Avançar para o conteúdo principal

OS DÍAS DA SEMANA

Xa que me afeccionei ao TMILG e ao Corpus Xelmírez gustaríame compartir algunhas conclusións ás que cheguei. Sempre hai temas polémicos con isto da normalización lingüística do galego, e a denominación dos días da semana é un dos temas controvertidos. Aínda que os nomes baseados no sistema de feiras están admitidos é son normativos o seu uso na lingua oficial é escaso por non dicir nulo, dáselle prevalencia ao sistema baseado nas formas latinas.
A polémica radica en que por unha parte as correntes reintegracionistas próximas ao portugués defenden que a única forma galega é a baseada no sistema de feiras igual có portugués e que a baseada no sistema latino é un calco do castelán. A versión "oficialista", digamos, aposta polas denominacións pagás porque son as máis utilizadas, aínda que admiten a masiva castelanización do sistema, sobre todo miércoles, jueves e viernes. Do sistema de feiras aducen que só se recordan algunhas formas como corta/cuarta feira e quinta feira, máis ca que se utilicen realmente, e que é un sitema fragmentario.

Coma en todos os enfrontamentos ningunha das dúas partes ten a verdade absoluta e neste caso non ía ser menos.


Os nomes dos días da semana de orixe latina son perfectamente galegos, creados polo galego e anteriores ao sistema de feiras que é medieval. As outras linguas romances teñen o mesmo sistema derivado do latín:

Latín: dies Lunae, dies Martis, dies Mercurii, dies Iovis, dies Veneris, Sabbatum, Domenica
Galego:
luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo
Castelán:
lunes, martes, miércoles, jueves, viernes, sábado, domingo
Catalán:
dilluns, dimarts, dimecres, dijous, divendres, dissabte, diumange
Francés:
lundi, mardi, mecredi, jeudi, vendredi, samedi, dimanche
Italiano:
lunedì, martedì, mercoledì, giovedì, venerdì, sabato, domenica
(Os nomes latinos para sábado e domingo son da época cristiá, os clásicos son dies Solis para o domingo e dies Saturni para o sábado).

E se todas as linguas romances teñen un sistema derivado do latín por que en galego e portugués xurdiu un sistema diferente? Pois ben, sonvos cousas da Igrexa e do cristianismo. Durante a Alta Idade Media houbo varias iniciativas para substituír os nome derivados de deuses pagáns latinos por outros máis "píos", pero esta iniciativa só triunfou no antigo reino suevo de Galicia. Grazas a Martiño de Dumio, un relixioso que viviu na Gallaecia sueva do século VI, que se empeñou en erradicar os nomes dos días da semana pagáns e substituílos por outros máis adecuados á fe cristiá. Creouse daquela o sistema baseado en feiras que hoxe se mantén en portugués e en algunhas zonas de Galicia.

Partindo de que o domingo se considera o primeiro día da semana, comeza a contar na segunda feira, depois terça feira, quarta feira, quinta feira e sexta feira.

En teoría este debería ser o sistema para denominar os días da semana tamén en galego, xa que na actualidade aínda se manteñen ou recordan algunhas formas, sobre todo corta, carta ou cuarta feira e quinta feira. Partindo deste sistema "fragmentario" é lóxico pensar que noutrora houbese un sistema completo baseado nas feiras en galego. Pero se consultamos documentación antiga non verificamos esta hipótese, todo o contrario, comprobamos que xa na Idade Media se usaba un sistema mixto, máis ca fragmentario, practicamente igual ao que aínda recordan moitos galegos que utilizaban seus pais e avós. No documentario Os dias da semana em galego? Quarta feira logo vem, feito pola Gentalha do Pichel, e no da Mesa pola Normalización da Lingua Recuperemos as nosas formas tradicionais de denominación dos días (os dous en Youtube) vese perfectamente como os informantes din ou recordan que se dicían os días da semana: luns, martes, corta/carta/cuarta feira, quinta feira, sexta feira/viernes. Este é o mesmo sistema mixto que aparece nos documentos medievais que se poden consultar no TMILG e no Corpus Xelmírez. E encaixa perfectamente coa análise que fan sobre este tema os entrevistadores do ALGa: 

