Avançar para o conteúdo principal

ISTO É GALEGO VIVO!!


É unha marabilla oír falar a xente así de ben, con esa expresividade e esa riqueza lingüística, nese galego tan bonito, neste caso o contraste aínda o fai máis evidente. Cando vin este vídeo á parte de encantarme o ben que falan estes veciños de Morás (Arteixo), tamén me chamaron a atención unhas palabras que nunca oíra, e se fixen este post é precisamente por iso, para chamar a atención sobre elas. Só transcribo o que fala unha veciña, a da viseira, porque é a que di as palabras que me interesa comentar.






«Eu x'ò vin cos pantalóns todos embaixo de todo... qu'el asta... coidadiño trae uns calzoncillos lindísimos... pero 'taba coma cando su madro lo parió, per'eu como había así aghamarzò e monte ó lado e había árbores, pillei un pòlôn, así dunha póla, e púxena no carretillo, qu'eu se vén ó alto del e me bota a man, eu doulle onde lle caíran...»

«E vas sola e se cadra bótache a man... e... non digho nada...»

«El moi ma... moi moi maior non se fai, el é i-alto, así ben escanaveirado... pero... moi maior, moi maior non é... el sobre corenta e cinco... cincuenta e-anos»



Das tres palabras que destaco na transcrición ‒aghamarzò, pòlôn e escanaveirado‒ a que se me fai máis descoñecida e se cadra inaccesible é aghamarzò, as outras creo que se entenden ben, sobre todo polón, xa que o explica a señora.

Ao buscar agamarzó en varios dicionarios, encontrei outras palabras moi próximas tanto na forma coma no sentido que parece ter a palabra neste contexto.
Por unha parte, temos no Dicionario de dicionarios gamarzón como 'noiro' e gamarzoa como o conxunto de gabia e valado que divide un terreo ou monte doutro.
No Dicionário Estraviz aparecen recollidos gamarçom como "Corte ou declive mais ou menos vertical entre duas terras de nível desigual", e gamarçoa como "Nome que recebe o conjunto formado polo valado e a gávia ou fosso, que se forma ao fazê-lo, para dividir um terreno ou monte de outro de proprietário diferente".
Sen dúbida a proximidade entre agamarzó e gamarzoa é moita. Para chegar de gamarzoa a agamarzó só temos que pensar nun a- protético e na asimilación das vogais en hiato final -oa e posterior crase. Este fenómeno é a evolución esperable no suroeste do territorio galego, polo menos ata a ría da Arousa e no sur de Ourense, do sufixo diminutivo latino -ŏla ➜ -oa ➜ ó [ɔ], abundante na toponimia e mesmo no vocabulario común: mó (de MŎLA), filló ou fillós (de FOLIŎLA), Pereiró (de PIRARIŎLA). Esta é a evolución normal no portugués. Apesar de que Morás (Arteixo) nos queda un pouco lonxe desta zona, debido ás testemuñas recollidas tanto no DdD coma no D. Estraviz, temos que pensar que se produciu este fenómeno na evolución desta palabra, aínda que non sabemos cal é a orixe e tampouco se procede dun diminutivo -ŏla.
Esta parece a explicación máis sensata para explicar o significado de agamarzó, posto que hai rexistros anteriores cos que a podemos relacionar e tamén polo contexto, xa que encaixa no que relata a señora.

Mesmos así podemos buscar outras relacións máis arriscadas, se cadra un pouco difíciles de xustificar.
Seguindo a Edelmiro Bascuas (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, Anexo 51), este autor relaciona unha boa cantidade de palabras galegas con hidrónimos que fai derivar dunha serie de raíces paleoeuropeas.
Paréceme moi interesante para este tema a relación que establece entre a raíz hidronímica paleoeuropea *er 'moverse', con alongamento en -gh para formar o tema *argh (§ 7 - p. 87), (cun valor de maleza, planta daniña, broza) e unha serie de palabras galegas que comezan por arg- como argana, argueiro, argazo, argoma... e sobre todo o trasmontano argavaços 'pedazos de leña miúda para acender o lume', para explicar agamarzó. Se pensamos nun hipotético *argamazó, con metátese ou desprazamento  de erre, xa non sería tan imposible. Temos formas moi próximas como argoma 'toxo arnal' ou o rexionalismo portugués argomas "ramagem miúda que se tira das árvores quando se limpam" (ver a entrada árgoma en Fitotoponimia galega de Gonzalo Navaza), moi próximas semanticamente se entendemos que o que había "ó lado" non era unha gabia, senón ramallada de árbores de onde a señora colleu o polón. Como teoría é atractiva, o caso é que as dificultades son maiores ca na primeira hipótese.

