Avançar para o conteúdo principal

AS GALIÑAS NEGRAS

Os animais negros

A etnografía sempre foi unha das miñas grandes paixóns: as crenzas populares, a mitoloxía, os tabús, as supersticións... Paréceme interesantísimo saber que hai detrás delas, a que responden, as orixes, se son compartidas con outros pobos, en fin, un mundo apaixonante.
Pois ben, unha cousa que me intriga bastante é o simbolismo que teñen os animais negros na cultura popular galega. A pesar de que a cor negra se relaciona coa morte, co loito e co mal (co escuro e as tebras), non é infrecuente que os animais desa cor gocen dunha boa consideración na cultura popular. Dende pequeno sempre lle oía dicir aos vellos que ter un animal negro na casa era boa cousa. Podía ser un gato negro, un can negro, unha galiña negra, unha vaca negra etc. Tíñanse por unha especie de protectores da casa, que gardaban a casa de influxos externos nocivos. E dos animais negros, as galiñas tiñan unha especial consideración, posto que mesmo se podían utilizar nunha sorte de “rituais” para esconxurar a má sorte.
Lémbrome dunha vez cando era pequeno que unha veciña me contou que cando acabaron de facer a casa, foi vivir para ela coa familia sen reparar no día nin preocuparse por cousa ningunha, simplemente se instalaron na casa nova. Foi a nai a que se decatou de que fora nun martes 13 e a advertiu das consecuencias nefastas que isto traería tanto para a casa como para a familia. Xa se sabe que “en martes, nin te cases nin te embarques”, non era un día propicio para emprender ningunha empresa nova. Entón a nai ordenou que había que solucionar o tema dalgunha maneira. A maneira era matar unha galiña negra e comérena entre todos na casa que acababan de estrear, para esconxurar unha eventual má sorte que podería caír sobre a casa e sobre a familia. E foi así como, con este xantar de galiña negra, solucionaron o problema.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se