Avançar para o conteúdo principal

VAI DE CHUMBOS, CHIMPOS E PINCHOS!!


Cada día estou máis convencido de que nunca se acaba de aprender unha lingua, nin a propia. A sabedoría popular reflícteo moi ben co dito: está o vello a morrer, está o vello a aprender. E como eu ando a iso, a aprender, teño o radar sempre aceso, o filtro posto, e non son poucas as veces que cazo palabras novas ou xa coñecidas utilizadas dunha forma nova, con outro significado diferente do que xa sabía. Iso non ten nada de raro, é normal que non se coñezan todas as palabras, pero o que máis me chama a atención é que esas palabras veñan de persoas coas que trato a diario. Son palabras que estaban aí gardadas no seu acervo lingüístico e que non utilizan moito. Por exemplo subacoso, unha mina subacosa 'oculta', 'escondida nun lugar de difícil acceso'... de onde raio sairía esa palabra? De *subaquosus? Non o creo, para este "enigma" aínda non teño ningunha teoría, nin sequera unha destas teorías loucas.
Hai outras palabras e expresións como chumbo de ghato, que se di por Arcade e segundo o ALPI tamén en Vilanova de Arousa, e que ten que estar necesariamente relacionada con formas como chumbalaghato de Bueu e doutras zonas da ría de Vigo, para as que si que teño "teoría". Para comezar, cal é a formación desta palabra? Cal está máis preto da forma orixinal? Será que dar un chumbalaghato é unha única palabra da que descoñecemos a orixe e non ten nada que ver con gatos nin con chumbos? E que, polo tanto, chumbo de ghato é unha reelaboración posterior para darlle sentido?
Son moitas as preguntas e poucas as certezas. Penso eu aquí para min que o máis fácil sería relacionar este chumbo co chumbo do plŭmbum latino, o metal bah! Que se o pensamos ben, ata lle poderiamos buscar o xeito. Así e todo, gustaríame explorar outras posibilidades un pouco máis arriscadas.
Vendo as respostas que se dan no ALPI á pregunta "dar volteretas" parece que a construción é así mesmo, co gato animal, as reviravoltas que dan os gatos cando caen. Nas respostas do ALPI de Asturias e León temos moitas formacións coma esta baseadas no gato, na volta do gato, como por exemplo en Boal, aínda de fala galega, "dar a volta del gatu rabón". E neste mesmo dominio lingüístico astur-leonés hai outras formas como "dar la culumbeta el gato" (Oviedo), "dar culumbrón", "dar columbrete" (León) que nos poden axudar a entender a formación de chumbo de ghato. Alén doutras como "dar chumba carvalhas" en Viana do Castelo ou "dar tomba la vaca" en Beja (repárese na formación igual á de chumba-la-ghato).
Non me podo resistir a pensar que hai unha relación histórica entre estas formas galego-portuguesas e as astur-leonesas e polo tanto imaxinar unha posible forma galega antiga *columb- ou *culumb- para denominar o pinchacarneiro (forma máis estendida na actualidade). Dun posible *culumb- non é difícil chegar a un *clumb-, se cadra xa era esta a forma antiga e nas formas astur-leonesas se desfixese o grupo tautosilábico engadindo unha vogal (anaptixe) coma en tantos exemplos no galego moderno: Cruña ➜ Coruña, crabuña ➜ carabuña, cangrexo ➜ *cranguexo ➜ caranguexo e moitas outras palabras onde hai vacilación como grabano e garabano, tareixada e treixada...
Se seguimos este fío, no dicionario da RAE temos algunhas pistas máis, aparece columbeta 'voltereta' como leonesismo de columbiar 'columpiar' que remite ao grego κολυμβάω 'mergullarse', 'lanzarse á auga de cabeza', 'somerxerse', 'nadar'. Esta palabra pertence a unha ampla familia léxica coa mesma raíz en grego antigo que remiten ao campo semántico de nadar, nadar por debaixo da auga, mergullarse, somerxerse etc. Como exemplo ilustrativo temos a palabra κόλυμβος 'mergo' (orixe do actual colimbo), un paxaro que se lanza dende o aire á auga para pescar e que se mergulla e nada ata varios metros de profundidade. Parece ser que a coincidencia formal co latín columbus 'pombo' é casual, a orixe da palabra grega é descoñecida, polo visto non procede do indoeuropeo, senón dunha lingua pregrega.
