Avançar para o conteúdo principal

ALAMBRAR

A palabra alambrar, derivada de alambre (latín aerāminem ‘bronce’) é un castelanimso de uso común no galego oral. No sur de Pontevedra, Mos e arredores, estes dous castelanismos substituíron as formas galegas arame/aramio e aramar/aramear.

Esta forma, alambrar, utilízase con dous significados moi diferentes: por unha parte, alambrar é pór arames á viña (alambrar unha viña), pero tamén se usa co significado de ‘fuxir’, ‘saír correndo’, ‘correr velozmente’. Nun principio, poderíase pensar que se a palabra alambrar é un castelanismo, os seus significados tamén o serían. Sen reflexionar moito sobre o asunto, foi o que sempre pensei, pero o segundo significado deste verbo non aparece recollido en ningún dicionario de castelán, polo menos nos dicionarios en liña que consultei. Nos dicionarios galegos, alambrar aparece recollida como forma incorrecta, mandan a aramar, para o primeiro significado: ‘pór arames’.

No Dicionario de dicionarios aparece alambrar co primeiro significado e tamén a forma galega aramear, do segundo significado non hai mención.

Este segundo significado só o encontrei no Dicionário Estraviz:

- Alambrar v.i. Fugir, escapar.

- Alambrear v.i. (2) Correr velozmente.

Facendo estas pescudas descubrín que en galego e portugués alambre tamén pode ser unha forma para denominar o ámbar. Do árabe al-’anbar ‘o ámbar’ podemos ter dous resultados no galego: ámbar, que é o arabismos practicamente sen modificación, e alambre co artigo árabe incorporado e con metátese de -r.

Con todo, parece que esta segunda palabra de orixe árabe non ten ningunha ligazón semántica evidente con correr ou fuxir. A conexión con arame e aramar tampouco me parece fácil de establecer. O vínculo, se o hai, debe ser ben subxectivo, eu non consigo velo.

Outro camiño que podemos explorar é o de que sexan palabras diferentes, que esteamos ante un caso de homonimia. Dúas palabras de diferente orixe que se acabaron confundindo por seren exactamente iguais foneticamente. Neste caso poderiamos pensar que a palabra galega alambrar ‘fuxir, escapar’ se confundiu co castelanismo alambrar ‘aramar’.

Demostrar esta teoría non parece fácil sen documentación antiga, pero podemos teorizar a partir dalgúns indicios.

Lendo un artigo de Juan J. Moralejo en que fai referencia á orixe do nome do río Lambre, veume unha idea para establecer unha hipótese etimolóxica.

      3.1. O río Lambre (Ría de Betanzos C), med. Lambre, Lamber... recórdanos a Φλαουία Λαμβρίς de Ptol. 2.6.26, capital dos (xen. pl.) Βαιδύων, galaicos lucenses, poboación de difícil identificación coa Lambriacam urbem de Mela 3.10 (IL III T-95, C-254; TIR K-29: 63). Acho eu que Λαμβρίς / Lambre e o derivado Lambriacam pódense adscribir a IEW 660 *legwh- ‘leicht in Bewegung und Gewicht’... nasaliert *lengwh-; *lengwho- ‘leicht, flink’ [‘lixeiro en movemento e peso’… ‘lixeiro, áxil’], LIV *h1lengwh ‘sich mühelos bewegen’ [‘moverse sen esforzo’], é dicir, á base *h1lgwh-ri-, ‘lixeiro, rápido’ (cf. 'ελαφρός ‘lixeiro’ e o hidrónimo Lambrus, en Italia e ilírico segundo Krahe 1954: 121), coa observación de que, mentres *-gwh- > -b- non ten bo encaixe no céltico, si o ten a evolución * > am. Non argumento, simplemente constato, que a un río como o Lambre acáelle ben chamarse ‘rápido, lixeiro’.

Juan J. Moralejo, Callaica Nomina

Á parte do río Lambro (afluente do Po) no norte de Italia (en lombardo Làmber ou Làmbar), en Francia tamén houbo historicamente e aínda hai numerosas comunidades que levan o nome Lambre, varias preto dun curso de auga como Lambres-lez-Douai (Pas-de-Calais); e ríos cun nome que se pode asociar etimoloxicamente a esta mesma raíz, como o Lambroz, afluente do Dolon.

