Avançar para o conteúdo principal

PECADOS DA PALABRA

No galego estamos todos moi preocupados por normalizar aquelas palabra máis bonitas, máis enxebres, pero teño a sensación de que hai outras palabras que fican aí nun limbo prexudicial para a súa conservación, posto que cando hai algunha dúbida sobre o uso ou a idoneidade dunha expresión ou termo, sempre acaba impóndose a castelá. E xa non digo nada das "palabras feas", dos insultos e dos xuramentos, ata iso se perde.
Lémbrome de cando era pequeno que a todas estas "palabras feas" lle chamabamos "pecados", se alguén se cagaba en algo ou alguén, se lanzaba algún exabrupto enseguida había alguén que dicía: "ah, dixeches un pecado" ou un adulto que te reprendía por dicir "pecados". Sen dúbida, non é máis ca unha mostra da omnipresente cultura católica. Hoxe en día ese "dicir pecados" soa tan inxenuo, tan infantil que moita xente opta polo castelán "taco", "dicir tacos", "palabrota", "dicir palabrotas", é máis neutro, máis fino, onde vai parar. Supoño que é unha mostra máis da pouca capacidade que ten o galego dos máis novos de crear novas palabras, de reinventarse e sobre todo de beber das súas propias fontes, o recurso máis fácil sempre é botar man do castelanismo, do castelán que nos bombardea 24 horas na televisión, con series xuvenís de moda, na escola e cada vez máis nos patios escolares e nas rúas.
Esa incapacidade ou mesmo medo de rescatar as nosas palabras tamén me acontece a min e a moitas outras persoas que tivemos e temos o galego como lingua inicial e como lingua única de expresión diaria. Ás veces temos medo de non ser entendidos ou ben entendidos cando usamos palabras tan nosas, tan da casa, que poden ter unha carga semántica que non sempre sabemos se o descoñecido vai percibir.
Para traducir o "taco" ou "palabrota" casteláns non se me ocorre unha palabra equivalente que non sexa o pacato "pecado", ás veces boto man do lusismo "palabróns", por que non!? O "palavrão" portugués ten a mesma carga semántica e idéntico significado. En portugués hai outras palabras moi utilizadas como sinónimos de palavrão. En Portugal utilízase moito asneira e no Brasil besteira, que para o caso vén sendo o mesmo. Esta forma brasileira é moi parecida á italiana bestemmia e bestemmiare. Unhas formas que me fan lembrar de bastada, propia dunha persoa basta, que non ten nada que ver etimoloxicamente, pero o significado aproxímase.
Pero en galego ten que haber outras posibilidades, claro que si, non sei se a equivalencia será exacta, pero haber hai. 
No Dicionario da Real Academia Galega e no seu Dicionario Castelán-Galego propoñen "bocalada", a min, se son sincero, non me di nada. Tamén nos ofrece os sinónimos palabra groseiragrosería e blasfemia, que xa me parece que están noutro nivel de lingua, un pouco máis coidado.
Hai outras formas de dicir que unha persoa fala mal como por exemplo xurar, botar xuramentos, praguear ou praguexar, botar pragas, bota-las sete pragas, bota-las pragas do inferno, baixa-los santos, baixar tódolos santos en fila (india), cagarse en algo ou alguén (tamén cagamento), pero aquí xa estamos falando de palabras maiores, como dicía un veciño meu: "Esas son palabras esdrúxulas". Estas expresións son para referirse a un nivel avanzado en maleducación verbal.
Despois desta pequena reflexión, non me queda outra que admitir que non coñezo ningunha palabra equivalente ao cen por cento (cousa difícil na tradución de linguas, todo hai que dicilo). Polo tanto, seguirei investigando e aceptanse propostas!

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se