Avançar para o conteúdo principal

ORXABÁN (Verbena officinalis)

O orxabán, nome común da planta Verbena officinalis no sur da provincia de Pontevedra (Mos, Vigo, Cangas... xa dicía o padre Sarmiento que era propia da provincia de Tui), é unha planta herbácea, perenne, da familia das Verbenáceas, que nace de forma espontánea en terreos ermos, nas beiras dos camiños, en comareiros e en terras de poulo. Ten un talo erecto, que pode chegar ao metro de altura, con follas opostas, oblongas ou lanceoladas, e as flores lilas ou azuladas que saen en espigas terminais.
Utilízase na medicina popular en varios remedios, ben como nas herbas de San Xoán.
Historicamente é considerada unha planta sagrada, tanto polas civilizacións clásicas, gregos e romanos, como polos celtas e outros pobos.

O nome orxabán (Torroso, Mos) non aparece recollido no Dicionario da Real Academia Galega, pero si aparece nas entradas do Dicionario de dicionarios ao lado da forma verxebán, coas variantes gráficas orxaván, orjaban, vergeban. Estas dúas formas tamén figuran nas entradas do Dicionario Estraviz como orjabão (-ám, gz.) e vergebão (-ám, gz.), ao lado de orgevão, máis próxima esta última das numerosas variantes que recollen os dicionarios portugueses: orgevão, urgebão, algebrão, gerbão, gervão, jerbão, orgivão, urgevão.
Os dicionarios de portugués en liña Infopédia, Priberam, Dicio e Caldas Aulete, teñen entre as súas entradas todas as variantes anteriormente referidas, pero non orjavão. Esta forma aparece nos sinónimos da entrada gervão no dicionario brasileiro Michaelis, mais non nos lemas do dicionario.

Se procuramos na Internet, en Google, vemos que figura noutros dicionarios como o Glosbe, o Wikcionário, onde se ofrecen outros sinónimos alén dos xa mencionados como erva-ferro, erva-de-ferro e ferrária, tamén jarvão, gerbão, girbão... Parece estraño que esta forma non apareza recollida nos dicionarios portugueses en liña, cando recollen de forma bastante exhaustiva todas as variantes gráficas ou que presentan diferenzas mínimas como a vogal pretónica. Digo que é estraño que non estea nos dicionarios porque é unha palabra con tradición escrita en portugués. A través de buscas en Google, concretamente no Google Books, pódese encontrar en novelas de Camilo Castelo Branco (non é por casualidade que se criase no norte, en Vila Real), como por exemplo: "O cirurgião da terra, que matava pelo Portugal Médico e pelo Mirandela, receitava-lhe emplastos de ervas orjavão e semprónia, fervidas em um quartilho de aguardente" (C. Castelo Branco, Maria Moisés, Novelas do Minho 1877).
"Tenho-lhe posto cataplasmas de orjavão e semprónia, há quatro meses a eito todas as noites —atalhou Maria da Lage" (C. Castelo Branco, Maria Moisés).
(Esta última citación aparece noutros traballos como o Cadernos de fraseoloxía galega 7 citada incorrectamente como "orvajão", posto que a forma correcta é orjavão. Penso que debe ser o mesmo erro que se encontra na Wikipedia no artigo 'A galiña na cultura popular galega' cando fai referencia a unha tradición recollida en Mos [onde eu mesmo recollín a forma orxabán] sobre un remedio feito con "urbaxán" e cascas de ovos frescos.)

A referencia máis antiga que topei foi a do
Vocabulario portuguez e latino do padre D. Raphael Bluteau de 1721, que recolle a palabra orjavão na entrada verbena ao pé doutras variantes como urgebão, verjebão e orgevão: "Com varia e multiplicada corrupção o povo de Portugal lhe chama urgebão, verjebão, orjavão e orgevão". A forma orjavão tamén ten unha entrada propia neste vocabulario, só que remite para orgevão. Nesta mesma obra no lema urgebão dá a alternativa vergebão: "He o nome vulgar da herva que os Hervolarios chamão Verbena. (A raiz de Urgebão, detendo-a na boca, abranda as dores de dentes e conforta as gengivas e os dẽtes soltos". Pódese encontrar a voz orjavão noutras obras antigas como a Orthographia ou arte de escrever e pronunciar com acerto a lingua portugueza de João de Moraes Madureira Feijó (1836): "diz Bluteau e Bento Pereira orjavão e urgebão. He o que succede nas palavras que não tem etymologia, cada um diz como quer". A última referencia a esta palabra que puiden encontrar na Internet é a do Oraculo do passado, do presente e do futuro de Bento Serrano (1883): "O mestre João diz que o orjavão tem mui grande virtude e efficacia para reprimir a luxuria, porque applicado aos lombos mitiga e applaca grandemente os estimulos da carne".

