06/05/15

LOIS OU LUÍS

A onomástica galega dá como sinónimos os nomes Lois e Luís, di que son variantes do mesmo nome tal como Roi e Rui ou que polo menos se consideran variantes, aínda que non é seguro, debido a que a orixe de Lois non está de todo clara, sobre todo pola distinta acentuación. Non hai unha explicación clara para xustificar estas dúas variantes.

A orixe de Luís está clara, non é ningunha novidade que vén do francés Louis. O cambio de Louis a Luís é mínimo, só muda a grafía. Aínda que en francés moderno non se pronuncia o ese final, Louis dise /lwi/. 

Como dicía, a orixe de Louis é coñecida, pódese encontrar en calquera libro ou dicionario de nomes ou en infinidade de páxinas de internet que falan deste tema. Así e todo ímola recordar. O nome francés Louis vén do nome xermánico Hlúthawig (algunhas fontes afinan máis e din que vén do nome franco Hlodowig ou Hlodwig). Este nome está formado por dúas palabras ou formantes de nomes do xermánico antigo: "Hlod" que significa 'fama', 'gloria' e "wig" que significa 'batalla'. O significado vén sendo algo así como 'batalla gloriosa' ou 'glorioso na batalla'. Esta é a orixe directa dos nomes alemán Ludwig, neerlandés Lodewijk, sueco, noruegués e danés Ludvig, inglés Lewis...

O nome Hlodwig ou Hlodowig foi latinizado como Clodovicus e Clodoveo, entre outra variantes. Esta forma é a orixe do nome vasco Koldobika (hipocorístico Koldo), Koldobike, Koldobiñe. A partir da variante Lodwig/Ludwig, que aparece no século IX coa simplificación do grupo hl- en l-, créase a forma latinizada Lodovicus e Ludovicus, de onde procede a forma francesa Looïs e despois Louis, que deu orixe ás variantes deste nome na maioría das linguas: gal. Luís, port. Luís, esp. Luis, cat. Lluís, ital. Luigi, ingl. Louis, bret. Loeiz.


Ata aquí todo parece claro, non hai moita controversia ao respecto. O caso é encaixar a forma Lois nas variantes a partir de Louis. Primeiro polo carácter da primeira vogal, en francés hai un /u/ e en galego hai un /o/, e despois pola vogal tónica, no francés e na maioría das linguas que adoptaron este nome a vogal tónica é /í/ e en galego é /ó/. Hai teorías que xustifican estas diverxencias asegurando que son nomes diferentes, que Lois procede do francés Eloi (Eligius).


Tamén se podería buscar a orixe de Lois na forma do occitano medieval Aloys, tendo en conta a intensa relación cultural entre Galicia e Occitania na Idade Media. Este nome foi latinizado en Aloysius e a partir del creouse outra rama deste prolífico nome. Italiano: Aloìsio (apelido Aloìsi), Aloise (hipocorístico Loise), Alvise, Alvisio, Aligi, Elvisio... alemán: Aloysius, Alois; neerlandés Aloysius; croata: Alojz, Alojzije; checo: Alois; húngaro: Alajos, Lajos...


Realmente se consultamos as fontes antigas faise evidente que Lois é Louis dende ben antigo, non hai dúbida ningunha. Na tradición medieval galega aos reis de Francia chámaselles Loys de França, emperador Loys de França, Loys emperador de Roma, Loys Baluo rrey de França... Estas son as denominacións que aparecen na tradución das Crónica geral e Crónica de Castela. Se consultamos o TMILG vemos que Loys e Lois para referirse aos reis de Francia xa aparecen no século XIII mentres que Luis e Luys non aparecen ata o XV, e para referirse a un cidadán común. Disto pódese entender que non era un nome popular na época, era un nome estranxeiro, de reis estranxeiros. A primeira entrada que aparece no TMILG en que se refire a un cidadán común é do 1423, un tal Loys Gonçalues. No Corpus Xelmírez aparece unha entrada anterior de 1379, onde se fala dun notario que se chama Loys Fernandez, nun texto de San Clodio do Ribeiro en castelán. Un anos despois, no 1380, tamén no Corpus Xelmírez, aparece o primeiro rexistro de Luís tamén nun texto en castelán, un tal Luis Fernandez. 

