Avançar para o conteúdo principal

REFLEXIÓNS

Hai palabras que dunhas variedades dialectais a outras só se diferencian porque nunhas zonas a palabra ten un [m] e noutras un [b]. Parece como se nalgunhas palabras [m] e [b] se intercambiasen ou houbese vacilación entre estes dous fonémas nalgún período do idioma e en cada dialecto se fosilizase un dos dous alófonos: borno/morno, mandil/bandil, boneco/moneco, amoumado /aboubado, amoumar/aboubar, camallón/caballón/cabañón/camballón (en portugués: camalhão e cambalhão), borrea/murrea, menda/venda, mendar/vendar, tarabela/taramela, bonifate/bonifrate/monifate (en port. bonifrate), abeneiro/ameneiro/amieiro, cotobelo/cotomelo, garamelo/garabelo, bica/mica, barbaña/marmaña, barbañar/marmañar, marmallar/barballar, bochechas/mochechas, bornal/embornal/mornal, boucelo/moucelo, esboucelar/esmoucelar, mencía/bencía, carabuña/caramuña/carambuña; cotobelo/cotomelo, bocarte/mocarte, espavento posiblemente deu pamento, perico/mirica, amorroar/aborroar, enmorroada/aborroada, morra/borra, bacallau/macallau,

Cada palabra parece que ten unha distribución dialectal independente das outras, e incluso na mesma zona diferentes palabras poden presentar solucións contrarias; por exemplo nunha mesma zona pode aparecer: moneco, borno e amoumado; noutras: boneco e morno.
Parece algo normal e incluso esperable xa que son dúas consoantes moi próximas, pero tamén se podería tratar dun fenómeno de substrato, posto que este fenómeno xa existía nas linguas prerromanas no noroeste peninsular. Francisco Villar en varias descricións aproximativas das linguas prerromanas do noroeste da Península afirma que hai palabras, nestas linguas celtas, en que o fonema [m] aparece por [b]. Este fenómeno de nasalización da bilabial e o de desnasalización da bilabial nasal tamén está descrito nas linguas celtas insulares modernas.

Outros fonemas que entran en xogo:
Na zona de Mos dise ghabear ou aghabear e poufeiro e poufeira, espoufallarse; e na zona de Moraña dise ghapear e boufeiro e boufeira. Na zona de Poio dise esboufar, que podería estar relacionado. Que relación hai entre estas palabras? Por que a mesma palabra ten dous fonemas diferentes en contra do esperable? gapear/gabear, poufeiro/boufeiro, foupeiro, foupar/esboufar, piscarda/biscardo.


Na zona de Torroso (Mos) existen as palabras mirico e mirica para referirse ás ovellas e tamén se utiliza como voz para chamar por elas. Na mesma zona e os mesmos falantes empregan perico para referirse a unha rapariga inqueda, traste que actúa como se espera que actúe un rapaz, que ten maneiras atribuídas a un rapaz. No Dicionario de dicionarios di que perico é un carneiro novo, voz que se utiliza para chamar polos carneiros. Parecen palabras moi semellantes para ser de diferente etimoloxía, será que son a mesma palabra con alternancia de [p], [b] e [m]. Laparada/labarada, alabascar, alabascado.

Comentários

Mensagens populares deste blogue

ESCARPÓN

O escarpón ( de escorpión ) é un insecto subterráneo que escaba galerías onde vive e se alimenta de raíces. Ó come-las raíces seca as plantas, polo que é prexudicial para os cultivos. Antes, cando se labraban as veigas mandábanse os rapaces a apañalos, xa que ó vira-la leibua o arado quedaban ó aire. O nome científico é Gryllotalpa gryllotalpa. Nalgúns dicionarios aparece o nome alacrán ceboleiro,  que curiosamente é idéntico ó nome castelán. Outros nomes en galego son relo , rela e tamén grilo ceboleiro .

VOCABULARIO

Se sabedes algunha palabra "rara" ou que consideredes pouco habitual, restrinxida a algunha zona concreta, etc. podedes engadila neste apartado, aprendédenos palabras!!!!