Avançar para o conteúdo principal

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!

Comentários

  1. Ola, Xosé Lois, que tal?
    Noraboa polo blog. Anótoche un par de palabras que non se recollen no VOLG e que quizais atopes curiosas.

    "Chenchada": porción de comida que colle nunha culler ou nun garfo para levar á boca. Cando era pequena, miña nai sempre me dicía cando non quería comer máis: "Dúas chenchadas máis e quítoche o prato".

    A segunda é "Carrapito". A dicir verdade, só lla oín a meu pai para referirse a os chichos ou as trenzas do pelo. Co sufixo que ten, creo que se pode considerar perfectamente como propia da linguaxe infantil.

    Outra que teño por aquí é "Cocón": dise da persoa cunha actitude vergonzante, que escapa do trato coa xente e non mira directamente ós ollos. Ten como sinónimo "raposo". Normalmente dise dunha persoa que ten estas características que é coma un cocón ou coma un raposo.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Ola Xosé Lois.
    Noraboa polo blog. Anótoche un par de palabras que quizais atopes curiosas.
    "Chenchada": porción de comida que colle nunha culler ou nun garfo para levar á boca. Cando era pequena, miña nai sempre me dicía cando non quería comer máis: "Dúas chenchadas máis e quítoche o prato".
    Outra é "Carrapito", só lla oín dicir a meu pai para referirse ós chichos ou as trenzas. Polo sufixo, pódese considerar perfectamente como propia da linguaxe infantil.
    Por último, "Cocón": dise da persoa cunha actitude vergonzante que escapa do trato da xente e non a mira directamente ós ollos, xa sexa por vergonza ou por ter algo que ocultar. Ten como sinónimo "raposo". Normalmente, dise de alguén que é coma un cocón ou coma un raposo.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Grazas polas túas mensaxes Lucía,

    As palabras que pos xa as oíra, e de xente da túa zona ou da costa. Téñolle oído "chanchada" a xente de Poio e "chantada" a xente de Boiro co mesmo significado. Seguro que o cambio de a>e é polo contacto coa palatal.
    E "carrapito" téñollo oído a xente de Ribeira, na miña casa dicimos "carrapicho" pero para o chicho non para a trenza, tamén existe "carrapizo".

    Cocón tamén o dicimos na miña zona co mesmo significado, tamén dicimos toutizo, máis ou menos co mesmo significado.

    ResponderEliminar
  4. ANAZAR, na zona de Mos e noutras partes do sur de Pontevedra coma Arcade dise "anazar" para bater: anaza-los ovos.
    Esta palabra xa aparece no Tratado de Albeitaría, que foi traducido en Baiona ou nos arredores; escrita: "anaçar".

    ResponderEliminar
  5. GHOTO, no sur de Pontevedra dise esta palabra para referise ó cano do aire, á traquea. Cando unha persoa esgana con algo que enviou dise: foiche polo ghoto. Esta palabra aparece xa no Tratado de Albeitaría.

    GHUÈLA ou ghoèla dise para garganta, refírese á parte externa, ó pescozo pero pola parte de diant: botoulle ás mans á ghuèla e case o aghana.
    Esta palabra xa aparece nun poema medieval: un pano para a tua gonela.

    ResponderEliminar
  6. AZARANZADO/A: adormecido, sedado. Oína en Louriñó, Torroso, Mos. A persoa dixo: cando me operaron da man eu estaba azaranzada, pero oía o que falaban os médicos.

    ResponderEliminar
  7. ARRUAR: derrubar, botar a baixo unha construción; arruaron a casa, arruaron os cortellos. Torroso, Mos.
    Isto é latín puro!!! A forma latina é: ruo, ruis, ruere, rui, rutum; co mesmo significado.

    ResponderEliminar
  8. VARDAIROL ou vardeirol e tamén verderol, utilízanse esta forma para denominar un paxaro de cor verde (Carduelis chloris). En galego normativo é verderolo.
    O curioso das formas "vardairol" e "vardeirol" é o ditongo.
    Oínlle estas formas a xente de Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior), O Caeiro (Vigo).

