "lógrida". Así e todo, no uso espontáneo sen a presión do observador a forma utilizada foi sempre "lóghrima", polo que esa ten que ser a forma da que parta para determinar a orixe.

Pasados uns días volvín tentar esclarecer a forma da tal palabra, pero non foi posible, persistían as vacilacións. Polo tanto, pregunteille a outros falantes próximos, que a pesar de entenderen o significado da expresión "unha casa lógrima", aseguráronme que non era así, que a forma correcta era "unha casa lóbriga". Foi entón cando me dei conta de que xa escoitara antes esa expresión, pero con outra variante: "unha casa lóbrega" para referirse a unha casa sen dividir por dentro.

Partía de tres formas e agora tiña cinco, e ningunha delas aparecía nos dicionarios con este significado. Só o Dicinário Estraviz recolle esta palabra con este mesmo significado na quinta acepción:

Lôbrego adj.

(5) Diz-se da casa ou local que só tem a estrutura, faltando-lhe o resto.

A partir desta correspondencia puiden intuír que se trataba de variantes dunha mesma palabra e reducir estas a tres: lógrima, lóbriga e lóbrega. A variación destas tres formas pódense explicar sen problema se pensamos nunha metátese de g por b e unha confusión de b con m, bastante común na lingua. Só que para confirmar esta hipótese hai que saber cal é a orixe da palabra, a orixinal da que parten. E se pensaba que iso sería fácil porque lóbrego é unha palabra de orixe latina que está en todos os dicionarios, estaba enganado. Polo visto, non hai consenso acerca da orixe de lóbrego.

Os dicionarios portugueses din que lôbrego vén da mesma palabra latina ca lúgubre, isto é, lūgŭbris, que significaba fúnebre, lutuoso, funesto, triste, sinistro, de mal agoiro... 

O dicionario da RAG di que lóbrego significa "Que pola carencia de luz provoca medo ou tristeza"; os dicionarios portugueses din que é "escuro, sombrio", "medonho", "triste". Se pensamos que a cor do loito é o negro e a morte produce tristeza, parece que hai unha relación "directa" entre os significados latinos de lúgubre e os romances de lóbrego. O que non parece tan directa é a relación co significado de lógrima, aínda que podemos pensar que se estableceu un alargamento do significado partindo de que unha habitación sen dividir, baleira sen mobles é escura e triste.

Se parecía que podiamos establecer unha posible relación entre lógrima, lóbrega e lúgubre, a cousa complícase un pouco máis para precisar unha etimoloxía, posto que, polo que parece, non está tan claro. Pois ben, o dicionario da RAE e tamén o Dicionario Estraviz ofrecen outra posible etimoloxía, o latín lūbricŭs, que significaba escorregadizo, esvaradío referido a un terreo, e a partir deste significado pasou a significar pantanoso, perigoso, incerto. Parece ser que xa en latín se creou un substantivo lubricum para referirse aos terreos pantanosos, lamacentos e brumosos. Este significado estaría en sintonía coas acepcións que recolle o Estraviz para lôbrego relacionadas coa humidade, a terra húmida, só que non nos di nada sobre espazos baleiros e sen dividir.

O máis probable é que na formación da palabra romance lóbrego confluísen as dúas palabras latinas, que se confundisen na forma, daí esas acepcións tan distantes, por unha parte escuro, triste e por outra húmido. Con todo, para explicar a nosa palabra temos que remontarnos a lūgŭbrem (acus.), e se partimos daquí, parece máis fácil chegar a lógrima. Habería que explicalo como unha metátese de erre tan común na lingua popular e na evolución do latín ao galego. Entón, de lúgubre pasaría a un hipotético *lúgrube /*lúgrebo (convértese nun adxectivo de dúas terminacións) e por último confusión de b/m tan común no galego: *lógremo/lógrimo.

O máis curioso é que esta forma non é hipotética, esta forma final existe no noso "casa lógrima" (sen dividir, baleira) recollida en Mos e nunha forma lógrimo recollida e usada en América, en Venezuela.

Cando comecei a pescudar sobre esta palabra pensaba que era unha cousa rara, un hápax, que lle chaman, pero grazas ás facilidades que nos ofrece a informática puiden encontrar exemplos desta palabra en textos e recollas de léxico en Venezuela, no estado de Sucre, en Tacarigua de Margarita. Os significados que lle dan nestas zonas á palabra lógrimo están bastante próximos de lúgubre e lóbrego:

"–Una vez venía yo de caje la tercia al punto de la media noche y to'ese mundo estaba lógrimo, logrísimo, es decir, pues, negro, negrísimo, negrísimo, como un fondo de aripo, tan negro que no se lograba divisar na a cuatro varas por delante diuno..."

"...recé la oración que dice: Santa Inés del Monte, líbrame de todo mal y por este camino lógrimo déjame con bien pasar". (Salazar Franco, José Joaquín (1981) "Los relatos de ño Ustaquio", en Los terrazgos de Cheguaco. Tacarigua)

Pero non só fai referencia a escuro, negro, senón que tamén se refire a só, solitario, desolado...

Lógrimo: Adj. Lugar solo. Persona sin compañía. Delfín vive lógrimo en ese fondo. Solo. Sin compañía. (Sucre, Yelitza (2007): "Voces y expresiones orales de los habitantes de la Costa de Paria, estado de Sucre", Revista Memoralia (4), (p. 129).

Como chegou esa palabra a Venezuela? Non o sabemos, non sabemos se foi a través do castelán ou se foron os miles de galegos que emigraron a ese territorio os que a levaron. Ao ler o texto de José Joaquín Salazar encontrei outras palabras que poderían explicarse como galeguismos: may e pay. Estes poderían ser indicios para axudarnos a fortalecer a hipótese do galeguismo lógrimo no castelán desta rexión venezolana.

A relación entre o lógrimo venezolano e o lúgubre latino parece clara, por que non pensar que tamén existe relación coa "casa lógrima".


Comentários

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C