E que din os dicionarios asturianos ao respecto? Os dicionarios asturianos recollen palabras como as xa mencionadas arriba e outras variantes: columbiar 'abanar', 'abanear', 'acanear'; columbrón 'bambán', 'pinchacarneiro'; columbiellu 'bambán', 'pinchacarneiro', pero a máis sorprendente de todas é, sen dúbida, calumbar 'meter debaixo da auga', 'lanzarse de cabeza á auga', coa variante calombiar. O parecido formal e semántico con κολυμβάω (colymbaō/columbaō) é evidente. O Diccionario General de la Lengua Asturiana (DGLA) tamén recolle chumbar 'mergullarse', 'lanzarse á auga de cabeza', 'lanzarse á auga', coa variante chumbiar 'lanzarse á auga de cabeza', e curiosamente estas formas están localizadas no dominio do galego de Asturias e no asturiano máis occidental, mentres que calumbiar aparece no asturiano oriental. No Diccionariu de la Llingua Asturiana (DALLA) só vén recollida calumbar.
Esta miña teoría vese reforzada ao ver o significado de chumbar no dicionario da RAG, acepción 5 "Lanzarse á auga", e a recollida por María do Carme Ríos Panisse (1983) "Nomenclatura de la flora y fauna de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas", recompilada no Dicionario de dicionarios da lingua galega: "Bucear los pájaros". Parece moi raro que coincida tan exactamente co significado de κολυμβάω e a súa familia léxica e non teñan nada que ver, sen esquecer que a evolución fonética é completamente posible.
Despois de toda esta teoría, non parece moi arriscado dicir que dunha palabra que engloba os semas 'mergullarse de cabeza', 'lanzarse á auga de cabeza' poida saír unha asociación con dar un pinchacarneiro, posto que para dar un chumbo de gato hai que botar as mans ao chan e "mergullar" a cabeza ata enrolarse sobre un mesmo.
Polo tanto podemos partir desta raíz grega tanto para unha posible forma galega antiga *clumb- como para as astur-leonesas. Daí non é difícil chegar a chumbo: *columbu ➜ *clumbo chumbo. A evolución do grupo cl- inicial é a mesma de clamare chamar, clausa chousa, cleta cheda, clocca choca (fr. cloche 'campá', 'sino')...
Secasí, aínda pensando que todo o dito é "plausible", sempre é bo querer ir un pouco máis alá e sen querer afondar voume chumbar noutro souto.
Estará relacionada esta raíz *columb- con chimpo e chimpar 'dar chimpos'? (non esquezamos a variante con -p- do castelán columpiar, columpio). De onde vén a palabra chimpar? O primeiro impulso que me vén é relacionalo co inglés climb, parece un despropósito, seino, pero se cadra non o é tanto. Analicemos a situación: climb en inglés significa 'gabear', 'subir por algo cos pés e coas mans', ascender, elevarse... algún sema en común xa hai, chimpar tamén é "elevarse"! Esta palabra vén do inglés antigo climban (inf.) 'gabear', clamb (p.), clumben/clumbe (p.p.) do xermano occidental *klimban/*klimbaną 'subir por algo agarrándose cos pés e coas mans'. Ten varios cognados seguros na familia xermánica: neerlandés e alemán klimmen 'gabear', 'subir por algo', limburgués klömbe/klömme, luxemburgués klammen.
Se cadra é moi arriscado relacionar chimpo, chimpar 'saltar' coa familia xermánica, pero se forzamos un chisco tampouco é tan despropositado, sobre todo se temos en conta que no mesmo inglés hai significados de climb moi próximos de jump, por exemplo climb over é saltar por riba de algo. Ata existen expresións onde se poden substituír: jump on the bandwagon e climb on the bandwagon, co mesmo significado, 'seguir a moda', 'ser unha ovelliña do rabaño'.
E sen deixar de furar, hai unha cuestión que pode axudar a reforzar esta teoría medio disparatada. Se analizamos as definicións que recolle, por exemplo, o dicionario da RAG, para chimpar vemos que ten significados moi dispares. Se queremos sintetizalos podemos reducilos a catro semas básicos: derrubar/tirar ao chan, lanzar con violencia, engulir e saltar, dar chimpos e se nos poñemos sintéticos mesmo o podemos reducir a abater/derrubar, engulir e saltar. Curiosamente son case os mesmo semas de pinchar: abater e saltar, curiosa coincidencia!
Non é fácil de entender como unha mesma palabra recolle significados tan diferentes. Non parece tan obvio chegar a unha asociación clara entre abater/derrubar, lanzar con violencia e engulir ou saltar, dar chimpos.
Curiosamente, e sempre no aro da peneira, nas linguas xermánicas coma o inglés e o alemán a familia léxica de climb e klimmen abranguen semas parecidos ao do galego chimpar e pinchar (gabear, subir, elevarse e fender, partir).
