Avançar para o conteúdo principal

AFINAL ERAN BACANAIS!

Unha vez falando coa que teño por miña avoa, contoume un deses relatos, case secretos, que non pode saber a xente decente con temor de Deus. Por este mesmo motivo, porque unha muller honrada, de misa diaria, non podía saber desas cousas, o relato foi entrecortado, sen entrar en detalles precisos e moito menos sen grandes descricións. Esa historia truculenta que me contou foi a dos bochicos. Un bochico, bachical ou bachicage era unha reunión nocturna de xente relacionada coas artes ocultas, coa bruxería, o espiritismo etc. que se facían daquela, nos tempos de antes, dos que ela oía falar cando era rapariga e, sobre todo, dos que lle falaba a súa avoa. Polo que me dixo, esas reunións foron perseguidas e prohibidas polos excesos que se cometían nelas. Parece ser que se xuntaba xente "de pouca reputación" nunha carballeira ou nun lugar de monte apartado das casas e a través de ritos máxicos, de alcol e outras substancias psicótropas os participantes entraban nun estado que poderiamos cualificar como de transo e a partir daí levábanse a cabo actos de carácter iniciático, rituais e mesmo se chegaban a producir abusos sexuais. Segundo me contou a miña avoa, as persoas que organizaban estas reunións convidaban ou levaban mozos e mozas para participaren nestes ritos que non sempre acababan ben. Polo visto, algunha vez morreu xente nestas reunións, a miña avoa díxome que se recordaba dunha vez que aparecera morta unha mozota e os veciños dicían que fora nun destes bochicos, seica lle fixeran comer borralla e lle deran outras substancias e que morrera.
Por extensión, un bochico, un bachical ou bachicage tamén é unha situación de desmando, de excesos e confusión. E  non só iso, tamén lle chamaban así a un remedio para abortar.
Cando oín esta historia, realmente quedei pasmado e abraiado, nunca pensei que na miña aldea puidesen pasar desas cousas, parecía unha novela negra ou un filme de terror.
O caso é que, supoño que por deformación profesional, apuntei aquelas palabras (bochico, bachical, bachicage) e tentei buscarlle unha explicación, unha filiación, aquelas palabras tiñan que contar algo máis daquela sintética historia, que apenas eran unhas pinceladas.
Pois ben, por casualidades que pasan, lendo un texto en francés, encontrei a palabra bachique 'relativo a Baco, ás orxías das bacantes, ás bacanais' e vin a luz, as miñas neuronas fixeron conexión inmediata.
Efectivamente, os poucos detalles que me chegaron deses bochicos, parece que eran unha especie de bacanais, ritos pagáns onde había alcol (posiblemente viño, e non só) para chegar ao estado de transo.
E o máis interesante dun punto de vista lingüístico é que esas palabras: bochico, bachical, bachicage, pódense explicar polo francés bachique ou mesmo polo latín medieval Bacchicus que é de onde procede bachique. Nada impide que sexa un galicismo, pero tampouco vexo ningún impedimento para que proceda en galego directamente do latín eclesiástico medieval, dunha lectura de bacchicus como [batʃiko] ou algo semellante. A partir de *bachico non é difícil chegar a bochico se pensamos nunha labialización da vogal pretónica e elevación de [a] para [o] e de [o] para [u]: *bachico ➜ bochico ➜ buchico, variantes da palabra que eu mesmo recollín, menos *bachico que podemos supoñer a partir dos derivados bachical e bachicage. No galego popular non son infrecuentes estas vacilacións do vocalismo átono, temos un caso ben común como terreiro ➜ torreiro ➜ turreiro, e moitos máis como atafegar ➜ atofagar etc.
Non me deixan de admirar as posibilidades que ten o estudo da lingua e cantas historias nos poden contar as palabras. As palabras non simplemente significan ou denotan unha realidade, senón que teñen unha historia que se podemos desvendar enriquecerá moitos aspectos da nosa cultura e da nosa lingua.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se