Coa palabra chopo en galego coñécense varias especies de árbores do xénero Populus: o Populus nigra, o Populus alba, etc. que tamén teñen os nomes populares de lamigueiro e álamo. Pero neste artigo quero falar doutras plantas que reciben o nome de chopo. Unha delas é a Digitalis purpurea, esta planta ten moitísimos nomes dependendo das zonas: croque, estralote, estraloque, abeluria, seoane, savane, dedaleira, etc. O Padre Sarmiento xa recolle no século XVIII o nome de chopo negro.
![]() |
Digitalis purpurea |
Pero hai outras plantas da familia das Scrophulariaceae cun tipo de folla semellante ó croque negro (Digitalis purpurea) que reciben o mesmo nome, hai que ter en conta que esta situación varía dunhas zonas a outras e dunhas variedades do galego a outras. Na zona de Torroso (Mos) hai tres especies da familia das Scrophulariaceae relancionadas: os croques ou estralotes (Digitalis purpurea), o croque branco ou croquillo (Verbascum thapsus) e (Verbascum nigrum), e o chopo (Scrophularia auriculata).
![]() |
Verbascum thapsum |
![]() |
Verbascum nigrum |
Estas dúas especies reciben o mesmo nome en moitas partes de Galicia, ó Digitalis purpurea chámanlle croque, estralote, estraloque, chopo, etc. e a especie Verbascum recibe o mesmo nome acompañado do adxectivo branco: croque branco, chopo branco, etc. Esta situación xa a recolle o Padre Sarmiento no século XVIII. En Torroso os nomes para estas dúas especies son croque ou estralote e croque branco ou croquillo, e coa palabra chopo denomínase outra planta da mesma familia a Scrophularia auriculata.
![]() |
Scrophularia auriculata |
Os nomes cos que se denomina esta planta nas fontes galegas é confuso, no Dicionario de dicionarios aparecen recollidos os nomes de albitorno, albichorno, herba concheira, herba do trollo, herba trolla, herba de san Pedro, zubón, zumbón, etc. Polo regular estes nomes asígnanselle a outras especies de Scrophularia indistintamente como a Scrophularia nodosa e a Scrophularia aquatica. Nestes e noutros dicionarios estes mesmos nomes utilízanse para designar outras especies como a Saponaria officinalis que non ten nada que ver coa anterior. Como dixen en Torroso chámanlle chopo, posiblemente por confusión cos outros chopos (Digitalis purpurea), e utilízanse na medicina tradicional para curar queimaduras, ben poñendo as follas enteiras sobre a queimadura, ben facendo emplastos coas follas machucadas.
Comentários
Enviar um comentário