    ResponderEliminar
  9. MÉNDIGO con acentuación esdrúxula ou "proparoxítona", curiosidades!!

    ResponderEliminar
  10. OLLAR: coidar do gando mentres pace no monte ou nos prados. A palabra ollar só ten este significado, non se utiliza como sinónimo de mirar ou observar.
    As formas recollidas nos dicionarios son: alindar, tornar, gardar.
    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  11. INA: xenreira, odio desmesurado a unha persoa; - tenlle unha ina que non o pode ver.

    ResponderEliminar
  12. En portugués tamén existe a palabra azaranzado, azaranzar e zaranza.
    AZARANZAR:(v. tr.) tornar zaranza, estontear.
    (v. pr.)atrapalhar-se; embaraçar-se.
    AZARANZADO: (adj.) pop. desorientado, zaranza.
    ZARANZAR: (v. intr.) atrapalhar-se; atuar sem tino.
    ZARANZA: (s. 2 gén.) pessoa atabalhoada, desastrada.

    ResponderEliminar
  13. PINXIR: pagar ben, dar cartos. Como se soe dicir: "arrear mandanga".
    -Atendérono porque pinxía ben, non era pai nin nada, pero pinxía ben.
    Louriñó (Torroso, Mos).

    ResponderEliminar
  14. GHOLDRAR: beber moito.
    -Gholdra na aghua que parece unha dragha.
    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  15. ZAMBLEA: tunda, malleira, torena, soba, felpa, somanta.
    Dar unha roda de hostias.
    Dar unha enta de hostias.
    Mallar coma un "pulpo".
    Mallar coma no centeo verde.
    Amantilla-lo lombo.
    Irlle ó lombo a alghén.
    Broucarlle a alghén.
    Andar coa roupa das festas.
    Zorregharlle unha hostia a alghén.
    Bourarlle a alguén.
    Fostiar a alghén.
    Mallar a paus.
    Mira que hai formas para referirse ó mesmo, mallar na xente, que violentos somos!!

    ResponderEliminar
  16. ZAMBLEA posiblemente estea relacionado con cimblear, cimbrear ou cimbrar.
    CIMBLEAR: golpear a chuvia e a vexetación contra algunha superficie pola forza do vento.
    -Esta noite foi terrible, cimbleaba contras os cristais que daba medo.

    ResponderEliminar
  17. SER MAL ATROUXADO: persoa que non é xeitosa ou coidadosa na maneira de vestir, de facer as cousas. Persoa mal feita, desproporcionada.
    -Mira que é mal atrouxado eh, anda sempre coa camisa por fóra, os pantalóns sucios....
    -Mira que es mal atrouxado eh, non fas nada ó dreito!!!

    ResponderEliminar
  18. MENORA: a antigüidade, os tempos de antes.
    -Iso é dos tempos da menora, iso aghora xa non se leva.
    -Iso era na menora, aghora quen se acorda diso!?
    -Iso érache cousa dos vellos, nos tempos da menora.

    ResponderEliminar
  19. LAPUZADA: sucidade de auga con terra que se fai no chan ó patear.chiqueiro.
    -Non quero que laves máis a louza porque fas unha lapuzada no chan que dá noxo.
    -Non pisedes aí que caíu aghua e faise unha lapuzada criminal.

    ResponderEliminar
  20. CHIQUEIRO: sucidade de auga e terra, lama, que se fai no chan. Lapuzada.
    -Andades a botar aghua polo chan e mira que chiqueiro fixestes!
    -Andades por riba do freghado e mira que chiqueiro fixestes.
    -Había aghua no camiño e ó pasa-los coches fixeron un chiqueiro que non se pode pasar.
    Os dicionarios portugueses recollen esta palabra co significado de "pocilga de porcos".

