Avançar para o conteúdo principal

"ACHAR DE MENOS"

As linguas teñen moitas expresións e frases feitas con significados que non podemos deducir pola suma do significado de cada un dos seu compoñentes, estas frases feitas incorpóranse á lingua como un todo indivisible ó que se asocia un sentido. Isto permite que moitas frases feitas, dende un punto de vista histórico, se formen sen un sentido lóxico se partimos dos seus constituíntes, xa que funcionan como un todo que non se pode separar. Na frase do castelán "echar de menos" non podemos adiviñar o significado partindo dos seus compoñentes inmediatos e mesmo partindo do polisémico "echar" parece difícil reconciliar este verbo co significado global da expresión. É por isto que moitos etimoloxistas e entendidos no tema din que esta frase feita do castelán é un calco de "achar de menos" ou "achar en falta" do galego-portugués medieval, que parece que ten máis sentido, sobre todo, se temos en conta expresións do galego moderno como "(a)topar en falta", "(a)topar de falta", "topar a faltar", "encontrar de falta", "encontrar a faltar", "notar en falta", "notar a falta de" que teñen unha formación idéntica a "achar de menos".
O máis curioso de todo é que esta frase feita volveu ó galego a través do castelán, e para adaptala ó galego moderno volveuse refacer, por iso se pode oír en galego "botar de menos", unha expresión que tampouco ten sentido se partimos dos seus constituíntes, simplemente é unha expresión fixa que ten asociado un sentido determinado. Por desgraza, esta expresión que non deixa de ser allea ó idioma, cunha formación "rara" (é un calco da castelá) está a desprazar outras formas galegas creadas polo propio idioma coma as que mencionei antes.
Á parte das formas que mencionei arriba baseadas no verbo "topar" ou "atopar" hai outras que utilizan o verbo poñer. Aínda que tamén parece un pouco "rara" e non é fácil deducir o seu significado partindo dos constituíntes, a frase feita "poñer en falta" significa o mesmo ca "topar en falta", decatarse da falta de..., esta forma é propia do occidente da Coruña, da zona de Camariñas.
As formas topar en falta, topar de falta, topar a faltar, notar a falta de... utilízanse co significado de 'decatarse de que falta algo ou alguén', 'darse de conta de que algo ou alguén non está', no sentido físico e emocional, pero para referirse expecificamente ó plano emocional, á tristura, dor ou pena pola falta de alguén adóitase utilizar o verbo sentir: sentir a falta de alguén ou simplimente sentir, como por exemplo: Cando lle marchou o fillo da casa sentiucho ben!; coitadas, sentiron muito a falta da nai.

Comentários

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se