A raíz indoeuropea *legwh-, coa variante nasal *lengwh-, referida no texto de Moralejo, establécese como a orixe de moitas palabras comúns que, a través do latín, chegaron a nós, como por exemplo: leve, levián, levar, levantar, lixeiro, elevar, levitar, sublevar etc.

Esta mesma raíz deixou cognados en moitas linguas da familia indoeuropea, con significados relacionados co pouco peso (leve, levián), co tamaño (pequeno), coa axilidade e a facilidade de movemento (lixeiro) etc.:

latín: levis ‘leve’, ‘lixeiro’.

grego: λαχύςpequeno’, ‘breve’ ‘exiguo’, ‘de pouca importancia’; λαφρός ‘lixeiro’, ‘leve’, ‘áxil’, ‘benigno’; e moitas outras palabras da mesma familia.

irlandés antigo: laigiu ‘menor’, ‘peor’.

sánscrito: laghus ‘lixeiro’.

indio antigo: laghú- e raghú- ‘lixeiro’, ‘rápido’.

avéstico: ragu- ‘lixeiro’.

alemán: leicht ‘lixeiro’, ‘fácil’.

gótico: leihts ‘lixeiro’.

alto alemán antigo: lungar ‘rápido’.

inglés: light ‘leve’, ‘lixeiro’ (< lēoht :inglés antigo).

lituano: leñgvas ‘lixeiro’, ‘fácil’.

armenio: lanǰk’ ‘peito’ (< pulmóns; coma no galego leviáns pulmóns’).

tocario B: laṅkutse ‘lixeiro’.

Estes exemplos todos parten de dúas variantes da mesma raíz: unha con alongamento nasal e outra sen el. Segundo Hans Krahe, a forma con nasal desta raíz é da que podemos derivar nomes como o do río Lambro en Italia e o Lambre en Galicia e outros en Francia e Suíza. Enténdese que a motivación que orixinou o nome de diversos ríos é o fluxo rápido e áxil da auga.

Entón, para reconstruír a evolución da raíz *legwh- con alongamento nasal *le-n-gwh-, que forma un verbo co significado ‘moverse lixeiro, rápido’, ata a forma Lambro, temos que supoñer unha derivación desta raíz verbal a un adxectivo *lṇgwh-ró-s 'lixeiro, rápido' e posteriormente *langw-ró-s. Segundo esta reconstrución non é preciso que a palabra se formase nunha lingua que converte por sistema as labiovelares sonoras aspiradas en bilabiais sonoras (*gwh >b), senón que o podemos explicar a partir da forma *langw-ró-s: o apéndice labial -w- convértese nunha semivogal plena, prodúcese unha resilabación *lang-wrós e consonantiza converténdose nunha bilabial para facilitar a pronuncia na mesma sílaba cá líquida *lang-ßrós ➔ lambrós. O desenvolvemento dunha bilabial a partir da oclusiva sonora labiovelar aspirada (gwh > gw > b) é a evolución que experimenta esta raíz na península ibérica, no norte de Italia e na Galia. Pero hai rexistro para o retorrománico (Suíza) en que a mesma raíz mantén unha velar; é o caso do río Lángar (xermanizado como Landquart) para o que hai testemuños de 1050 como fluvium langarum, 1219 Langaro (retorrománico: langwros > langrus > langarus > Langar).

Desta segunda evolución, con alongamento nasal e mantemento regular da velar sonora, temos testemuños nas linguas xermánicas, que se formaron co sufixo adxectival -ro-, por exemplo, no alto alemán antigo langur ‘rápido’ e o inglés antigo lungre ‘rapidamente’. Para o desenvolvemento dunha bilabial, o caso máis citado é o grego λαφρός [ela'phros] ‘lixeiro’, ‘leve’, ‘que se move con facilidade’... (con prótese de e-, non se sabe se pola vocalización dunha laringal *H1lṇgwh-ró-s, ou por unha prótese posterior xa no grego. De calquera maneira, aproxímase aínda máis á forma galega alambrar).