    ResponderEliminar
  21. ANDIA: pedestal onde están os santos. Taboeiro con banzos onde se sacan os santos en procesión.
    TER ALGHÉN NUNHA ANDIA: ter unha persoa en moita consideración, pensar moi ben dunha persoa.
    -Non había quen lle dixera nada malo do fillo, tíñao nunha andia.
    -Tiña a filla nunha andia, sempre falaba dela coma se non fora deste mundo.
    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  22. TABOEIRO: taboleiro. Algúns dicionarios galegos recollen a forma "taboeiro" como invento ou hiperenxebrismo e recomendan a forma "taboleiro" por cultismo ou por lusismo.
    -Tiña as uñas dos pés coma taboeiros, tivéronllas que cortar coa tiseira de podar.
    -Cortaron o carballo que tiñan detrás da casa e deulle uns taboeiros boísimos.
    Louriñó (Torroso, Mos)

    ResponderEliminar
  23. HAREIRA: hedra. A forma "hareira", a normativa hedra e a portuguesa hera teñen a mesma etimoloxía latina: HEDERA. A forma hareira está relacionada coa portuguesa hera máis o sufixo -eira, coma a maioría dos nomes de plantas e árbores en galego.
    HEDERA + ARIA > heera + eira > hereira > hareira.
    A abertura de [e] pretónico en [a] é bastante común no galego popular.

    Louriñó (Torroso, Mos)

    ResponderEliminar
  24. BALDRUCAR: bater un liquido ou movelo dun lado para o outro. Mover un liquido nun recipiente botándoo por fóra. Revolver un liquido e levantarlle o pouso. Batuxar, zouquelear.
    -Deixa de baldruca-lo viño que non vai haber quen o beba.

    BATUXAR: mover un liquido nun recipiente. Avolver un liquido con pouso.

    ZOUQUELEAR: mover un liquido dentro dun recipiente. Revolve-lo estómago por facer movementos bruscos.
    -Con tanto movemento no coche zouqueleóuseme a comida no estómago.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  25. ZOUQUELEAR é a mesma palabra que zalouquear que vén no Dicionario de dicionarios e está relacionada con zaloucar (saloucar) e zalouco (salouco).

    ResponderEliminar
  26. AMIRACIÓN: agasallo ou xesto que se fai como mostra de atención a unha persoa.
    -Mira que lle levo axudado todos estes anos e nunca tivo unha amiración comigo.
    -Eu queríalle ben, comigo sempre tiña unha amiración, inda que fora pouca cousa: unhas medias, un pano ...

    ResponderEliminar
  27. SER UN RELAXADO: dise da persoa que está moi enfadada, fóra de si.

    -É unha relaxada! Como se puxo co que llo contei, agora está que se sube polas paredes!!

    Esta expresión só a oín en Corredoira, Cotobade, pero ben se ve que é do máis curiosa, porque se opón a "ESTAR RELAXADO". Polo visto, ós relaxados hailles que dicir que se relaxen.

    ResponderEliminar
  28. Eu teño oído dicir SER UN RELAXO e creo que tamén SER UNHA RELAXADA para unha mala muller, para unha muller que lle vai a vida alegre, como sinónimo de baldreu, bandallo, candonga.

    -Esa é un relaxo de muller, que home cun pouco de sentido vai querer algo con ela?
    -Anda con canto home hai, é un relaxo de muller!!
    -Esa é unha relaxada, é un relaxo!!

    Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  29. Respecto da palabra PINXIR, estiven buscando e encontrei no portugués impingir.

    IMPINGIR, v. tr. dar à força; dar sem vontade de quem recebe; dar con força; obrigar ou constranger alguém a ouvir coisas molestas; vender por preço mais elevado do que o razoável. (do lat. impingere, "lançar, arremessar").

    É posible que estas dúas palabras estean relacionadas, teñen as dúas relación co diñeiro, con pagar ben.

    ResponderEliminar
  30. PINGÓN, persoa que anda sempre a pedir cousas, que pide con insistencia sen cansarse; pidichón.
    -Que aburrido é este rapaz, solo sabe pidir -quero isto, quero aquilo- é coma un pingón.
    -Este rapaz é un pingón, non hai quen o ature, está todo o día a pidir.
    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  31. ESPREITAR: Observar agochado e con cautela procurando non ser visto; asexar, axexar, aseitar, abesullar, agaitar, alucar, atusmar, esculcar, osmar, vixiar.
    Estar á espreita, estar ó axexo.

