Avançar para o conteúdo principal

"ANOMALÍAS" NA LINGUA?

Ás veces encóntranse na lingua "anomalías" que parecen obvias, pero que se continúan reproducindo e copiando duns dicionarios ou gramáticas a outras sen razoar sobre iso, se cadra é porque ninguén reparou nelas. Unha das últimas cousas que me chamou a atención é a etimoloxía que os dicionarios dan para hostia. Varias persoas tíñanme preguntado se hostia era con hache, se era diferente hostia 'oblea' de hostia 'golpe', e incluso a palabra malsoante. Buscando nos dicionarios e en internet vin que hostia aparece nos dicionarios de galego e castelán como unha única palabra, unha soa entrada nos dicionarios con dous semas básicos: un relacionado coa linguaxe relixiosa, que remite á etimoloxía latina de hostia 'vítima ofrecida en sacrificio' e outro sema relacionado con golpe, impacto, agresión. A simple vista non teñen moito que ver estes dous semas, e incluso se podería pensar que debaixo desa palabra haxa dúas palabras con etimoloxías diferentes.
A miña teoría é que hai unha palabra hostia de orixe latina ben coñecida e explicada, que se utiliza na linguaxe relixiosa para designar a oblea que representa o corpo de Cristo, a vítima ofrecida en sacrificio a Deus. Desta podería saír perfectamente a interxección e a palabra malsoante, vénme á cabeza a expresión "hostias en vinagre", que todo parece indicar que está relacionada co ritual da hostia e o viño da misa católica. A outra hostia de orixe vulgar hai que buscarlle a orixe noutra palabra tamén latina. Non sei por que no dicionario da Real Academia Española recollen hostia co significado de golpe e non recollen o verbo hostiar como fan outros dicionarios. O dicionario da Real Academia Galega fai o mesmo, recolle hostia cos dous semas xa mencionados, pero non recolle fostiar, fostiado.
Ó reparar na familia léxica vemos que hai algo que non casa:
- Galego: fostiar, fostiado, hostia.
- Castelán: hostiar, hostia.
Parece bastante claro onde está a anomalía, isto é, hostia co significado de 'golpe', 'labazada' é un castelanismo en galego.
A etimoloxía destas palabras parece bastante evidente, todo parece indicar que é o latín fustigare. A evolución é clara e limpa: o -g- intervocálico cae no paso do latín ós romances peninsulares nas palabras patrimoniais; o -u- abre en -o- e xa temos a nosa palabriña: fostiar. En castelán deron un paso máis e aspiraron ata perdelo o efe, por iso din hostiar. Esta mesma palabra é a orixe do semicultismo hostigar do español. Non fai falta dicir que tamén é a orixe dos cultimos fustigar (castelán e portugués) e fustrigar do galego. A solución do galego moderno apártase da orixe latina e das outras linguas románicas con ese erre, non sei cal pode ser o motivo, seguramente na tradición galega apareza así dende a Idade Media. Como podemos ver en español hai tres estadios de evolución da mesma palabra latina: hostiar (patrimonial), hostigar (semicultimos) e fustigar (cultismo).
Sobre o uso das palabras patrimoniais que motivan este "post" penso que son moi comúns na fala coloquial. Fostiar ten o significado de bater, golpear alguén, darlle hostias.
- Dixéronlle que o ían fostiar.
- Como non andes con coidado ímoste fostiar.
Fostiado utilízase para expesar que algo ou alguén anda a moita velocidade, sobre todo no coche:
- Anda fostiado co coche, calquera día mátase.
A pregunta é por que a Real Academia Galega non recolle estas palabras galegas?

Comentários

  1. Hostia procede do lat. hostia, que en galego dá hostia. Fostiado é unha adaptación humorística. Saúdos

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se