Partindo, pois, de todos estes exemplos en diversas linguas indoeuropeas, e co testemuño do hidrónimo Lambre en terras galegas, podemos especular que algunha vez houbo unha lingua na Gallaecia en que se desenvolveron palabras a partir desta prolixa raíz indoeuropea. Podemos hipotetizar a creación dun adxectivo *lambros nalgunha lingua prelatina, posiblemente céltica. Se isto fose así, non parece tan desatinado pensar no xurdimento dun novo verbo mediante un proceso de parasíntese: a-lambr-ar ou a-lambr-ear. Un procedemento moi común na lingua, que a partir de adxectivos e substantivos permite crear novos verbos: louro ➔ alourar, vermelloavermellar... E deste verbo galego alambrar temos un paralelo no grego antigo ἐλαφρίζωser lixeiro’, ‘veloz’.

Se cadra, esta hipótese non é tan despropositada se aceptamos outro pequeno indicio presente na lingua. Aínda que a reconstrución anterior sexa posible, non podemos deixar de comentar os usos figurados da palabra alambre ‘ámbar’ en portugués, co significado de astuto, sagaz, pessoa esperta, arguto, vivo, esperto, “esperto como o alambre”. Non parece que haxa ningunha relación inmediata entre o ámbar e a intelixencia, pero si entre a intelixencia e a rapidez, a axilidade (mental). Intelixente podémolo parafrasear como ‘de mente rápida, áxil’.

E para que a cousa non quede nunha simple especulación sen fundamento, podemos achegar algúns indicios máis. Está visto que a maioría dos exemplos expostos fan referencia a cuestións físicas: pouco peso, de menor tamaño (aínda que tamén insignificante), veloz, lixeiro, áxil...

Pois ben, na extensa familia de palabras que se creou no grego a partir desta raíz temos, como xa dixemos, λαχύς ‘pequeno’ e λαφρός ‘lixeiro’, pero tamén hai derivados que se refiren a conceptos máis abstractos, relacionados coa mente e con calidades humanas: λαφρότης ‘destreza’ e tamén axilidade; λαφρόνοος ‘lixeiro de mente’, ‘frívolo’, ‘veleidoso’; ἐλαφρίαfrivolidade’, ‘lixeireza do comportamento’.

Non fai referencia á intelixencia, pero si podemos observar unha transferencia de significados do máis concreto ao máis abstracto para denominar características do carácter das persoas.

Hai outra familia de palabras que algúns autores relacionan coa mesma raíz indoeuropea, partindo do grao e *lengwh-. Estas palabras son ἐλεγχήςcovarde’, ‘miserable’, ‘desprezable’, ‘vil’; ἔλεγχος ‘vergoña’, ‘deshonra’, ‘proba’, ‘proceso’, ‘evidencia’, ‘testemuño’ (é a orixe do noso elenco); tamén ἐλέγχω ‘desprezar’, ‘avergoñar’, ‘demostrar’, ‘probar’, ‘investigar’, ‘interrogar’ etc. Quizais o máis acertado sexa relacionar esta última familia de palabras co hitita lengāi- ‘xuramento’ e co anglosaxón lahan ‘inxuriar’. Con todo, non está clara a súa filiación.

Se realmente a orixe do nome do río Lambre é a referida, poderiamos supoñer que algunha vez existiu na lingua un adxectivo *lambros co significado de ‘rápido, lixeiro, veloz’; non parece que haxa ningún impedimento para que o verbo alambrar estea relacionado con esta raíz, dende logo o significado encaixa á perfección: alambrar é correr velozmente, fuxir, escapar; que podemos relacionar sen problema cos outros cognados das linguas indoeuropeas.



Bibliografía

Albrecht Greule, “Das Festlandkeltische Hydronym *Langwros: Rekonstruktion und Integration”.

- Dizionario Greco Antico - Italiano

https://www.grecoantico.com/

Diccionario Griego - Español en Línea

http://dge.cchs.csic.es/xdge/

Comentários

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C