    O problema desta palabra é que os mapas dialectolóxicos e varios autores dana como palabra restrinxida a dous puntos do sur, na fronteira con Portugal, considérana voz residual que colleu pulo pola literatura. Por noticias que teño eu esta palabra úsase en todo o sur de Pontevedra, en lugares de Ourense e na zona de Noia e na península da Barbanza, é o máis probable é que sexa todo un continuo.

    ResponderEliminar
  32. HISÖPE: pau cun trapo enleado nunha punta que se utilizaba para lavar as tarteiras e as olas manchadas de farrusco.
    PASA-LO HISOPE: limpar mal e a correr.
    -Mandeille limpa-la casa e mira como está todo, esta pasoulle o hisope e pronto.
    -Ti pensas que con pasarlle o hisope xa está non?
    Hisöpe vén de hisopo.
    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  33. GHINCHAR, emitir os cans sons de queixa ou dor.
    -Dendes que está preso o can solo sabe ghinchar todo o día!!

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  34. BOIATO, boi novo que se cría para facer un boi de traballo.
    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  35. PAMENTO: demostración esaxerada dos sentimentos ou as emocións.
    FACE-LO PAMENTO: expresar de forma esaxerada un sentimento ou emoción. Finxir de forma esaxerada un sentimento.
    -Deixa de face-lo pamento que por máis que berreghes non che vai doer menos.
    -Tanto pamento por nada, esta é unha paxareteira.
    -Tanto fixo o pamento cando lle morreu o home e ós dous días xa andaba con outro.

    Esta palabra vén de espavento e este do italiano spavento; con cambio b > m.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  36. Hai palabras que dunhas variedades dialectais a outras só se diferencian porque nunhas zonas a palabra ten un [m] e noutras un [b]. Parece como se en algunhas palabras [m] e [b] se intercambiasen ou houbese vacilación entre estes dous fonémas nalgún período do idioma e en cada dialecto se fosilizase un dos dous alófonos: borno/morno, mandil/bandil, boneco/moneco, amoumado /aboubado, amoumar/aboubar, camallón/caballón/cabañón/ camballón, borrea/murrea, menda/venda, mendar/vendar, tarabela/taramela, bonifate/bonifrate/monifate, abeneiro/ameneiro/amieiro, cotobelo/cotomelo, garamelo/garabelo, bica/mica, barbaña/marmaña, barbañar/marmañar, marmallar/barballar, bochechas/mochechas, bornal/mornal, boucelo/moucelo , esboucelar/esmoucelar, mencía/bencía, carabuña/caramuña/carambuña; cotobelo/cotomelo, bocarte/mocarte, espavento > pamento, perico/mirica?, borralla/morralla?
    Cada palabra parece que ten unha distribución dialectal independente das outras, e incluso na mesma zona diferentes palabras poden presentar solucións contrarias; por exemplo nunha mesma zona pode aparecer: moneco, borno e amoumado; noutras: boneco e morno.
    Parece algo normal e incluso esperable xa que son dúas consoantes moi próximas, pero tamén se podería tratar dun fenómeno de substrato, xa que este fenómeno xa existía nas linguas prerromanas no Noroeste peninsular. Francisco Villar en varias descricións aproximativas das linguas prerromanas do Noroeste da Península afirma que hai palabras, nestas linguas celtas, en que o fonema [m] aparece por [b]. Este fenómeno de nasalización da bilabial e o de desnasalización da bilabial nasal tamén está descrito nas linguas celtas insulares modernas.

    ResponderEliminar
  37. MIRICA ou merica: ouvella.
    Esta forma é posible que estea relacionada con perico ou perica que é un carneiro novo ou unha ouvella nova. Rapariga traste e inqueda que se comporta coma un rapaz.
    -Vai bota-las miricas prá corte.
    -Vaille botar de comer ás miricas.
    -Deixa de saltar por riba de todo, es coma un perico.
    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  38. TRACUÑAR: trucar ou escornar un animal.

