Avançar para o conteúdo principal

TOPAR EN FALTA


Xa escribín algunha vez antes sobre a forma “botar de menos” de uso cada vez máis estendido e admitido polo Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega, non así polo Dicionario da Real Academia, aínda que si recolle formas parecidas como botar en falta, botar en falla. Estas formas son un claro calco do castelán echar de menos, non hai dúbidas disto. E como xa escribín noutro post, esta forma castelá parece que procede do galego-portugués medieval achar menos (VER ESTA LIGAZÓN). Esta orixe aclararía o significado e a composición estraña tanto en castelán coma en galego de echar de menos e a tradución botar de menos. Curiosamente, esta forma medieval galego-portuguesa lévanos directamente a formas comúns no galego moderno como topar en falta, topar de falta, topar a faltar e outras variantes co verbo encontrar, notar ou poñer.
A cuestión que quero pór de relevo aquí é o motivo por que se temos varias formas no galego moderno se impón cada vez máis a castelá?
Á parte dos motivos obvios que todos sabemos de presión e substitución lingüística, a causa debe ser porque topar en falta non abrangue todos os contextos e situacións de echar de menos, sobre todo na vertente máis relacionada cos sentimentos.
En galego topar en falta ou topar de falta pode ser ‘decatarse de que falta algo’: - Topei de falta o meu libro de historia, quen o collería? - Topei en falta a miña camisa branca, alguén sabe onde está? Tamén para referirse a persoas: - Estas dúas semanas que non estivo topeino en falta. Neste último contexto pasa do ámbito puramente material (decatarse de que falta algo), ao sentimental (sentir a ausencia de alguén). Así e todo, esa especificación no ámbito dos sentimentos non se especializou tanto coma o español echar de menos ou coma noutras linguas veciñas coma o portugués ter saudades, o italiano mancare (mi manchi tanto amore mio, così tanto), o francés manquer (tu me manques trop, mon amour) ou o inglés miss (I miss you). Se cadra é polos usos en que o galego se desenvolveu menos, por exemplo, nas linguas mencionadas esta expresión é moi común na canción romántica moderna, unha vía que o galego non explorou tanto. No galego contemporáneo tivo un amplo cultivo a poesía para expresar a ausencia da terra, e polo tanto consolidáronse termos como a morriña, a señardade e mesmo a soidade ou saudade, que non tiveron tanto uso para lamentar os amores perdidos ou a ausencia da persoa amada.
Para expresar esta vertente máis ligada aos sentimentos da ausencia dunha persoa, máis que topar en falta úsase sentir a falta de alguén, forma de amplo uso tamén en portugués, alén de ter saudades. Se recorro ao meu “disco duro” as expresións que coñezo para referirse a esta situación da falta de alguén son sobre todo sentir a falta de alguén e outras formas en diferentes contextos como “que falta me fixeches este tempo todo”, “canto me acordei de ti estes meses”, "desde que lle faltou o fillo, muito se sentiu", "sentiuse muito da perda do fillo".
Hai outras formas que tamén van aparecendo cada vez máis na lingua coloquial e na escrita, como estrañar. Estrañar en galego é sentir medo, rexeitamento ou repulsión por algo que non é coñecido ou habitual, é o que significa tradicionalmente en galego e portugués este verbo, por iso temos outras palabras da súa familia como estraño "Diferente do que adoita ser, do que é corrente ou natural" (do latín extraneus 'estranxeiro', 'de fóra', 'exterior'), estrañeza, estrañamento, estrañón (un neno estrañón é un neno que lle ten medo ou se asusta cos de fóra, cos descoñecidos). Non se entende que o Dicionario da Real Academia recolla na segunda acepción de estrañar: "Sentir a falta de [algo ou alguén]" e dá o exemplo "Estes nenos estrañan moito a nai", unha frase que se entende como que non recoñecen a nai, non a coñecen, foxen dela.
Sen dúbida esta nova acepción de estrañar é un calco do castelán, e teño a sensación de que debe ser un uso máis frecuente no castelán americano.
A conclusión que tiramos de todo isto é que as nosas palabras e expresión parece que quedan estancadas e non desenvolven todo o seu potencial coma nas outras linguas. Non se renovan nin se reciclan materiais nosos, simplemente se adaptan materiais novos do castelán. A nosa creatividade depende do castelán e dos seus usos, cada vez máis. Unha situación que nos leva a converter a nosa lingua nunha mera tradución.



Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se