Avançar para o conteúdo principal

O 'CONGO' COMPOSTELÁN

Xa hai tempo que levo oíndo que o barrio de Conxo de Santiago en realidade se debería chamar Congo (coma o africano), que é un destes casos de reintrerpretación da gheada e que de Congo pasou a Congho e de Congho se reintrerpretou ou regaleguizou como Conxo. Xa é case coma unha lenda urbana. A orixe que se lle dá a este topónimo para facelo chegar a Congo é CANONICUM que en galego deu cóengo e coongo. Pero xa nos textos antigos en latín que fan referencia a este lugar a forma que ten o topónimo é CANOGIUM e CANOGIO, que como é esperable dá Coonjo ou Conjo /konʒo/ e este evolúe a Conxo /konʃo/.

Se partimos dun Conjo (/konxo/) con pronuncia castelá, isto é, que o iota se pronuncie como unha fricativa velar xorda /x/, ata parece razoable e todo. Pero non é de aí de onde partimos, esa si que é a pronuncia expuria, partimos de Coonjo /konʒo/, dunha fricativa prepalatal sonora. E sobre isto non hai dúbida ningunha se vemos os textos antigos, os exemplos que aparecen son claros.
Tanto no TMILG coma no Corpus Xelmírez aparecen nos textos en romance estes exemplos que son ben claros, sempre foi Coonjo, con sibilante fricativa prepalatal sonora que evoluíu a Conxo como era de esperar en galego.

1334 Item mando a Sam Christouoo [C soldos] Item mando a Santa Maria de Coonio C mor.
1380 It. mando que vaan a sta. maria dallon et tragan de mina avoa maria fernades et que a enterren eno moesteiro de santa maria de coonjo
1417 ... et morava enno moesteiro de Santa Maria de Coonjo
1422 Item mando aos moesteiros de san Payo e san Martino e san Pedro e santa Maria de Coonjôô
1442 Item mando aos moesteiros de san Payo e de san Martino e de san Pedro e de santa Maria de Coonjo
1460 ... mosteyro de Santa Maria de CoonJo

Non aparece ningún caso que faga pensar que este lugar se chamou nalgún momento *Congo. Polo tanto Conxo é a forma patrimonial esperable dos exemplos anteriores. 

Sobre a lectura dos textos medievais, onde sempre aparece con iota, como ten que ser, é imposible unha lectura diferente a /ʒ/ ou incluso en textos máis tardíos /ʃ/, a fricativa prepalatal xorda do galego moderno, o noso xe. Unha pronuncia do iota coma o do castelán, unha fricativa velar xorda, o jota moderno do castelán, é imposible nos textos máis antigos porque nin en castelán existía este fonema. A aparición dese fonema en castelán dátase no século XVI e non se consolida ata o XVII polo menos. A pronuncia en castelán antigo desta grafía era igual cá do galego, unha fricativa prepalatal sonora, igual cá do portugués de janeiro ou gente, do francés janvier, gens; do catalán janer, etc. que evoluíu coma en galego a unha fricativa prepalatal xorda, coma no galego moderno, e posteriormente a fricativa velar xorda, como é hoxe en día. 
Polo tanto Coonjo dicíase /konʒo/ en calquera das dúas linguas en que poida aparecer escrito nos documentos antigos.

Comentários

  1. Teño oído que pasa o mesmo co monte Xaxán, o río Verdugo ( que tiña que ser Verduxo ) e o monte Xalo na Coruña.
    Interferencias de linguas e trapalladas que se fixeron e fan.

    ResponderEliminar
  2. Moitas equivocacións proveñen de que na Idade Media moitas veces usaban o "g" tamén para representar o son /ʒ/. Descoñezo se foi o caso de Conxo, pero aínda así, sen dúbida, non indicaría en absoluto que se tivese pronunciado /congo/.

    ResponderEliminar
  3. É certo que ás veces é difícil saber cal era a orixe e a pronuncia dun topónimo a partir dos textos medievais, xa que non hai unha correlación directa entre fonema e grafema. Sobre este tema é moi interesante o traballo de Ana Isabel Boullón "A gheada na onomástica (achegas á estandarización)"
    http://www.usc.es/revistas/index.php/elg/article/viewFile/408/405

    ResponderEliminar

Enviar um comentário

Mensagens populares deste blogue

EXPRESIÓNS E PALABRAS DA TERRA CHÁ

Algaruxo s.m.  Partícula pequena de algo que se mete nos ollos ou cae nun líquido; lixo, argueiro. Anasarse v.pr. Anicarse as galiñas. Arrincachantas subs . Parvo Baño s.m. Maseiro grande. Calquizo s.m. Musgo Cambeleira s.f. Buraco que se deixa na corte para que a vaca saque a cabeza e coma. Cancelo s.m. ( Anguis fragilis ) Aliscrán, liscrán, esc áncer. Catramulo  subs . Persoa a quen non lle gusta relacionarse coa xente e que é difícil de tratar. Cochorizo adx . O sco, desconfiado, que non lle gusta estar coa xente. Copeto s.m. Maseiro pequeno para cans e gatos. Escallar v. Escaravellar no chan as galiñas. Estoupapoceiras subs . Parvo. Gazpeto s.m . Cañoto que queda no c han e sobresae uns centímetros despois de cortar u nha árbore nova ou un arb usto.   Infre adx . Aplícase á terr a que non é boa para o cultivo por ser pobre en nut rientes, estar sempre asolagada, et c... Tamén se pode dicir de aldeas ou lugares que son pobres .   L esar v.t. C