    De "Anónima"
    Vilariño (Poio)

    ResponderEliminar
  39. RETUPAR: trucar ou topar un carneiro cos cornos ou coa cabeza.
    Para outros animais con cornos coma as vacas dise escornar.
    Torroso (Mos).

    ResponderEliminar
  40. BICA/MICA: raza de ratos moi pequenos. Cría de rato.
    Esta palabra utilízase en todo o sur de Pontevedra.

    ResponderEliminar
  41. ENCUNICAR: ter a roupa toda apertada nalgún lugar e engurrichada.
    -Tes a roupa toda encunicada nesa bolsa que imos ver quen na plancha.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior), Tui

    ResponderEliminar
  42. ESCOFELLAR: revolverense as galiñas na terra. Rañarse continuamente coas mans ou cotra algunha superficie.

    Torroso (Mos), Arcade(Soutomaior)

    ResponderEliminar
  43. Ola, Xosé Lois:

    Sobre PERICA: en Cotobade emprégase esta forma para as ovellas, aínda que ás veces, coa variante PIRICA, por asimilación, e mesmo, a variante PRICA.

    Seguindo cos animais domésticos, para as cabras existe a forma CABUXA, alomenos en Samieira, aínda que non debe ser raro atopala noutras zonas da provincia.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  44. ASITIO
    Só llo escoitei a meu pai e úsao para referirse a unha especie de 2ª eira que temos na casa pegada á eira normal. A función do lugar é de horta. Está pechada con arame e ten cancela.
    Vilariño (Poio)

    ResponderEliminar
  45. ESTONAR: levantarlle a capa de arriba á terra co legón.

    En Vilariño (Poio)

    ResponderEliminar
  46. SACADA.- parte separada do monte común e dividida entre os veciños, en parcelas con extensión variable, segun o dereito de cada un.

    "A sacada é dos veciños de Fraguas, Vilaboa e Portas Abertas". Exemplo de uso na parroquia de Paizás, concello de Ramirás (Ourense).

    ResponderEliminar
  47. A palabra SACADA debe se-lo mesmo ca TOMADA no sur de Pontevedra, unha parcela do monte comunal que corresponde a cada veciño.

    ResponderEliminar
  48. PRETO, -A (adx.): apertado.

    Úsase na expresión "En calzas pretas": en roupa interior, en situación comprometida.

    -Entráronlle pola porta sen petar e collérona en calzas pretas.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  49. PEROLA: calquera recipiete redondo de metal ou barro, normalmente de tamaño grande, que se utiliza para cociñar; pota.

    -Pon a perola ó lume que imos face-la comida.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  50. PEROLO: recipiente vello e estragado, normalmente de metal. Coche vello que funciona mal.

    -Este coche é un perolo, non anda nin pra atrás!
    -Vai pensando en cambiar de coche porque este é un perolo.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  51. ESPEROLADO, -A: que está deteriorado e en mal estado, estragado; dito de vehículos.

    -Tiña un coche todo esperolado que facía un ruído criminal.
    -O pai andaba cun autobús todo esperolado que parecía que caía ós cachos.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  52. ESTRAMBÓLICO: (alteración de estrambótico) que é estraño ou pouco convencional.

    ResponderEliminar
  53. DEXINERAR: v.i. Perder algo ou alguén as características primitivas do grupo ou especie á que pertence. Tamén desinerar.

    -Este ano hai que cambia-lo millo que xa dexinerou tanto que as espigas non valen pra nada.
    -De tódolos irmáns este é o que máis dexinerou, é o que menos se parece á raza.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  54. CUMPRIDO -A adx. Dito dunnha planta, dun froito, dun feto, que alcanzou o seu desenvolvemento normal, que está completamente formado e que pode ser apañado ou nacer.

    -Apañaron o millo unha semana antes do que pensaban porque xa estaba cumprido.
    -As patacas xa se poden apañar porque están cumpridas.
    -O becerro morreu dalí a unhas horas de nacer porque non estaba cumprido.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  55. BARDEIRO s.m. Morea de palla de millo colocada ordenadamente formando un cono para conservala durante o inverno.
    -A palla do eido só deu para tres bardeiros.
    -Fixeron dous bardeiros de palla na eira.