Por unha parte o inglés climb, como xa dixen máis arriba, pode ser subir agarrándose con pés e mans, gabear, pero tamén pode ser ascender, elevar, subir... e mesmo saltar (climb over), pode ser subir a dentro dun vehículo (climb on/in/into)...
Da familia léxica de climb en inglés temos clamber 'escalar', clamp 'suxeitar cunha abrazadeira', 'apertar'. De por parte, tamén temos outras palabras relacionadas etimoloxicamente: cleave, que pode ser tanto partir, fender, atravesar como apegar, colar, aderir, agarrar, aferrar. Outra palabra da mesma familia é cleft 'fenda', 'fisura', 'racha'; cliff 'barranco', 'cantil', 'precipicio'; cling 'apegar', 'aderir', 'agarrar', 'aferrar'.
No alemán temos a mesma estrutura de semas relacionados: klimmen 'gabear', erklimmen 'subir a', klemmen 'agarrar', 'suxeitar'; einklemmen 'encaixar'; abklemmen 'cortar', 'fender'; Klamm 'barranco'; klette 'lapa'; kletter 'gabear'.
Parece ser que a unión destes semas, que á partida parecen contrarios, como por exemplo cortar, fender e agarrar, aderir, encaixar... ten orixe nas linguas xermánicas na confusión de dúas raíces indoeuropeas, por un lado *gleubh- (forma básica)➜ *kleuban, *kleb- e *glubh (en grao cero) ➜ *klub 'cortar', 'romper', 'partir' e por outro *gloi-, *glei-, *gli- ➜ *kli- que tiñan o sentido de 'colar', 'aderir', 'apegar'.
En resumo, estas raíces deron unha maraña de formas que acabaron por se confundir, por iso en inglés temos unha palabra como cleave que tanto pode ser colar, aderir, agarrar como partir, atravesar.
O lector perspicaz dirá: como afecta todo isto á finalidade deste texto e como vai encaixar aí chimpar...!? Pois ben, a partir da raíz *kli- cun alongamento nasal creouse a raíz xermánica klimb- de onde saíron todas as palabras da familia xermánica cognadas do inglés climb. Esta raíz que partía dun senso relacionado con colar, aderir, apergar, agarrar, desenvolveu o significado de gabear nas linguas xermánicas, isto é, subir agarrándose coas mans e cos pés. Co tempo nas diversas linguas foi gañando os significados de ascender, elevar, a partir de gabear, escalar, coma no inglés climb ou o alemán klimmen e erklimmen. E daí poderiamos imaxinar ou entender un chimpar 'saltar'. Ao mesmo tempo esta mesma raíz confundida cos resultados de *gleubh- e *glubh- tamén foi creando derivados relacionados co sentido de 'fender', 'partir' e quedaron asociados dous semas que en principio se poderían considerar contrarios como fender e apegar (➜ gabear ➜ subir). É aí onde temos o "pulo do gato" (como din os brasileiros), onde se unen eses dous sensos que poderían estar na orixe dos semas tanto do verbo chimpar como pinchar e de chimpo e pincho (podemos especular con que son a mesma palabra), que tanto poden significar cortar, cortar árbores e abatelas, derrubalas e ao mesmo tempo lanzar, saltar (subir?, elevarse?). Non é difícil chegar de cortar árbores, abatelas, derrubalas a "facer que caia ao chan", "lanzar con forza, con violencia", "lanzar calquera cousa", e así casamos dous semas que en principio non parecen moi próximos.
Non vexo como poderiamos encaixar aquí os semas de "engulir", "tragar con avidez", unicamente a partir de lanzar, lanzar para dentro. En contextos como "chimpou(se) unha botella de viño" poderíase entender como "lanzar para dentro", o mesmo que podemos dicir "mandouse unha botella de viño" ou "mangouse unha botella de viño". Este verbo "mangar" ou inclusive "largar" véñennos moi ben para explicar significados que de inicio poderían parecer contrarios. Podemos dicir "mangoulle unha do revés", "largoulle unha hostia" (movemento cara a fóra) e tamén "mangouse dúas cuncas de caldo e inda quedou con fame" (movemento cara a dentro), no fondo é lanzar, lanzar con violencia, con forza ou lanzar para dentro.
Nun louco e mesmo admito que desatinado cadoiro de asociacións libres, poderiamos imaxinar que o latín da Gallaecia recibiu a través dunha lingua xermánica unha palabra desta familia, un derivado da raíz xermana *kli-/*kli-mb- que recollese semas das dúas raíces indoeuropeas *gleubh- 'cortar', 'fender', 'partir' (*kleuban, *kleb ou *klub-) e da raíz *gloi-, *gle-, *gli- 'grudar', 'apegar' (*kli-/*kli-mb-), co significado de gabear, subir, elevarse e de cortar, fender. Nesta hipotética situación xa temos unha base para o desenvolvemento dos nosos chimpar e pinchar.