Respecto de polón [pɔ'ǀoŋ] tanto no Dicionario de dicionarios coma no Estraviz definen esta palabra como póla grande e grosa, pero polo que di a señora do vídeo é un anaco de póla, un pau.  Parece un diminutivo de póla coa terminación -ón máis ca un aumentativo. Na toponimia quedan vestixios deste uso, sobre todo na hidronimia: de Avia temos Avión, de Deza Dozón (antigo Deçon), a cabeceira do río ten o nome do río co diminutivo en -ón (ver Gonzalo Navaza).

Sobre escanaveirado [eskanaβej'ɾaðʊ] tamén encontrei referencias no Dicionario de dicionarios e no Estraviz. No DdD di que escanaveirar ou escanabeirar é criar talo longo unha planta, o Estraviz recolle escanaveirar co mesmo significado e a tal palabra escanaveirado definida como «alto, delgado, falto de graça e donaire»

Comentários

  1. E qué faríamos nós? Sen as mulleres estas. As nosas " gobernichas", as que nos explican o país día a día!!

    ResponderEliminar
  2. Non di "calzoncillos lindísimos" di "limpísimos'

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois eu por máis que escoito non entendo outra cousa que "lindísimos", non che sei, así e todo, grazas polo teu comentario.

      Eliminar
  3. Gustoume moito este blogue e a recollida e estudo da nos lingua pois penso q perdemos día a día riqueza linguística.
    Aplausos para estas mulleres e para o blogue.

    ResponderEliminar
  4. Olá. Uma hipótese para o significado de "aghamarçó", por se for do seu interese, e relacionado com a sua segunda proposta.

    Em galego-português temos a palavra "agomar", com o significado de "botar gomos, germinar" e "rebentar as árvores e plantas" (dicionário Estraviz). No mesmo dicionário define-se "gomo" como "rebento dos vegetais que se transformam em ramo ou flor".

    Se for este o caso, a palavra seria formada de "agomar", com o sentido talvez mais genérico de restos vegetais e o aumentativo "çom", sem o eme final.

    Seria uma palavra formada pelos seguintes processos linguisticos:
    Prefixo "a" engadido a "gomo" para fazer dele um verbo e sufixo "çom" para fazer de "agomar" um substantivo (como em nomeaçom para nomear e um imenso et cetera) com uma pequena mudança na vogal que levaria "agomarçom" a "agamarçom" (processo bastante como resultado da istabilidade linguistica que durante séculos teve o galego) e perdida do eme final.

    Cumprimentos e parabéns pelo blogue.

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

O TEMPO

En galego para falar do tempo, tanto o cronolóxico coma o atmosférico, hai unha serie de expresións propias e diferentes dos idiomas veciños. Para falar do tempo cronolóxico empréganse tres verbos: HABER, FACER e IR, que moita xente confunde, supoño que por interferencia do castelán. O verbo HABER utilízase para falar dun tempo sen un principio nin un final determinado, sen unha referencia temporal expresa. Cando dicimos hai unha semana , hai un mes , enténdese que dende o momento en que falamos para atrás hai unha semana ou un mes, pero non se marca con precisión o comezo exacto. O verbo FACER utilízase acompañado dun adverbio temporal, que pode estar omitido, para indica-lo momento exacto a partir do cal contamo-lo tempo que queremos expresar: hoxe fai dúas semanas que marchou que é diferente de hai dúas semanas que marchou , onde se expresa unha temporalidade aproximada. Con este mesmo significado e uso o verbo FACER emprégase para os aniversarios, en galego os anos fanse non se