Avançar para o conteúdo principal

"COUSAS DO SUR"

No sur de Pontevedra, e polo que se ve neste mapa tamén no Minho portugués, o sufixo -eiro ten os valores xerais do galego e a máis ten outro propio da zona, o de individualizador ou mellor dito de "uninumeralizador". Adquire este valor cando se aplica a substantivos continuos ou colectivos, isto é, aqueles que categorizan as entidades como materia, masa e substancia e os que designan un colectivo en singular, por exemplo granceiro de gran: gran refírese ó conxunto dos grans de millo, ó que noutras zonas lle chaman a gra, granceiro é un único gran. Hai varios exemplos en que -eiro funciona como uninumeralizador:

o gran - un granceiro
o arroz - un arroceiro
a area - unha areeira
o millo - un milleiro
o pelo - un peleiro
a herba - unha herbeira
o toxo - un toxeiro
a palla - unha palleira
o fento - un fenteiro
o pendón - un pendoeiro
a verdura - unha verdureira
silva - silveira
xesta - xesteira
vide - videira
verza - verceira
pinga - pingueira

Nesta zona o sufixo -eiro emprégase para converter substantivos continuos ou incontables en contables ou discontinuos, na maior parte dos casos, aínda que non sempre é así. En xeral, a partir dun substantivo singular continuo ou incontable que denomina unha materia ou un colectivo, créase, engandindo o sufixo -eiro, un substantivo contable, que designa un único individuo do colectivo ou unha parte ou partícula da materia. Coa teoría parece un pouco abstracto e difícil de enteder, pero cos exemplos vese moi claro. A partir dun substantivo en singular como toxo, arroz, area, pelo, herba, etc., que se empregan para denominar a materia ó engadirlle o sufixo -eiro a nova palabra designa unha única partícula ou parte desta materia. A palabra toxo designa a materia, co conxunto dos toxeiros, e mesmo pode ser sinónimo de estrume, e toxeiro é cada planta individual de toxo, isto mesmo acontece con millo, pelo, herba, fentopalla, etc.
- Trúo un carro de toxo para estra-las cortes.
- Tes un toxeiro peghado no gharsé.
- Hai que segha-la herba antes de que veña a chover.
- Andaba todo o día cunha herbeira na boca, e dábame un noxo...
- Foron ó fento para chamusca-lo porco.
- Este ano non temos nin un fenteiro pra chamusca-lo porco...

Que se utilice este recurso para converter nomes incontables en contables non quere dicir que non haxa outros, por exemplo, este convive con outros como o de pórlle ó nome incontable un artigo ou un numeral: un toxo, dúas herbas, etc., aínda que non é o habitual, xa que podería levar a confusións con tipo de herba, ou tipo de toxo, sen dúbida o máis común é engadir o sufixo -eiro.
Hai outros substantivos que non se comportan igual cós mencionados arriba, isto é, non temos un substantivo singular que denomina a materia e un derivado con -eiro que denomina a partícula, senón que partimos dun substantivo en plural para denomina-la materia ou o colectivo e o derivado con -eiro para designa-la parte. E aínda máis, a palabra base en singular é equivalente ó derivado co sufixo -eiro, aínda que con diferente valor expresivo, xa que o derivado remarca o carácter ininumeralizador. Isto acontece sobre todo cos nomes de vexetais, por exemplo: xesta é a planta e xesteira unha única planta, inda que tamén se poida dicir unha xesta, o mesmo ca verza que se refire á folla e á planta do que noutras zonas se coñece como coia, coella ou mesmo col, pero verceira é unha única folla ou unha única planta, no caso das vides, isto é, o conxunto de "ramas" ou ramallada que se corta da viña, unha vide é unha rama, pero videira remarca o carácter individual, e o mesmo acontece con silva - silveira e coas outras. Para designa-lo conxunto utilízase o plural:
- Cargharon un carro de xestas a plan.
- Prendeu as ouvellas a unha xesteira e deixounas quedar.
- Hai que apaña-las vides antes de ata-la viña.
- Colleu unha videira e deulle unhas boas latighadas polas pernas.

O sufixo -eiro tamén ten un valor intensificador para remarcar que se trata dunha mínima cantidade ou dun único elemento, pero ó contrario dos exemplos que xa vimos arriba, que están máis ou menos lexicalizados, hai outros que non se utilizan tanto como denominación xeral e máis como un recurso expresivo para remarcar ese carácter individual ou mínimo:
- Teño que ir á tenda que na casa non teño nin un arroceiro.
- Limpou toda a eira e non deixou nin unha folleira.
- Viñeron de noite e apañáronnos tódalas vimbias, se che digho que non deixaron nin unha vimbieira.

Este mapa atopeino no blog Leoeosseus, no que o autor fala do mesmo fenómeno, parece que tamén é do sur.
 Costas González, X.H. (1991): «O sufixo -EIRO con valor individualizador no suroeste galego», en Brea, M. y Fernández Rei, F. (coords.), Homenaxe ó profesor Constantino García, 1, Santiago de Compostela, Univ. de Santiago, 127-132.

Comentários

  1. Mui bo o teu blogo (estiven lendo o dicionario ) e procurarei aportar máis cousas.
    O xogo das bilabiais m e b tamén se nota en " piospardos " ( biosbardos noutras zonas ) e pelo " alborizado " que din en Arbo por alporizado.
    Paso a ligar o teu blogo.

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

ISTO É GALEGO VIVO!!

É unha marabilla oír falar a xente así de ben, con esa expresividade e esa riqueza lingüística, nese galego tan bonito, neste caso o contraste aínda o fai máis evidente. Cando vin este vídeo á parte de encantarme o ben que falan estes veciños de Morás (Arteixo), tamén me chamaron a atención unhas palabras que nunca oíra, e se fixen este post é precisamente por iso, para chamar a atención sobre elas. Só transcribo o que fala unha veciña, a da viseira, porque é a que di as palabras que me interesa comentar.





«Eu x'ò vin cos pantalóns todos embaixo de todo... qu'el asta... coidadiño trae uns calzoncillos lindísimos... pero 'taba coma cando su madro lo parió, per'eu como había así aghamarzò e monte ó lado e había árbores, pillei un pòlôn, así dunha póla, e púxena no carretillo, qu'eu se vén ó alto del e me bota a man, eu doulle onde lle caíran...»

«E vas sola e se cadra bótache a man... e... non digho nada...»

«El moi ma... moi moi maior non se fai, el é i-alto, así ben es…

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!