Avançar para o conteúdo principal

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños.
Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán.
O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana, hai un mes, enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou, onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se cumpren. O verbo cumprir ten significados moi próximos, pero no galego tradicional o verbo que se emprega para falar do momento exacto en que aconteceu algo, coma o día en que se naceu, utilízase o verbo facer: fixo 20 anos o 15 de abril, cando fai os anos o teu fillo?, o mes que vén fai un ano que morreu fulano de tal, etc. Polo tanto, a celebración do día en que nace unha persoa non é o *cumpreanos, senón o día dos anos, o día en que fai os anos ou o aniversario. O mesmo que o día en que morreu unha persoa tamén é o aniversario da morte ou o cabodano cando hai un ou máis anos que  morreu.
Para o día en que se conmemora o santo do nome que leva a persoa dise estar de santo e tamén estar de días, outra expresión que vai caendo en desuso.
O verbo IR cando se utiliza para falar do tempo, acompañado da preposición para, tamén expresa unha temporalidade aproximada, indica que inda non se cumpriu o período de tempo que se expresa, pero que está próximo a cumprirse: vai para un mes que non o vexo, xa vai para dous anos que viven en Santiago e inda non me fago á idea.
Outras construcións para falar do tempo que se poden considerar alleas ó galego son aquelas que utilizan cada como adxectivo distributivo en frases como: cada quince días, cada oito días, etc. en galego tradicional a expresión máis utilizada é de quince en quince días, de oito en oito días, que se vai perdendo coma todo o propio en favor do alleo. Tamén a expresión cada día se pode considerar allea, hai autores que sosteñen que é un catalanismo no castelán e polo tanto un catalanismo a través do castelán no galego, en galego deberíase dicir tódolos días, a diario e outras como acotío, decote, etc.
Hai outros usos incorrectos de preposicións como por exemplo en cando se confunde con dentro de, de aquí a.... Non é o mesmo dentro de quince días, de aquí a quince días ca en quince días. En na expesión en quince días é sinónimo de durante quince días, outra expresión equivalente a dentro de e moi utilizada na lingua coloquila tradicional é de .... en ...., por exemplo: de hoxe en quince días, de martes en quince días, de mañán en oito días, outra expresión tradicional que vai quedando relegada por ser diferente ás castelás. Esta confusión de en con dentro de parece que vén do inglés a través da linguaxe xornalística e televisiva.
Dun tempo a/para esta parte, outra expresión moi utilizada na lingua coloquial tradicional para expresar un feito que está a ocorrer dende hai un tempo indeterminado: non sei que terá pero dun tempo a esta parte mírolle mui mala cara!

A expresión do tempo atmosférico en galego tamén ten as súas peculiaridades. O verbo principal para expresa-lo estado do tempo é IR: vai frío, vai calor. E o verbo ESTAR: está bo día, está mal día, hoxe está de chuvia, o día está frío, etc.
O verbo ir, normalmente, utilízase coas formas infinitas (presente, preterito imperfecto, .......), non se adoita utilizar este verbo con formas finitas (pretérito perfecto): onte ía un frío que non había quen aguantara, este inverno ten ido un frío que xa non se miraba dende hai muitos anos.
Pódese oír  o ano pasado foi un anos de neve como xa non se acordaba... neste caso non se refire ó fenómeno atmosférico en si, senón ó ano, como foi o ano.
Tamén se utiliza o verbo QUEDAR para falar do tempo en pasado: onte quedou unha noite de frío criminal, leva un tempo que quedan unhas mañáns de neve e frío...!
Na lingua oral máis castelanizada óense expresións como: facer bo, facer malo, hoxe fai bo, que mesmo aparecen en libros de texto como formas galegas xenuínas cando non son máis ca calcos do castelán completamente espurios.
E xa que falamos do tempo atmosférico, tamén podemos traer aquí unha das moitas aberracións lingüísticas que se poden oír a diario nas televisións tanto en galego coma en castelán, isto é, a pluralización dos meteoros ou fenómenos atmosféricos, sendo como son nomes incontables: as chuvias, os ventos, as néboas, as xeadas, as neves, etc., pero isto daría para un capítulo de seu.

Comentários

  1. Interesante entrada, atopeina buscando unha explicación ao emprego do verbo IR expresando o tempo atmosférico, xa que nunca escoitara ese verbo no pretérito perfecto. Quería saber cal se debería empregar no seu lugar, mais non o alclaras. Sería o verbo FACER? "Onte fixo frío"?
    Graciñas!

    ResponderEliminar
  2. Antes de nada quero aclarar que os meus comentarios sobre o que pra min é normal ou o que "se oe" son referidos á miña zona dialectal, no sur de Pontevedra. Aclarado isto, a min pásame coma a ti, eu non teño oído utilizar o verbo ir en preterito perfecto pra falar do tempo atmosférico, iso non quere dicir que noutras zonas non se utilice. De feito, en xente que utiliza o verbo "ir" pra falar do tempo atmosférico pódense oír frases coma a que pos ti: "onte fixo frío", convinan o verbo ir e o facer, pero este último só no pretérito perfecto. Normativamente non é correcto, o verbo facer non se debe utilizar pra expresar o tempo atmosférico, son os verbos ir ou estar os que se utilizan na lingua tradicional. O motivo desta "anomalía" non sei cal é, que se introduza o verbo facer neses contextos en pasado parece un pouco sospeitoso e case podería dicir que é un castelanismo. No texto arriba se cadra non deixo moi claro unha alternativa, pero si que teño algún exemplo. Co verbo "quedar": "onte quedou unha noite fría de moito nabo!", "teñen quedado unhas noites frías...!"; co verbo estar: "onte estivo un día de frío coma no inverno", "estes días estivo o tempo frío de verdá"; co verbo ir: "onte foi un día de calor como xa non se acordaba!", "esta semana foi das máis frías do inverno". Se te das conta nestes usos o verbo nunca se refire ó fenómeno meteorolóxico, senón a como foi o período de tempo a que se refire.
    Como xa che dixen antes, a min sóame raro "onte foi frío", teoricamente debería de ser correcto, e seguramente que haxa quen o di así, pero por algún motivo non é a forma máis estendida.
    Este comentario é máis intuitivo ca científico, se encotro algún estudo sobre isto publicareino no blog.
    Grazas por lerme!!

    ResponderEliminar
  3. De calquera maneira, a min utilizar neste contexto o pretérito imperfecto: onte ía frío. Eu podería dicir tranquilamente: mira que ía frío onte eh!!!

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C