"O material do ALGa presentaba un sistema de denominacións pagás para os días da semana de luns a venres, con castelanismos xeneralizados como miércoles, jueves, viernes e conservación nalgunha falas orientais dos termos galegos mércores, xoves e venres" (F. Fernández Rei (2008) "O ALGa e o Arquivo do Galego Oral, a imaxe do galego".
Continúa dicindo que para luns se recollen formas patrimoniais coas variantes occidental luns, central lus e oriental luis. Martes xa é igual ca en castelán, pero para os nomes latinos de mércores, xoves e venres rexístrase de forma xeneralizada as formas en castelán, aínda que hai algún exemplo illado de mércoles e vernes, que poderían ser autóctonas (como demostran os testemuños medievais). O caso é que o nome dos días baseado no sitema de feiras se perdeu a favor do castelán, por iso miércoles, jueves e viernes se xeneralizaron por todo o territorio, mentres que luns e as variantes se manteñen apesar de que lunes tamén está presente por todo o territorio. Parece que as formas  máis diferenciais se foron abandonando a favor das castelás, mentres que as menos diferentes se mantiveron a pesar da introdución das castelás.

Como dicía máis arriba, o sistema que se ve nos documentos antigos é mixto. Aparecen exemplos de lunes (22); lũes, lues (72); luis (1); luys (4); lũus, luus (34); lus, lũs (5); luns (8)... pero só un de segunda feira (e nin sequera é de Galicia). Aparecen 77 exemplos para martes (TMILG), e só 2 para terça feira; acontece o contrario con mércores, saen tres casos de mercoles e un de mercolles, para quarta feira 43, 19 de quarta feyra, 2 de corta feira e outros 2 de carta feira, 1 de iiij feyra, 2 de quarta feria, 1 de IIIIa feria... e seguro que aínda hai algunha variante gráfica máis. Para venres pasa o mesmo que coas dúas anteriores: hai 16 de vernes e uernes (ningún de venres) e 27 de sesta feira, 12 de sesta feyra, 2 de sexta feira, 1 de sexta feyra,1 de sesta feria, 2 de sexta feria. Os números para sexta feira non parecen tan altos coma nas anteriores, pero hai que contar con que das 51 ocorrencias da locución "esta feira" e 19 de "esta feyra" (coas súas variantes) moitas son en realidade "sesta feira" polo sentido da frase e porque esta locución aparece ensambladas na fórmula típica para a data: "dia (de) esta feira XXVII dias d' octubre anno do nasçemento..." ou "En esta feira XVII dias do mes de julio", hai exemplos tan evidentes (...esta carta, feita en Viueiro, dia esta feira, XVII dias d' octubre...) que penso que non hai dúbida.


Outra evidencia de que na Idade Media funcionaba un sistema mixto son os casos en que aparecen mencionados varios días da semana combinando formas dos dous sistemas, o pagán e o cristián: "qual celebramos enna nosa iglesia luis et martes et corta feira primeiros da mes de...", "capela de Sancta Catalina os ditos dias martes e sesta feyra e sábado...".


Polo visto nos documentos do TMILG e do Corpus Xelmírez, o paradigma dos días da semana que se utilizaba nos escritos da Idade Media en Galicia parece que era: 

lũes, martes, quarta feira, quinta feira, sesta feira, sabado e domingo.

Para rematar este "post", dúas coplas populares que saen nos dous vídeos que menciono arriba da Gentalha do Pichel e da Mesa:


Hoxe é luns, mañán é martes,

corta feira logo vén,
de mañán en oito días
é a semana que vén.

Hoxe é luns e mañán martes,

corta feira logo vén,
domingo tárdame un ano
para ver a quen quero ben.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C