    Esta palabra está relacionada etimoloxicamente con BARDA, BARDADO, BARDAL, 'cerrado feito con vexetación'.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  56. VOLVER POR v.t. Defender alguén para que non sufra prexuízos. Dar argumentos a favor de alguén.

    -Cando había algún problema co irmán sempre volvía por el, non lle importaba que fixera mal ou ben.
    -Eran todos moi unidos, sempre volvían uns polos outros que non había quen lle dixera nada.
    -Á nai nunca lle dá a razón, sempre volve polo pai.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  57. DAR CONTRA v.t. Collerlle má idea a unha persoa. Terlle xenreira a alguén. Culpar a alguén de todas as cousas más.

    -Dendes que lle rompeu os cristais da casa deu contra o viciño que se o colle mátao.
    -Eu non sei por que foi, pero deu contra o fillo e amárghalle a vida.
    -Deu contra os viciños que non os pode ver diante.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  58. ABANCAR v.t. Apoderarse de todo o posible en beneficio propio. Adiantar máis nun traballo. Adiantarlle a outro nun traballo.

    -Cando partiron, non había nada que lle chegara, quería abancar todo, o del e o dos irmáns.
    -Nunca se conforma, sempre quere abancar máis cós demais.
    -Sempre vai diante, sempre abanca máis cá xente.

    Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  59. DESBANCAR v.t. Desfacer un monte de terra. Quitar terra de zonas altas para face-lo terreo máis chan.

    -Este valado desbanqueino eu todo de diante atrás.
    -Desbancaron aquel piricoto para face-la casa.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  60. ALARBIO adx. Persoa á que lle gusta moito a comida. Persoa insaciable que non para de comer. Ambicioso. En galego normativo, alarbe.

    -Garda o chocolate que como veña o alarbio de teu fillo non deixa nada.
    -Non pode haber nada na casa, porque con alarbios coma vós...
    -Non hai que ghañe pra mantervos, sodes uns alarbios.

    Torroso (Mos), Arcade (Soutomaior)

    ResponderEliminar
  61. ALDRABÓN adx. Persoa esaxeradamente ambiciosa que emprega malas artes para consegui-lo que quere.

    -Ese aldrabón andábame a arrinca-los marcos pra irme enriba do meu.
    -Ese aldrabón anda a facerlle a rosco pra quedarlle co capital.

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  62. ESCARONDO -A adx. Dise da herba seca, da palla, do pan e incluso da roupa cando está moi seca e áspera por estar moito tempo ó sol ou ó calor. Cando o pan e a herba seca están escarondos estralan, triscan, parten con facilidade. O pan esmigállase todo. O contrario de escarondo é dondo. Pódese dicir que a roupa está donda cando está suave, branda; igual có pan e outras cousas.

    ResponderEliminar
  63. GHULICHAR OU AGHULICHAR: Beber sen ghanas.
    MOUMEAR: Andar con sono na zona de Moaña.
    MAGHOTE: Dío miña nai, de Valiñas (Barro), e refírese a un biscoito que non está ben cocido por dentro.

    ResponderEliminar
  64. LEIBUA s.f. masa de terra compacta e maciza que levanta o arado ó labrar, terrón. Os dicionarios galegos recollen a forma leiba (do latín gleba).

    Torroso (Mos)

    ResponderEliminar
  65. Tutelo: Cana estreita e delgada, oca por dentro.
    ex: Colleu un tutelo para soprar no tobo do grilo.

    (Zona de Barro)

    ResponderEliminar
  66. Ghabexo: (Non sei se con b ou v). É un tonel onde se gharda o viño na zona de Barro.

    ResponderEliminar
  67. En Torroso tamén se di ghabexo e tamén llo teño oído a máis xente doutros sitios, parece que non é tan reducida a zona...

    MOITAS GRAZAS POR COLABORAR

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se