Pero o nome de Loys para referirse aos reis de Francia xa aparece con esta mesma grafía nas crónicas castelás anteriores e moito antes nas francesas.
No século XII aparece no cantar de xesta Li coronemenz Looïs (A coroación do rei Looïs) o nome coas formas Looys, Loys, Looïs, Loeys, e nas Chroniques de Saint-Denis recompiladas en Recueil des historiens des gaules et de la France aparecen constantemente as formas Looys e Loys para referirse aos reis franceses, a mesma forma que pasou aos textos casteláns e galegos.
Polo tanto o que cabe concluír é que o nome Lois galego é unha forma máis antiga ca Louis. Looys evoluíu no francés a Louis, posiblemente entre os séculos XII e XIII, no gran cambio fonético que se produciu no francés, sobre todo nas vogais e nos ditongos.

Dende logo a forma Lois arraigou en Galicia e converteuse nun nome común na época e acabou converténdose en apelido que perdura ata hoxe.

Como xa dixen arriba, o primeiro rexistro de Loys/Lois utilizado como nome dun cidadán común no Corpus Xelmírez é do século XIV, 1379. O primeiro rexistro que hai neste corpus de Lois como apelido é do 1216, un tal Garsia Petri Lois (con interrogante) dos documentos da catedral de Mondoñedo, (non parece que sexa moi lóxico, xa que aínda non estaba estendido como nome de pía). A segunda entrada de Lois como apelido é de 1402, aparece recollida tanto no TMILG coma no Corpus Xelmírez, é un tal Afonso Lois do Geedento (da Labrada de Abadín ou Guitiriz) nun documento tamén da catedral de Mondoñedo.

Se buscamos na Cartografía dos apelidos de Galicia, do Instituto da Lingua Galega aparecen 3.226 ocorrencias do apelido Lois, concentrados sobre todo nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Se buscamos o apelido Luís aparece concentrado no sueste da provincia de Ourense. Tamén hai 158 ocorrencias de Sanluís, nas provincias occidentais. Os concellos onde hai  máis persoas con este apelido son Noia e Santiago. Preto destes dous sitios está o lugar chamado San Luís, en Pontecesures. Será este San Luís de Pontecesures o San Loys de Padrón que aparece nun testamento tanto no Corpus Xelmírez coma no TMILG? É probable, posto que tamén hai dúas ocorrencias de San Luis (da vila) de Padrón.

No Nomenclator de Galicia hai outros lugares que levan o nome deste santo: un San Lois en Carballo (posiblemente sexa o que aparece nun documento do 1486 recollido no Corpus Xelmírez como San Loys del coto de Jallas e Sant Loys de Jallas); temos O San Lois na Estrada e un Lois en Oza dos Ríos.

A conclusión podería ser que ningunha das dúas formas se xerou no galego, tanto unha coma a outra son formas diferentes do mesmo nome nacidas no francés en épocas diferentes da súa historia. Looys e Loys son das formas máis antigas do nome nesta lingua. O máis probable é que xa se pronunciase /lojs/ no francés antigo, como ditongo, xa que o nome xermano Hlúthawig e o posterior Ludwig levababan o acento na primeira sílaba. O desprazamento do acento ao i debeuse producir no francés dos séculos XII e XIII cando o ditongo /oj/ comeza a pronunciarse como /oe/ que evoluíu a /we/ e porteriormente /wa/ coma no francés moderno. Se cadra grafías como Loeys e Looye son un reflexo deste fenómeno. Como é evidente Loys deu Louis /lwi/ e non */lwa/, isto haberá que explicalo aducindo que un nome de persoa non evolúe igual ca unha palabra da lingua común, a súa evolución sempre vai ser máis conservadora.

Sem comentários:

Enviar um comentário