Se nos parece que esta teoría xermánica é moi arriscada ou mesmo despropositada, podemos volver á teoría inicial e cerrar o círculo argumentando que chumbo, chimpo e pincho proceden da mesma palabra e no fondo son a mesma cousa. Como xa dixen máis arriba chumbo é un salto de cabeza á auga, un salto de cabeza envolvéndose sobre un mesmo, un chumbo de gato, que procede da palabra grega κολυμβάω. Esta palabra ten unha vogal -υ- que en grego antigo dependendo das épocas se pronunciaba [y] como o u francés ou como o ü alemán nun período máis arcaico e despois veu a pronunciarse como un [i] igual ao das linguas latinas ou ao do propio latín. Segundo a época en que se incorporase o helenismo ao latín ou a interpretación deste fonema que non existía na lingua do Lacio, o resultado podía ser [u] ou [i]. Temos varios exemplos como cytĭsus do grego κύτισος, que deu en galego codeso e portugués codesso a partir dunha posible forma vulgar *cutisus ou *cutissus, mentres que en italiano temos citiso ['ʧitizo], mesmo se admitimos que, posiblemente, esta sexa unha forma de orixe culta. Outro caso é μύρτος a través do latín, onde existían as variantes myrtus e murtus, myrta e murta, estas variantes deron en galego tanto mirto coma murta, portugués mirto e murta, español igual, italiano mirto e mortella; do latín thўmus ou thўmum (grego θύμος -ου) temos en galego e portugués tomentelo, tromentelotormentelo, tomiño en galego, tomilho en portugués e tomillo en castelán, timo en italiano, thym en francés...
Vendo a dobre evolución desta vogal grega, nada impide que puidese haber dous resultados de κολυμβάω como columb- e como *colymb- (é o caso de colimbo, aínda que fose por vía culta) e destas as galegas chumbo e chimpo.
Podemos imaxinar unha evolución semántica do tipo "saltar dun lugar alto" (en vez de gabear, subir...), "botar ao chan", "lanzar ao chan", "derrubar/abater árbores", "lanzar con violencia"... Posiblemente esta sexa a forma máis directa e simple para chegar aos dispares semas de chimpar e pinchar, pensar que a orixe está en “saltar do alto”, “saltar de cabeza e mergullarse” e que daí xurdisen os outros: saltar, lanzar, lanzar ao chan, abater... Tamén parece a maneira máis simple de relacionar a evolución fonética de chumbar e chimpar.

Aínda que de inicio a relación entre o chumbar galego e as diversas formas astur-leonesas coa raíz columb- parecía moi atractiva, necesariamente, non podemos esquecer o francés plonger 'somerxerse completamente', 'lanzarse á auga de cabeza cos brazos estirados', que os dicionarios etimolóxicos franceses fan derivar dun posible latín coloquial *plumbicare de plumbum. Mesmo que non faltan as etimoloxías que o emparenten con formas celtas tales como plumia, pluia, spluiañ, splujañ do bretón e plwng/plwnc, plymiad do galés co mesmo significado de plonger 'chumbar' e ata co sánscrito plàvana. Con todo, o máis prudente é pensar que todas elas, xunto co inglés plunge, son herdeiras do francés antigo e este do latín. No galés e no bretón hai dúas raíces diferentes que coiciden co francés e co inglés, por unha parte en galés hai plwng ou plwnc e no bretón pluia, spluiañ e splujañ, máis próximo do francés plonger e do inglés to plunge co mesmo significado de 'somerxerse na auga', 'lanzarse á auga de cabeza'. Por outra parte en galés hai plymiad (derivada de plwm 'chumbo'), que tanto pode ser 'plonger' como cubrir ou soldar con chumbo. A mesma situación encontrámola no bretón plomañ, estas formas están máis próximas do francés plomber. Tampouco podemos ignorar o italiano piombare 'caír do alto con movemento repentino e violento', 'lanzarse contra algo ou alguén', 'caír do alto a un lugar profundo'. Parece clara a relación con chumbar e mesmo podemos aventurar que tamén con chimpar. Os semas da forma italiana piombare están moi próximos dos de chumbar, chimpar e pinchar.
O máis probable, tendo en conta o francés e o italiano, é que a partir de caír do alto, afondar na auga coma o chumbo, caír 'a plomo' se desenvolvesen os outros significados de 'caír do alto', 'saltar dunha certa altura', 'derrubar árbores', 'lanzar con violencia'...


Comentários

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C