En obras galegas podemos encontrar varios exemplos (12 referencias) facendo unha busca no TILG. Neste recurso do Instituto da Lingua Galega (ILG) aparecen varios rexistros en obras galegas: orxaván (1881), verxeván (1912), verxeban (1930), arxaván (1973), urbaxá (1983).
"E mais un riberetiño Para lle botar a roda á túa porta, miniña, Hei de prantar orxaván, Anque tod' a miña vida Ande co legón na man" (Saco y Arce, Juan Antonio (edición de J. L. Saco Cid): Literatura popular de Galicia. Ed. Deputación Provincial, Ourense, 1981). "da poda d'ouro, levaba un cinturón do mesmo metal e unha croa de hedra, de verxeván ou follas de carballo" (Tettamancy Gastón, Francisco: Boicentril. O druidismo e o celtismo gallego. A epopeya irlandesa. Ed. Imprensa y fotograbado de Ferrer, A Coruña, 1912)

Con respecto á etimoloxía, non é fácil saber de onde vén esta palabra. En latín a forma clásica era verbenaca e verbena, aínda que tamén hai rexistros doutros vocábulos de orixe grega como hierabotane, aristereon, peristereon, peristereos... É precisamente a forma hierabotane (do grego antigo ἰερά 'sagrada' e βοτάνη 'planta' (hierá botánē) a que ofrece o dicionario portugués Priberam como etimoloxía de orgevão e outras variantes afíns. Tamén o padre Sarmiento indica esta orixe para a palabra orjaban, ou mellor a forma do latín tardío gerebotanum. A palabra grega hierabotane foi latinizada como hierobotanum e no latín tardío aparece grafada como gerobotanum e gerebotanum debido á palatalización do g+e/i e a confusión co iode (i+V) no latín tardío (por volta do século IV da nosa era). Esta forma gerebotanum parece a máis adecuada para ser a orixe das múltiples variantes galego-portuguesas.
Non está exenta de problemas a evolución de gerebotanum a orxabán ou orjavão, así a todo, se pensamos nunha hipotética evolución gerebotanum ➢ *dʒerbodano ➢ *dʒerbodão ➢ *ʒerboδão ➢ *ʒerboão ➢ *ʒerbaão ➢ gerbão (ou gerebotanum ➢ *dʒerəβodano ➢ ... gervão) poderiamos explicar formas portuguesas como jerbão, gerbão, girbão, gervão, jarvão. Para chegar destas variantes a orgevão, urgebão e orjavão teriamos que pensar que se produciu unha metátese da vibrante simple (desprazamento de erre) co artigo soldado ao inicio: o gerbão ➢ ogerbão ➢ orgebão... como parece que nos está a indicar a variante brasileira ogervão (Dicionarios Caldas AuleteMichaelisDicio) para plantas do xénero Stachytarpheta, como consta en abondos traballos académicos de universidades brasileiras: 'Plantas e substâncias vegetais tóxicas e medicinais' 1939 "Já bem famosas tornam-se entre nós as espécies do género Stachytarpheta, a que o povo deu o nome de gervão ou ogervão"; Vieira, Ricardo Alessandro: Avaliação dos efeitos centrais do extrato aquoso (EA) de Stachytarpheta cayennensis Vahl. 2001, Florianópolis, Santa Catarina, "sinonímia popular: ogervão, orgibão, gerbão".

Como xa dixen non me parece fácil xustificar esta evolución, ocórreseme que para encaixar no mesmo paquete verxebán puidesen vir todas dunha posible erva-gerbão (forma rexistrada en portugués), é o que se pode inferir de variantes como algebrão (se ese al- non é o artigo árabe). Tamén pode ser que verxebán sexa un cruzamento de verbena e gerbão. Estas son hipóteses difíciles de demostrar sen testemuños antigos da evolución da palabra, sobre todo  para xustificar a caída dun -t- intervocálico latino.

O dicionario da RAG non recolle ningunha destas variantes da palabra nin sequera o vocábulo latino verbena, só aparece a entrada Verbenáceas como a familia deste tipo de plantas. Outros dicionarios como o Gran Xerais inclúe entre as súas entradas as voces orxaván e verxeván como non estándares (en letra pequena) e verbena como forma estándar. No Digalego non están nin verxeván nin orxaván, pero si verbena que remite a herba da cruz, nome que tampouco está recollido no DRAG. Na entrada herba da cruz aparecen outros sinónimos como herba do bazo, herba dos ensalmos para Verbena officinalis. Polo tanto non sei cal é a forma recomendada pola RAG.

Noutras linguas próximas é predominante a forma latina verbena. En portugués alén das numerosas voces xa referidas, os dicionarios tamén recollen verbena e verberão. En castelán é verbena, en francés verveine, en italiano verbena, en catalán berbena e herba barbera, en asturiano barremal, verbena de San Xuan, en inglés vervain e verbena.

Comentários

  1. Na zona do Barbanza á "verbena" chámaselle "giribao" (ou "ghiribao"). Con gheada. Idéntico ao portugués "giribão", un dos nomes comuns da verbena en Portugal.
    WIKIPÉDIA Verbena officinalis.

    ResponderEliminar
  2. Copio todos os nomes que aparecen na Wikipédia portuguesa para a entrada Verbena officinalis:
    "Os seus nomes comuns são algebrado, aljabão, argebão, erva-dos-leprosos, erva-sagrada, gerbão, gerivão, gervão, gervião, girbão, giribão, jarvão, ulgebrão, urgrabrão ou verbena".

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se